21
Set

Promesa cumprida: reformas estruturais

   Posted by: lannister   in Política

In illo tempore prometín adicar unha anotación ao termo de moda: reformas estruturais. Promesa que repetín cando dixen que se retomaba o blogue unha das primeiras cousas que faría sería “colgar” esa anotación pendente. Causas diversas fixeron que a devandita anotación se fose retrasando ata hoxe. O primeiro sería comezar dicindo que son reformas estruturais. A resposta doada é reformas que afectan a estrutura, e así poderíamos entrar no mesmo circulo vicioso no que están instalados comentaristas e políticos, todos eles moi felices de darlle voltas o asunto sen ter que mollarse. Por que non se mollan? Primeiro porque moitos deles non teñen idea ningunha máis ala de dicir que se precisan reformas. Segundo porque os que si teñen ideas prefiren protexelas dos rivais e da opinión pública non vaia ser que se trabuquen ou que non apoien a súa visión do que precisa facerse. Eu dado o reducido círculo de lectores os que me dirixo e a que non aspiro a ningún posto de goberno podo permitirme o luxo de trabucarme, de que me copien e mesmo de que me rebatan. Así que o taxo:

Cando en economía ou política se fala de estrutura refírese aqueles condicionantes máis ou menos estables, en ocasións permanentes, que non dependen dunha circunstancia pasaxeira (a conxuntura) e que polo tanto teñen unha plasmación física ou institucional e que condicionan/explican de xeito continuado o funcionamento económico-político. (Esta definición tal é como esta redactada é miña para evitar caer nos tecnicismos). No caso da economía española existe certo consenso de cales deses factores ou elementos permanentes deben ser “tocados”, corrixidos máis ben: educación, reforma da administración, infraestruturas, enerxía, sistema fiscal… factores que dada a súa importancia teñen un alcance non só económico senón tamén social e político

– A educación: Desde que o goberno de Felipe González aprobou a LOGSE

Ley de Ordenación General del Sistema Educativo
Ley orgánica 1/1990, de 3 de octubre de 1990

unha das cantinelas habituais é o mala que resulta a educación en España. Cantinela que conta cunha irmá xemelga: a educación debe voltar a ser unha competencia do goberno central porque os nacionalistas periféricos falsean a historia e rompen España. Se a todo iso lle engadimos os nefastos resultados dos sucesivos informes PISA e o elevado índice de abandono escolar temos o consenso sobre a necesidade de reformar a educación. E ata aí, porque máis aló desa necesidade permanente de reforma non existe acordo ningún. A verdade é que tal e como están as cousas prefiro que non o haxa.

Un sistema educativa é moito máis que un fato de leis e regulamentos, un sistema educativo é un reflexo da sociedade que o crea e o mantén tanto no bo coma no malo. Como reflexo desa sociedade cumpre a función que a sociedade lle encarga. E neste momento o sistema educativo do estado español cumpre a perfección a función que a sociedade lle esixe: ser un servizo de gardería prolongado no tempo que expide títulos que supostamente certifican uns coñecementos aínda que non impliquen ningún. Mentres a sociedade non crea na necesidade de encargarlle o sistema educativo outra función calquera reforma sobra. Voltarei sobre isto noutra anotación.

– Reforma da administración. Outro cabalo de batalla habitual e relacionado co anterior é o da reforma da administración E unha vez máis diverxese no obxectivo pois para algúns o que habería que facer e volver a centralizar todo en Madrid e prescindir das malvadas autonomías. Os que así falan atinan no diagnostico e fallan na solución. Certamente as autonomías aumentaron o número de funcionarios, curiosamente os concellos tamén o fixeron e ninguén anda por aí pedindo que desaparezan, porén o problema non radica nelas senón en que a AXE (administración xeral do estado) segue a meter os fuciños en todo. A solución vai máis aló dunha mera reforma administrativa esixe que se de unha reforma constitucional e pasemos a un autentico estado federal. Voltarei sobre isto noutra anotación. (uff non sei se estarei a prometer demasiado)

