Colaboración de Xopau:

” Decididamente, para alguén que non cre na dialéctica, o que sucede está sendo demais. Eleccións en Galicia, eleccións europeas, a enquisa…un feixe de fracasos que non por lóxicos son máis levadeiros.

Sen dúbida o principal motivo do decaimento está no feito de non contar coa derrota do 1 de marzo. Aquel bipartito tan denostado a algúns íanos chegando mal que ben para sair á rúa con certa dignidade e con un aquel de “ cuidadiño que agora gobernamos” tan necesario neste país de descastados. Agora a xente botouse a pacer e vive nunha euforia descontrolada e o peor crédeme é a xente…. Amigos, o señor das escaleiras, familia…Vese que pasaron algo de medo (non se fixo logo tan mal) porque agora disfrutan inmensamente…

Nos periodos de decadencia sentimental todos rozamos a esquizofrenia. Desde os meus anos de Santiago nunca falara tan rápido e berrando coma agora, as ideas e reflexións sobre a nación azóutanme demasiado frecuentemente no discorrer do día pero non hai maneira a construir un discurso coerente, evito a xente conflitiva e as opinións contrarias á miña porque teño a sensación de ter perdidas todas as batallas no referente a Galicia, os argumentos dos descastados poderían levarme a un ataque de ira…en fin …cousiñas…

Nos últimos días sigo a preguntarme cal é a arma do nacionalismo. A resposta é clara: nen burguesía, nen maioría popular, nen medios de prensa, nen élites intelectuais ( non pensemos en certas facultades que no panorama xeral son anecdóticas)…Cando naquelas asambleas dos anos 70 se decidiu pór fin a calquer intento de insurrección armada, cousa que puido ser acertada, debería terse definido cales ían ser as alternativas. Encántame a política nos EEUU: un loby. Pois iso con que iamos construir o noso loby… As nosas elites responderon con firmeza: coa soberanía popular… seguimos esperando.

Por certo falando de esperar (esta maneira de encadear na literatura medieval chámase capfinida… o que digo da esquizofrenia) son o único miserable que son consciente de que hai cousas que non teñen un tempo indefinido para ser resoltas…dígase a lingua. Esperamos o movemento dialéctico pero esta dialectica salta sempre para o mesmo lado : o xenocidio cultural. Di lannister que haberá que priorizar e eu entre os signos identitarios do pais e as reivindicacións do metal teño claro para que lado me inclinaría pero o meu partido (tuba de despertar e camiño que nunca se desanda dixo Ferrin…pobre iluso) xa non me vai dar opción. Tremenda furgoneta da CIG para dirixir as asambleas e outras tres xeracións de vigueses noviños curtidos na nación proletaria… (lingua proletaria do meu pobo… mentira certa… e se fose verdade causa obvia da diglosia).

Falemos do capital. Dixo Antón Reixa: Galicia non é unha nación, é un continente. Se viaxas vese. Coruña parece unha cidade de verdade con aqueles edificios grandes cos carteis luminosos das empresas e da banca, Vigo-Rotterdan, os cantis do Norte e o calor e os veráns longos das rías baixas, as chairas agrícolas do centro e as montañas nevadas e sen explotar do Oriente… Isto vírono ben os homes de Nós… A nosa principal eiva a nivel cultural e histórico: axuntar nun construto nacional realidades tan diversas. Un 60% ,polo menos, de galegos non coñece Galicia, estou certo…Madrid e España , afortunadamente, tampouco… Unha realidade tan diversa ten por forza que xerar unha economía moi diversificada e de feito así é. Esta, din que é a chave dunha economía punteira. Nós polo tanto deberiamos ser, xa non unha frecha, senón un mísil… Repasemos e fale o ignorante no tema: baixura, altura desde Gran Sol a Canada, conxeladores e piscifactorías e un sector marisqueiro impresionante; leite, carne de vacún e de calidade, queixerías varias e denominacións de orixe; pizarra e granito ( os maiores exportadores do mundo); portos de mercadorías e industria especializada de asteleiros; unha industria textil puxantísima e unha das meirandes fortunas do mundo asociada a este sector; enerxía hidráulica, eólica (ah, ah… unha risiña esquizoide) e dúas térmicas (unha delas moi contaminante…vamos, que produce enerxia a feixes); unha serie de industrías algo terceiro mundistas pero que xeran moitísimos postos de traballo de certa calidade ( consumidores-proletarios excelente bocado para o sector servicios): aluminio, celulosa, citroen…; unha zona costeira privilexiada a nivel turístico e un interior e montaña, sobre todo esta última, sen explotar; un sector do viño espallado por case toda Galicia e en expansión con produtos punteiros de calidade, unha non despreciable riqueza forestal… aburro … non sigo. Si que sigo: unha zona marxinal do Estado ten dúas caixas de aforros e un banco ( ou dous, non estou certo). Xa vexo o que teñen os ricos de Asturias, Cantabria, etc.. Recórdese que non están computadas as divisas nen fortunas da emigración. A pregunta é:

