AVISO: Por problemas coa conta de correo de contacto deste blogue vinme na obriga de cambiala por outra. Na descrición do blogue xa esta cambiada. O novo enderezo electrónico é: galizaprimeiro@gmail.com. Se alguen nas dúas últimas semanas mandou algo a conta antiga recomendolle que o envíe de novo a nova conta.

Respecto a agresión a Roberto Blanco repito o que xa dixen aquí, cambien Gloria por Roberto e todo o dito vale.

E AGORA SI A COLABORACIÓN DE XOPAU:

” Hai algo que detesto profundamente desde hai cousa duns quince anos, e é falar sobre a cuestión lingüística. Algunhas acérrimas discusións familiares e con amigos na adolescencia fixeron que vise que só se pode dialogar, no verdadeiro sentido do termo, con xente algo próxima a ti. Nos posteriores cinco anos dediqueime entón a falar de lingua cos meus, é dicir, cos falantes conscientes. Centrouse entón o tema na cuestión normativa, e podédesme crer: quen saia de aí sen danos sicolóxicos graves está en condicións de acadar os máis grandes logros nesta vida terrea. Ergo, abandonei case totalmente a discusión lingüística, co que creo que fixen un enorme favor aos que me arrodeaban e ao meu país. Evidentemente penso para min, pero calo.

A inactividade na que estou esta tempada faime ter algún que outro remorso polo que rompín esta especie de pacto tácito comigo mesmo e decidín enviar ao blogue unha colaboración nin máis nin menos que sobre lingua. Un tema certamente innovador.

A primeira cuestión que debemos aclarar é que, ou se é un superdotado, ou sobre lingua neste país está todo dito. Isto é claramente un problema, e dificulta moitísimo certos entendementos que non estarían de máis. Outra vez o minifundismo penetrou tamén nestes campos e a fórmula terrorífica que non conseguimos eliminar é a de “un falante consciente, un lingüista”. Por desgraza como falantes conscientes non é que sexamos moitos, pero como lingüistas sobramos case todos.

O anterior ten que ver con algo grave que lle sucede a este país e que poderiamos calificar de logocentrismo nacional. A lingua ten, por tradición histórica, demasiado peso, e sería desexable que a xente se preguntase se non haberá moitos outros rasgos nacionais que merecerían a convocatoria dunha manifestación multitudinaria. Pensemos que a lingua leva en seis meses tres, e do deterioro paisaxístico desta nación nin case se fala. Un pobo diglósico é un pobo diglósico en todas e cada unha das súas facetas sociais e culturais, e está por demostrar que a lingua teña preponderancia obxectiva sobre calquera das outras.

As reflexións que a continuación irei debullando están no meu máis puro estilo inconexo e de fluir mental, pero teñen un único fío condutor: o debate para min só existe en termos de política lingüística. É dicir, non creo, para esta nación, nin case para ningunha, no que se pretende desde certos sectores nacionalistas e filolóxicos de desvincular a reivindicación da lingua da reivindicación política.

Que fas logo, Xopau, coa xente do PP e do PSOE que foi á manifestación?

Son nacionalistas, e a especial idiosincrasia deste país, cun único partido de extrema esquerda liderando o nacionalismo, fai que militen nos grupos estatais. A ver se algún iluminado que pon o exemplo de Cataluña se enteira dunha vez que alí o PSOE é máis nacionalista que aquí o Bloque, e rematamos con esa trapallada de despolitizar a lingua, cousa imposible dabondo.

Desvincular a lingua da política como medio de captar falantes é un argumento falaz e o que é pior, universitario. Quero dicir con isto que nace do mesmo espírito que, por exemplo, o debate normativo: non hai que traballar, compañeiros, porque Doraemon ten un peto máxico. Solucións que diría o Señor de las Habichuelas “Made in Abundio”. Unímonos á lusofonía e a vivir, facemos unha normativa dialectalizada e próxima ao pobo e listo, non nos asociamos co nacionalismo e veña a gañar falantes aínda para alén das nosas modestas fronteiras…Seriedade señores, seriedade…Como se vai a desvincular unha lingua dunha ideoloxía política que foi a única que fixo algo por ela nos últimos 150 anos? Como pode crer a xente que unha única e unilateral solución pensada nos cafés universitarios deste país vai invertir a tendencia suicida desta nosa xentiña?

Os que queren que a lingua soborde o nacionalismo fano porque cren firmemente que a lingua está “por riba de todos” (logocentrismo) e a súa perda suporá un dano irreparable. Este último argumento é tamén falaz por dous motivos. Primeiro, por estarse a identificar lingua e sociedade tradicional. A nosa riqueza lingüística feneceu (maiormente o léxico) coa morte da sociedade agraria e mariñeira. Está todo recollidiño no ILG e noutras institucións, pero está morto, enterrado ou a piques de morrer. A nosa lingua é, nos novos falantes, pobre, pobrísima, tremendamente semellante ao castelán se é que non o é. As actualizacións de léxico non se fixeron ou non triunfaron, e o corpus de palabras, xiros, expresións dun falante de idade nova é patético. Hai filólogos que alucinan coas palabras dos dicionarios e cada falante consciente desta lingua tivo unha gravadora e andivo de recollida. Moi idílico, mais o infinitivo conxugado non se lle pegou tan ben coma a colocación do pronome átono á castelá…