Mentres chega ou non a reforma constitucional que nos faga ir cara adiante (modelo federal) ou cara atrás (modelo centralista de novo) pódese pensar nalgunhas reformas: non estaría mal que a administración deixase de amar o papel e pasase dunha vez a unha administración totalmente dixital, como non estaría mal que a celebre disposición das sucesivas leis sobre a administración: unha vez entregado un documento non é preciso entregalo nunca máis porque a administración xa conta el fose verdade, ou que as distintas administracións se comunicasen entre elas en vez de soltarche: “esa é cousa túa, tes que facelo ti que nos non nos comunicamos con X (X no meu caso estaba no mostrador do outro lado do corredor). En resumen, tendo en conta que os nosos datos están realmente en mans de todo o mundo: a propia administración, empresas varias, a policía e garda civil cando fan “labores de prevención mediante captación de datos de xeito aleatorio” e correndo por internet; sería bo que aproveitando o novo DNI cun chip todos os nosos datos estivesen centralizados e presentando o mesmo en calquera lugar físico ou virtual se solucionasen todos os tramites sen papel ningún. Isto cara o administrado.

Cara a propia administración a reforma resulta obvia: eliminar a administración paralela (os celebres chiringuitos) e tódolos cargos que non esixen a condición de funcionario, e dispor de oficinas abertas pola tarde e os sábados Feito isto deixaríamos de ter miles de funcionarios que se rascan a barriga porque as súas funcións as desempeñan outros, reduciríanse os custos e aumentaría a independencia e a transparencia da administración respecto os partidos.

Non menciona a necesaria e urxente desapirición de ministerios carentes de competencias que poderían ser perfectamente substituídos por secretarías de estado porque iso entra dentro da reforma do estado.

– Infraestruturas. A primeira rede de estradas dignas de tal nome, deixando a un lado as estradas romanas, foi a rede de carreteras (vías aptas para carros de aí o nome) obra dos Borbóns no século XVIII. Estes trouxeron con eles o modelo radial francés e centralizaron todas as vías de comunicación en Madrid. Normalmente os poucos que se atreven a renegar de Madrid como omphalos ou axis mundi soen botarlle a culpa os Borbóns desa centralidade da rede de comunicacións que crea graves problemas de transporte. A verdade é que máis que dos Borbóns é dos liberais do século XIX que copiando o xacobinismo da república francesa teimaron en manter Madrid coma centro de todo. Só o terceiro plano de desenvolvemento franquista (que non se chegou a aplicar pola primeira crise do petróleo e a fin do rexime) e o actual PEIT contemplaron a posibilidade de esquecerse da mística de Madrid e comezar a usar a razón. O estado español ten varias carencias graves en infraestruturas: a rede de estradas presenta baleiros significativos, nos onde se bloquea o tráfico e insuficientes comunicacións transversais; o ferrocarril como transporte de mercadorías agonía coma en tódolos países agás USA e o de pasaxeiros ten luces (AVE) e sombras (o resto); en canto a comunicacións marítimas os portos españois que por situación xeográfica deberían ter un maior peso nos intercambios mundiais non o teñen por carecer de servizos e de boas comunicacións co interior.

Ante estes problemas a opinión dominante é furar, furar e furar. Prometéselle todo a todo o mundo independentemente de que non existan os recursos para por unha autoestrada, un AVE e un aeroporto na porta de cada casa. Promesas que derivan en grandes enfrontamentos sobre prazos e incumprimentos que engaiolan a opinión publica sen que ninguén se pare a pensar se todo é posible ou necesario.

Esta claro que se necesitan máis conexións leste-oeste e norte-sur (neste caso que non pasen por Madrid) o que habería que debater é que conexións se precisan para mercadorías, cales para pasaxeiros e cales mixtas. Atendendo as necesidades habería que escoller entre autoestradas, autovías, ou vías férreas, todo conectado cos portos.

Disque o ferrocarril vivira en breve un segundo renacemento debido a súa capacidade de carga e aforro enerxético porén en España so se planifican líneas de pasaxeiros (AVE) que consumen unha grande cantidade de enerxía. España precisa xa un número limitado si, porén un número de arterias ferroviarias para o transporte de mercadorías. A forma de que sexan rendibles é a mesma que en USA: líneas modernas que permitan grandes velocidades, trens máis grandes (no senso de que leven maior número de vagóns), e interconexión con tódolos demais medios de transporte, unha vez máis os portos son fundamentais.