ONDE CARALLO ESTÁ O DIÑEIRO?

Ou o que é o mesmo: que relación garda isto cos convenios miserables dos galegos, a marxinacióin histórica a nivel de infraestruturas, a emigración masiva, a falta de oportunidades aínda hoxe, un mercdo de traballo cutrísimo, etc..

A resposta é: a diversificación da actividade económica garda relación inversa coa diversificación do capital en Galicia. Isto é: o capital está nunhas vinte persoas, entidades, ou familias….dito doutra maneira garda a estrutura franquista. Como pode darse esta concentración de capital en tan poucos elementos partindo dunha situación enormemente diversa é cuestión que non alcanzo a entender pero se alguén sabe de economía (da de verdade; isto é capitalista) escoitareino con atención…

Por certo se se compara o volume de actividade económica cos que somos para repartir a cousa xa é para botarse a chorar durante días…

Todo isto é o elenco de actores (os principais) que se cargaron ao bipartito. E digo máis: xestionar o noso ( dado que creo que o volume de capital é enorme por máis que o computen para que nos saia deficit) pasa pola morte de miles de galegos e por unha confrontación total ( esquizoide?). Digo xestionar , non parches nen amaños…

O último: analizar a economía galega como chea de posibilidades e potencialidades (visión do nacionalismo) e depreciar o volume de capital que agora xera é xogar con eles. Non queremos mellorar, sobra moito do que hai se se aplican medidas de redistribución, e non falo de comunismo, nen da desaparición das clases sociais…”

Tags: ,

This entry was posted on Martes, Xuño 16th, 2009 at 11:59 a.m. and is filed under Política. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

One comment

heder
 1 

“A resposta é: a diversificación da actividade económica garda relación inversa coa diversificación do capital en Galicia. Isto é: o capital está nunhas vinte persoas, entidades, ou familias…”
Sentindoo moito, teño que discrepar con esta afirmación. A concentración de capital non é un fenómeno galego, é un fenómeno mundial. E aquí non só non está mais concentrado do común, senón que está bastante mais repartido. O groso das familias galegas teñen capital. Vivendas en propiedade, leiras e pequenos negocios, barcos de baixura, explotacións gandeiras de maior ou menor tamaño… De ahí a diversidade da actividade económica. De feito, a maioría das empresas do estado están aquí, e son case todas moi pequenas. Podedes ver os datos na páxina do ige: http://www.ige.eu/igebdt/servlet/grafico;jsessionid=ED1EDC147473ED9FCC8FADCEE67E7070?paxina=002001&c=0310001001&TIPO=1&W=700&H=500&L=1&nn=1245251504752

O que está en mans dunhas vinte persoas, entidades ou familias é O CONTROL da economía galega.

Discrepo tamén en que analizar a economía galega como chea de posibilidades sexa despreciar o seu volume actual. Esta visión correspóndese coa realidade, xa que COORDENAR a acción de todos estes pequenos capitalistas é o que pode facer que os beneficios da actividade queden aquí en lugar de escapar como escapan.

Por último, gustaríame saber cómo propós aplicar medidas de redistribución sen que te chamen comunista. Xa sabes que o banco de terras era estalinismo puro, según o discurso da prensa, do PP e, ainda que ca boca pequena, tamén do Psoe. Unha medida voluntaria que conservava a propiedade nas suas mans orixinais e so facilitaba contratos entre particulares. Se en lugar de intentar poñer a producir o que é da xente chegan a intentar distribuir a riqueza que xeramos quitándolla a quen a acumula non habería campaña para cargarse ó bipartito. Habería unha suspensión da autonomía.

Xuño 17th, 2009 at 4:27 p.m.