12
Feb

PARABÉNS PARA XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN…OU NON?

   Posted by: lannister   in Lingua

Xopau analiza para nós a elección de Ferrín como presidente da RAG. Algúns lectores fixéronme chegar que sería mellor fragmentar as anotacións porque son demasiado longas para lelas nunha pantalla. Mentres meditamos sobre o feito e para que sexa mais doado imprimir e polo tanto ler a magnifica colaboración de Xopau aquí a tedes en pdf.PARABÉNS PARA XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN
E aquí e sen mais espera a colaboración como anotación:

” PARABÉNS PARA XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN…OU NON?

Tense valorado profusamente, maiormente na prensa e noutros medios de comunicación, a elección de Ferrín como novo presidente da Real Academia Galega. Aínda así non puiden resisitir a tentación de facer unhas reflexións que intentaran deitar luz sobre o posicionamento da xente a respecto deste tema e en menor medida sobre o meu propio. Campos tantas veces arados que se pode dubidar que poidan dar colleita.

Ferrín pode ter moitas virtudes e outros tantos defectos pero o que si é claro é que a ninguén deixa indiferente. A cuestión está en saber se iso é ou non positivo. Amigo dos seus amigos conta con defensores leais por correspondencia a esa amistade ao mesmo tempo que cada frase súa recolle unhas cantas ducias de inimigos.

QUE NON

Na listaxe infinita de detractores compre seguir un método escolástico que nos permita clasificar a xente pola súa ideoloxía e o grao de furor dos seus ataques.

O primeiro posto foi gañado e deféndeno con carraxe e forza todos os días os reintegracionistas. É un odio que roza no visceral e que leva a moita xente a intentar defender o indefendible. Recordo unha colaboración de certo intelectual focense intentando demostrar científicamente que a obra de Ferrín carecia de calidade literaria o que o convertía nun candidato ao nóbel pésimo (como digo eu: cousiñas!).

Ferrín acusou sempre ao reintegracionismo das mesmas cousas: intelectualismo, alonxamento das clases populares, pouco coñecemento real da lusofonía (maiormente de Portugal) e vasalaxe con respecto a esta.

Da acusación de intelectualismo e de alonxamento das clases populares poderíaselle retrucar coa súa mesma obra que nunca buscou un público popular e con unha certa actitude vital que nunca conseguiu sobordar, en ningún dos seus aspectos, o cenáculo e as sociedades “quasi secretas” do tipo da FPG.

De adoración por todo o lusófono ata raiar no autooodio ten certa razón, sempre que se matice que a metade da xente do reintegracionismo (da que queda hoxe en día; outra cousa era nos 80) non está completa de todo a nivel mental(habendo mesmo casos de loucura manifesta que abondo deron que falar) e só é reintegracionista; é dicir, non entende de máis nada e todo se filtra e desemboca nesa ideoloxía. Son unha relixión . Evindentemente existe xente que rompeu os miolos no reintegracionismo para intentar chegar a unha solución entre o universalismo da lusofonía e a realidade de Galiza como nación minoritaria, cousa que nos achegaría a outras comunidades sen estado europeas. Esta conxunción foi a que buscou o nacionalismo histórico e así debería seguir sendo. Por desgraza esta visión vaise esvaindo ao polarizarse as posicións. Dalgunha maneira era o que a nivel gráfico representaban as normas da AGAL, mais hoxe o debate está ou no isolacionismo ou no portugués padrao.

En Ferrín hai unha tendencia (plenamente de acordo co seu marxismo e coa súa forma de ser) á provocación que hai que valorar sempre que se lle xuzgue. Isto, a persoas que non posúen o don da retranca ou do temple, resúltalles imposible. So coñecen o escándalo e a resposta furibunda. De feito hai provocación cando ataca o reintegracionismo e estou seguro que Ferrín non empregaría moitos dos seus argumentos debatindo con Carvalho Calero. En certa maneira estase acusando a unha parte dos filolusófonos de incultos, de descoñecedores da realidade portuguesa,… ao mesmo tempo que el se pon como modelo contrario asentando a súa obra en pilares literarios de Portugal e do Brasil e sendo un coñecedor profundo, como arraiano, do que é e do que o país veciño representa para os galegos. Ten dito unha vez que aquel galego que aprofunde nas diferenzas que separan Galiza e Portugal encontrará os grandes vencellos que aínda nos unen. Aquí, para min, só me resta a reverencia. Por último dicir que son dos que opino que moitas veces o noso movemento é tan pobre que sobrevaloriza algunhas persoas e as súas boutades. Ao mellor Ferrín opina o que opina sobre lingua porque é íntimo amigo de Ramón Lorenzo e xa está, sen máis.

O segundo grupo que se encontra a desgusto coa elección é o do españolismo galeguista sintetizado en figuras coma as de Xesús Alonso Montero, Franco Grande e algúns outros. Son xente da diplomacia que sempre creron na mensaxe piñeirista culturalista. Hai que ter relacións estables co poder e intentar convencelos pola persuasión. Non deixa de ser unha ideoloxía golpista que exclue do debate as clase populares por analfabetas. Así, trocando a ideoloxía das clases dirixentes o asunto virará aos nosos intereses. Esta ideoloxía, nun país con enormes taxas de analfabetismo cultural e político, pode suscribirse sen temor a erro máis isto xa se experimentou e non vimos a regaleguización de D. Manuel Fraga por máis que a conta do erario público comimos con el no Anexo Vilas, fomos embaixadores da nosa cultuira en medio mundo viaxando en primeira e falamos e discutimos en ton amistoso ao redor de copas de bon viño… Esta xente cre que Ferrín radicalizará o discurso e perderemos os poucos apoios que temos no poder. Eu creo que no PP e no PSOE, que para nós son o poder, non temos apoios (verdadeiros).