Os portos precisan boas conexións por estrada e por ferrocarril, estar coordinados entre eles e cos aeroportos. Mención especial merece a navegación de cabotaxe desaparecida practicamente nos últimos anos e que nun país cunha fachada marítima tan ampla debería xogar un papel importante no transporte de mercadorías. A conexión e mellora dos portos incluídos os máis pequenos é fundamental.

Ademais do xa dito outro factor a ter en conta é a nefasta planificación e escaseza de medios do transporte colectivo de pasaxeiros. As cidades e vilas do estado están “planificadas” de tal xeito que o coche particular é imprescindible na meirande parte dos casos. Os transportes colectivos carecen da periodicidade axeitada, das conexións adecuadas e de medios modernos sobretodo nos interurbanos (ir en autobus por Galiza adiante é unha odisea de tempo, é según a liña un risco para a saúde en todos os sentidos tendo en conta as condicións mecánicas e hixiénicas dos autobuses)

-Enerxía. Relacionase directamente co apartado anterior pois o modelo enerxético e o de infraestruturas relaciónanse directamente. O transporte por estrada, básico nestes momentos, consume grandes cantidades de enerxía e xera importantes emisións de CO2. De aí que a potenciación do ferrocarril e dos portos sexan temas relevantes para as infraestruturas senón que tamén o son para a eficiencia enerxética.

Dentro do controvertido tema das fontes de enerxía o único punto que parece ter importancia é o de nucleares si/nucleares non. Este debate ten gran importancia porén non é o único. Persoalmente estou en contra da enerxía nuclear, do mesmo xeito que creo que a sociedade actual “é adicta a enerxía”como se soe dicir. Hoxe todo precisa enerxía. Os ordenadores que empregamos para traballar, informarnos e divertinos consumen enerxía e mesmo se esta a falar de prescindir dos libros de papel por lectores dixitais que precisarán: enerxía. Iso sen contar móbiles, videoconsolas, televisores, electrodomésticos… Como obviamente non imos renunciar a todo iso haberá que plantexarse de onde sacamos esa enerxía nun momento en que o petróleo sobe de prezo (que se acaba ou non é outra historia, as propias petroleiras non teñen nin a menor idea das reservas reais, tanto pode acabarse maña como dentro de 50 anos). O quid da cuestión nun país tan dependente do exterior como España está en diversificar o subministro tanto en fontes de xeración como en procedencia de materias primas enerxéticas e enerxía, e en racionalizar o consumo.

Racionalizar o consumo implica: unha planificación axeitada das infraestruturas de transporte e dos medios que se van empregar nelas, mellorar as liñas que transportan a electricidade, achegar os grandes centros de consumo os de produción, e reducir o consumo. Neste último caso as administracións publicas teñen moito que aportar. O alumeado publico pode apagarse en parte a partires dunha hora (1/3 das farolas das dúas da mañá en diante no meu concello), pode prescindirse do alumeado das festas e das panxoliñas a todo volume en Nadal… e concienciar a poboación para que empece a aforrar nas súas casas.

– O sistema fiscal. Todo o mundo odia pagar impostos. Eu non son unha excepción. O día/semana/mes de pagar todo o mundo se caga en facenda e se considera un ser desgrazado, oprimido e que paga demais porque sempre quen ten que pagar e outro. Un outro etéreo que rara vez identificamos o mesmo tempo que dicimos que o Estado é moi rico e pode vivir sen os meus impostos, como se o Estado fose un ente abstracto en vez da suma dos cidadáns e as institucións que os representan. Aproveitandonse deste rexeitamento universal permite que os impostos sexan un dos temas que máis se prestan a demagoxia así como que a priori a maioría apoie os plantexamentos neoliberais da baixada de impostos como solución de todos os males.

A baixada de impostos como solución a todos os males arrinca da era Thatcher/Reagan plasmada na teoría da servilleta.

