20
Xan

Derogator: o contraataque da Ponsellería

   Posted by: lannister   in Desfeita, Lingua, Política

Onte desde a Ponsellería mandaron este correo a todolos usuarios do correo da Xunta para a comunidade educativa:

” Prezado profesor/profesora:

Dirixímonos a vostede desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para transmitirlle un resumo dos puntos principais que organizan as bases do decreto de plurilingüismo, documento que lles presentamos aos partidos políticos parlamentarios, ás forzas sociais e ás institucións, co obxectivo de propiciar o máximo consenso posible no deseño do marco educativo para o ensino non universitario de Galicia.

Quero indicarlle, en primeiro lugar, que as bases que presentamos se enmarcan no respecto e aplicación da Constitución española, do Estatuto de autonomía de Galicia e da Lei de normalización lingüística, documentos legais que garanten a cooficialidade do galego e do castelán, a non discriminación por razón de lingua e a promoción activa da lingua galega.

En segundo lugar, as bases están asentadas en tres principios: a aposta por un plurilingüismo efectivo; a garantía de equilibrio entre as linguas oficiais; e a potenciación da participación das familias.

Con respecto ao plurilingüismo, a realidade social, cultural e laboral europea lévanos a redefinir os modelos de adquisición das linguas para que capaciten ao alumnado no dominio de linguas estranxeiras, e sempre sen descoidar a correcta e plena aprendizaxe das linguas oficiais. Apostamos por un ensino no que se garanta o equilibrio, en horas lectivas entre o galego e o castelán, para a medio prazo, ir introducindo algunha materia en lingua extranxeira -predominantemente o inglés-.

Convén ter moi presente que somos realistas e sabemos que a impartición dunha parte das materias e das horas semanais en lingua(s) estranxeira(s) non se pode implantar de golpe sen ter en conta a indubidable importancia do profesorado: é preciso insistir na formación e na reciclaxe do profesorado, ao tempo que aumenta a capacitación do alumnado para que se incorpore á docencia plurilingüe.

A Administración educativa vai facer o máximo esforzo para que os centros educativos e o profesorado se incorporen, de maneira progresiva, gradual e voluntaria, ao ensino plurilingüe. Mentres tanto, tal como xa está indicado nas bases, cada centro asignará as horas semanais, de maneira equilibrada, en galego e castelán.

Con respecto ao equilibrio entre as linguas oficiais, prevese tal equilibrio en todos os niveis educativos na docencia ofertada en galego e castelán. Así, asegúrase unha porcentaxe estable para as linguas nas que se van impartir as materias en todos os niveis educativos, establecida a través do correspondente equilibrio horario.

E con respecto ás familias, estas terán voz, en colaboración estreita co profesorado, respondendo a un compromiso de goberno adquirido coa cidadanía. Na primeira escolarización dos fillos/as, en Educación Infantil, indicarán a lingua predominante da aula, sempre acompañada da outra lingua oficial, e nas etapas posteriores terase en conta a súa opinión sobre a distribución lingüística das materias.

Cremos que estas son unhas bases para un decreto necesario para superar o debate suscitado arredor das linguas en Galicia. É necesario tamén para garantir a adquisición da competencia plena nas dúas linguas oficiais e o fomento activo da lingua galega. E, finalmente, precisámolo para artellar un sistema educativo que favoreza a capacitación en linguas estranxeiras do noso alumnado, consonte as demandas sociais, culturais e laborais da sociedade galega actual.

Queremos contar coa súa participación neste proceso ilusionante que principiamos agora. Desexamos poñer os alicerces dun ensino moderno e de calidade, axeitado á realidade de saberes, habilidades e coñecementos lingüísticos precisos para a formación do alumnado da Galicia do século XXI. E para lograr, en definitiva, un marco educativo que sexa garantía da mellor convivencia nas aulas e na sociedade.

CONSELLERIA DE EDUCACION E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA”

Polo visto os alicerces que queren construir son o estilo fenicio que esixía un sacrificio como base para erguer calquera edificación. Eles escollen o galego como sacrificio. Eu, especialista en historia das relixións, non teño nada en contra dos fenicios, de feito estaría encantado de colaborar coa Ponsellería incluso cun sacrificio o estilo fenicio, so teñen que deixarme escoller as catro persoas que todos temos en mente como base deses alicerces.

Respecto a folga de maña, orixe desta preocupación polos alicerces, a cousa vai por sitios. No meu centro imos ir a folga catro gatos mal contados mentres noutros vai ir a maioría ou vaian ou non sacan cousas coma Posicionamento_do_IES_Pazo_da_Mercé_sobre_as_bases do decreto.

Por certo aínda que eu maña fago folga non poderei ir a Compostela. Agradecería aos amables lectores, se algún vai estar na manifestación, que me informase da mesma. Pois xa estou vendo os titulares de La Coz e prensa semellante:

” Cuatro Radicales y/o dos indepedentistas/terroristas se manifiestan contra el inglés y el castellano”

Aquí en Galizauberalles2

Tags: , , ,

This entry was posted on Mércores, Xaneiro 20th, 2010 at 12:52 p.m. and is filed under Desfeita, Lingua, Política. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

Comments are closed at this time.