O nacionalismo integrante do BNG está dividido mais entende que Ferrín é un extemporáneo disgragador e pouco práctico. Como me chamaron a min unha vez: un desestruturador (nalgo me parezo, mira ti). Aquí hai, por un lado, odios históricos e polo outro xente nova que recolle a testemuña de forma esvaída e a sintetiza nunha frase que de tanto escoitarse acabou por volverse clásica: é un grande literato pero un pésimo político. Dalgunha maneira para os históricos do nacionalismo Ferrín é a voz da conciencia que lles fala do que eles eran hai coarenta anos. Hai unha frase nas conversas co de Vilanova dos Infantes no que fala ben de Camilo Nogueira porque sempre estivo no mesmo sitio non coma fixeron outros camaleóns sub especie gallaica. Baixo o meu ponto de vista o xiro do nacionalismo nos últimos anos foi positivo mais foi xiro categórico e niso ten razón. Que Paco Rodríguez é unha figura obscura tampouco é negable.

E desde as lexións destinadas nos deserto áridos e maniños do españolismo? Alí paz e gloria, coma de costume. Saben que Ferrín ten o don de xerar enfrontamentos no seo do nacionalismo o que, supoño que non teño que recordalo, en principio benefíciaos. Por outra banda o filomarxismo explícito de Ferrín, a súa militancia na FPG, etc sempre son ases na manga que se poderán xogar no momento propicio, se for necesario. Evidentemente o peso das opinións dun ex sacerdote catedrático de Universidade ( Barreiro) a nivel social sempre será moito maior que o que poida ter o autor de Crónica de Nós. Ademais Ferrín pode insultar certas ideoloxías pero é fiel a outras ata o extremo. Con el nunca haberá un enfrontamento (teórico) Galiza/España pois un camarada marxista español é un camarada por máis que a vida lle debeu ensinar que son a quintaesencia do xacobinismo. A FPG segue enpeñada en aliarse coa CGT, etc.

Preguntaranse por que está o españolismo entre os do NON? No fondo creo que a elección molesta un pouco polo carácter do Ferrín. Ao fin, cando se está no poder, non é agradable ter que estar contestando diariamente os ataques furibundos que che están mandando desde unha Institución. Ademais, que Ferrín fose eleito é o cume dunha reforma da RAG que se foi consolidando desde os tempos infaustos de García Sabell; reforma nunca propiciada nen apoiada desde os españois de Galiza.

QUE SI

Mais fica alguén que diga que si?

Pois fica. Están os literatos (moitos) que recoñecen unha obra que agrandou a literatura deste país (case un milagro coma o de Cunqueiro ou Pedraio) e que pode ser motivo máis que suficiente para sentarse na cadeira de presidencia da RAG.

Gusta tamén que o debate entre a RAG e as outras institucións nas actuais circunstancias se radicalice un pouco e se faiga intelixible.

Da súa xeración é o home con máis peso simbólico e un dos que mantivo un traballo máis constante e vai nos seus anos, é de xustiza darlle a Presidencia.

Desde a miña visión o mellor é que Ferrín ten amigos. Amigos máis alá das fronteiras de España e Galiza e estou seguro que, co paso do tempo, agora algúns son influíntes. O noso problema ten que internacionalizarse e iso o nacionalismo deste país entendeuno nos anos 20 e 30 pero hoxe non o entende. Hai millóns de persoas no mundo buscando un Prometeo Encadeado a quen liberar. De nós depende que nos elixan. Ferrín axudará a isto, estou certo.

A pregunta que paira neste ar frío do mes de febreiro sempre é a mesma: a quen lle interesa a elección do presidente da RAG neste país? A resposta pode atoparse nas cifras que sobre consumo cultural no Estado se deron o outro día. Lemos menos que un Español de España que xa é dicir! Vaia por Deus….

Con todo e por todo: parabéns Méndez Ferrín!!!”

Tamén en Galizauberalles2

Tags: , ,

This entry was posted on Venres, Febreiro 12th, 2010 at 11:45 a.m. and is filed under Lingua. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

3 comments so far

 1 

penso que hai máis razóns para os ‘que si’ que para os ‘que non’, pero bueno, como recapitulación está moi ben.

Febreiro 13th, 2010 at 12:52 a.m.
duar
 2 

bem explicado, vou ler o de xopau e opino.
Eu penso mais que nom, polo feito de nom procurar a aproximación a lusofonía e polo as na manga do españolismo como dis.mais asse ver,. O que dis sobre os reintegratas será como dis pois o descoñezo bastante, mas a tolemía nom quitas razóns, e algunha tem.a norma agal podería ser bom acordo saudos

Febreiro 14th, 2010 at 2:30 a.m.
lannister
 3 

Todo o artigo é de Xopau, que é o experto en lingua e foi o que andivo no reintegracioonismo. O do PDF non é a colaboración de Xopau senon esta posta en pdf para facilitar imprimila.

Febreiro 18th, 2010 at 11:10 a.m.