O asesor económico de Reagan cando estaba en campaña para chegar por primeira vez a presidencia suxeriulle unha baixada de impostos. Estaban nun restaurante e bosquexou a súa idea nunha servilleta: fixo unha gráfica de coordinadas cartesianas onde representou os ingresos e os impostos. Loxicamente engadiu para que Reagan o entendera que se baixaban os impostos o espazo que quedaba entre estes é a liña dos ingresos medraba. A máis ingresos, máis consumo, máis consumo maior actividade económica, maior actividade económica mais ingresos por impostos aínda que diminua a porcentaxe dos mesmos e asi sucesivamente. Velaí a base do neoliberalismo. Isto é certo ata un punto.Pasado ese punto por moito que baixemos os impostos a economía non medra, incluso se contrae pola diminución do gasto do Estado. Polo tanto existiría unha especie de Santo Graal económico: o punto de equilibrio onde os impostos baixos favorecen o crecemento económico sen repercutir no gasto publico. Porén como calquera Santo Graal ese punto é escurridizo e movese co tempo. Na situación española actual o problema radica en que pese as queixas do PP e a brunete mediatica os impostos baixaron desde a crise do 93 e non queda máis remedio que subilos. Por outra banda non estaría mal que aproveitando a subida (hipótese miña cando pensei esta anotación ala por maio e agora realidade inminente) se reformase o sistema. Desde sempre as autoridades encargadas de recadar impostos preferiron os gravames indirectos por ser máis doados de recadar, render máis e provocar menos protestas o ir incluídos no prezo dun producto. Cada baixada de impostos directos foi acompañada da correspondente suba dos indirectos. Suba que a parte de ser inxusta para as rendas máis baixas axudou a que a inflación en España fose máis elevada que no resto de Europa.

A reforma debería ir encamiñada a simplificar o sistema de recadación, dar maior peso os impostos directos e reducir os indirectos que son os que máis inciden sobre o consumo. Ademais de por suposto eliminar o canon dixital, un imposto que se paga a unha entidade privada a SGAE algo inaudito desde a creación do Estado liberal no XIX e a fin do feudalismo.

Tags:

This entry was posted on Luns, Setembro 21st, 2009 at 12:13 p.m. and is filed under Política. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

8 comments so far

milles
 1 

Duas puntualizacions sobre educacion para non confudirnos:

1)Estamos no posto que nos corresponde segun presuposto, tanto gastamos, tanto temos. Non e un problema de orde ou autoridade senon de darlle pasta a voz e sacala dalgun sitio.

2)Pisa da malos resultados en españa, en euskadi son bos, e en galiza e catalunya estan na media europea (en idiomas alomenos)

3)Calquera que quiera falar de manupulacion historia que faga unha viaxe por leon, dende a gallaecia romana coas dimensions da galicia autonomica en adiante, un autentico moumento o imperialispo, o paletismo e a estupidez militante. Se algun dia fan un himno con letra que comece co de “muerte a la inteligencia”.

Setembro 21st, 2009 at 5:09 p.m.
milles
 2 

Falar de transparencia da administaracion tal como esta a xustiza en españa e como tentar poñerlle o tellado a unha casa en chamas. Os primeiros corruptos son os xuices, fiscais e forzas do desorde publico. Sen unha PURGA e descentralizacion da xustiza todo cambio administrativo e papel mollado en mans de tribunais politizados. Podes poñer que e de dia que eles sentenciaran que pon noite e o carallo.

Setembro 21st, 2009 at 5:16 p.m.
milles
 3 

Para rematar: A ENERXIA NUCLEAR DE FISION NON E RENDIBEL, simplemente os custos de procesado dos desfeitos radioactivos superan os coste das enerxias renovabeis. Sae rendibel se ti levas a pasta e o estado queda coa merda, pero para iso eu prefiro que lles den a pasta directamente e nos aforramos os cancros e os chernoviles.

Setembro 21st, 2009 at 5:20 p.m.
lannister
 4 

Soaría ben o himno si. En canto a purgar, que queres os meus arrebatos de romanticismo ainda me fan crer na lei.

Setembro 22nd, 2009 at 10:33 a.m.
Heder
 5 

O da teoría da servilleta esquece intencionadamente o papel económico do estado. Como xa dixen en anotacións anteriores, de nada vale dar mais cartos ós consumidores se se lles carga con novos gastos eliminando servicios que pasan a ter que pagar. Seguramente unha boa rede de guarderías de 0 a 3 anos e de centros para dependentes, públicos e gratuitos, estimularían máis o consumo que ningunha baixada de impostos, e isto sería así por varios efectos:

1º- As familias con nenos pequenos ou con dependentes entre os seus membros pasarían a ter polo menos un adulto máis libre para traballar (conseguindo máis ingresos) ou para xestionar os recursos domésticos.