O segundo argumento é que estas mesmas persoas que din que a perda da lingua é irreparable, logo, e atendendo á súa ideoloxía maiormente de esquerdas, definen a nación desde un ponto de vista democrático e non histórico-cultural-decimonónico. Pois ben, desde a democracia a lingua non ten máis valor que a choiva, que sexamos unha zona costeira, cun relevo irregular, casiñas de tella ou pizarra, etc… Ou se está con todo ou con nada. Esta nación existirá sen lingua por máis que lles doa aos do PP e ao Reiniño…

Resumindo, temos unha lingua que vale o mesmo que o “guaje” ou o “ye” dun asturiano. E, crédeme, non é pouco: se queremos, danos un lugar no mundo. Agora ben, non é tampouco máis para a maior parte dos utentes. Deixaremos unha excepción na literatura e nos literatos. A eles, nos próximos anos, lles toca desdialectalizar isto que chamamos galego e que é, coma o Virxilio da Divina Comedia, “unha sombra”. É o que tivo que facer a literatura alemá coa súa lingua despois da Guerra dos Trinta Anos, e que tiveron que repetir despois do nacismo (cóntao ben o Gunter Grass en Encontro en Telgte).

Resulta anecdótico o que ocorre coas oposicións e os exames de galego. O nacionalismo sempre defendeu a idea de que fosen eliminatorios e pretendeu que o pobo se sumase a esta idea con aquilo de que “así non che quitan as prazas os de fóra”. A xente nunca tragou, porque nunca entendeu que os de Pedrafita para alá non teñan nada que ver con eles, que sexan de fóra. Esta é a ideoloxía, e a lingua apoia a diferencia e aos diferentes (existentes que diría Risco) pero, ao resto, que nin lla nomeen. A xenerosidade do pobo galego con España está a proba de bombas. Ese can de palleiro que aspira a poder entrar na casa do amo algún día. (Por certo, falarei outro día sobre a Guerra de Independencia en Galiza despois de ler o libro de Barreiro. O moito que nos axudaron e o ben que nolo agradeceron…sen adxectivos).

Analicemos os grupos de falantes deste país e vexamos que se pode facer con eles:

1. Xente maior abondantísima e completamente diglósica. Para min deixaron de contar hai tempo. Son o silo de votos do PP e defenderían o castelán sempre que este lles mandase. A meirande parte deles descoñecen que teñen unha lingua, onde remata, quen a fala. Desde a óptica lingüística poden morrer.

2. Falantes de mediana idade con fillos en idade escolar de núcleos cativeiros do país. Son coma os vellos, pero en vez de votar pola farola ou a carretilla de grava pensan que son libres e, o que é pior, que teñen unha ideoloxía porque son capaces de enunciar a mítica frase de café: “a min non me parece ben”. Todo o que o PSOE traballou nestes anos está aí reflexado: cada un é libre de escoller e facer o que queira, e non se lle pode coartar. Unha das maiores imbecilidades que pode chegar a pensar o xénero humano, e moito máis nos tempos da era da información. Moitos déronlle a lingua aos fillos por comodidade, porque entre a parella falaban en galego e non ter que cambiar. Pódese, sempre con cautela, invertir algo neste grupo.

3. Os da manifestación. Primeiramente, temos que saber cantos somos. É facil: cada un debería saber que xente coñece que podería estar alí e por motivos diversos non estivo. Eu polo baixo contei dez persoas. Isto é 30000 por dez . Uns 300000 falantes conscientes e cos usos cultos da lingua. Nun país onde a metade ten o pé na tumba non é tan mala cifra. A política é para estes, non para andar facendo proselitismo nos outros que logo nos van botar a cicuta na cervexa. Segregación nas aulas, dereito a unha vida íntegra en galego, etc. E nós, referencia cultural, deportiva, de nivel de vida…deixar dunha santa vez de defender aos pailáns que votan PP e manter un distanciamanto en certo xeito aristocrático. No fondo somos nós os que sabemos inglés, fumos nós os que conectamos a este país con Europa, os universalistas…Isto non o dixo o Callón. Queremos inglés e eu, se houbese unha escola íntegra en inglés ou en alemán, mandaría aos meus fillos, claro que si. Son eles os que van atentar contra o galego coa universalidade de miles dos seus votantes que nunca na vida sairon do país. Eu, co Obradoiro cheo, quero outros discursos, e se hai que contentar a algún acomplexado é mellor que marche.

4. Hai esperanza nalgúns castelanfalantes, e ao mellor moita máis que nos grupos 1 e 2. Eu sei o difícil que é dar un cambio lingüístico unha vez pasada a adolescencia, pois teño xente na familia á que case lle levou dez anos. Cando o conseguiu, afiliouse ao BNG e á CIG. Outros disque van despolitizar… Neste grupo, todos os esforzos. Son facilmente identificables: son aqueles que, falando castelán, cando falan contigo intentan facelo en galego…eu creo que cada día máis.

Hai luz, pero nós somos nós, e non eles. E somos mellores, e non dicíndoo coa boca pequena de facer politiquiñas, senón de verdade.

Eu ben vin estar o moucho

Enriba daquel penedo

Non che teño medo moucho

Moucho non che teño medo.”

Tamén dispoñible en Galizauberalles2

Tags: , ,

This entry was posted on Venres, Xaneiro 29th, 2010 at 11:32 a.m. and is filed under Lingua, Política. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

Comments are closed at this time.