2º- As familias en que todos os adultos traballan eliminarían os gastos de servicio doméstico que agora son imprescindibles para poder acudir ó posto de traballo sen desatender aos dependentes da familia.

3º- Todas as familias saberían que, cando decidan ter un fillo ou alguén da familia teña unha enfermidade, a sua atención non suporá unha carga económica para a familia e por tanto a sensación de seguridade aumentará, alentando o consumo en lugar do aforro.

4º- Os postos de traballo xerados por un servicio público son netamente mellores para o consumo e a economía que os traballos de “teño en casa unha rapaza tres horas ó día que me coida a vella e me limpa a casa”:
-Están mellor pagados, co que os traballadores poden á sua vez consumir.
-Resultan máis baratos, xa que unha plantilla de dez persoas pode atender a 50 dependentes 24 horas, en lugar de ter un coidador mal pagado para cada un.
-Son postos de traballo “en A”, que pagan impostos e cotizan á seguridade social, o que redunda en máis ingresos para o estado e máis dereitos para os traballadores.

Este mesmo razonamento pode aplicarse a case todos os servicios públicos, de xeito que o realmente rendibel para a economía non é baixar impostos, senon subilos.

Outra cousa é qué impostos subir. E para non perxudicar o consumo a estratexia está clara: subir os impostos a quen xa non pode gastar todo o que gaña, é dicir, ás grandes fortunas. E se queren marchar… en fin, a fuga de capitais pode tipificarse como delito, pódense impor aranceis á saida de cartos…

Setembro 22nd, 2009 at 10:41 a.m.
xopau
 6 

Sobre o dos postos de traballo do Estado teño iniciado campaña entre as miñas amizades para explicarlles que dos dous mil euros que cobro, a fin de mes non teño nada. Onde están? pois mira ti, a meirande parte nas mans dos autónomos, eses que votan ao PP e seguen coa teima de que os funcionarios acabamos co Estado. Quería ver eu o sector servizos sen os funcionarios a ver o ben que ía. O argumento é sinxeliño pero non se escoita planntexado así por ningún lado… En fin que saúdos de novo a todos, felicidades a Lannister por ter a boa idea de retomar o blogue e perdonade se non participo moito pero estou un pouco descentrado aturando as brigadas pedagóxicas e psicoterapeútico legalistas de comezo de curso, esas que coñecen todas as leis menos a de normalización lingüística…

Setembro 22nd, 2009 at 9:53 p.m.
Heder
 7 

Benvido Xopau, botabamoste en falta!

Por desgraza non so os autonomos votan ó PP. Outra cousa é que case todos eles estén de acordo en que pagan impostos de máis. O triste é que os sucesivos tipos impositivos para os autonomos están pensados para que o autónomo tramposo pague impostos. Ou sexa, que estiman que vas ter boa parte dos teus ingresos en “B” e cárganlle ó “A” unha cantidade desproporcionada. Ademáis de que as coberturas da seguridade social do rexime de autonomos son ridículas. De novo a solución está en cobrar impostos a quen de verdade ten os cartos para financiar os servicios comúns.

Por outra banda, non podo estar mais de acordo con Xopau en que neste país falta apreciar un factor económico básico: o consumo. No momento en que os milleiros de pequenos empresarios se decaten de que lles interesa que a xente teña un poder adquisitivo alto para que poidan comprar os seus productos e que o precio disto é non so pagar impostos, senon pagar ben aos teus traballadores cambiarán moitas cousas. Mentres tanto, o papel dos funcionarios como consumidores será insustituible por ser os únicos asalariados en condicións de consumir. Non polo seu salario, xa que os grupos baixos teñen salarios bastante discretos (Os grupos E e D cobran en torno a 1000 euros), senon pola seguridade de que non van quedar no paro, que permite que consuman a crédito con tranquilidade.

Setembro 23rd, 2009 at 12:06 p.m.
lannister
 8 

Benvido Xopau. Por outra banda que esperabas dese lugar infecto no que estas? É un de tantos que deberían ser usados como recheo ou algo así.

Setembro 24th, 2009 at 11:34 a.m.

One Trackback/Ping

  1. Galizauberalles » Arquivo do blogue » España: o imposible soño federal I    Ago 25 2010 / 2p.m.:

    […] tempo prometín tratar o asunto da posibilidade dun estado federal en España. Comezo con esta anotación o cumprimento desa […]