10
Mar

Rexeitada a ILP de Queremos galego

   Posted by: lannister   in Lingua

E tras a mostra de humor anterior, toca falar de cousass serias. O rexeitamento da ILP de Queremos galego. Deixo que falen as comunicacións que me chegaron o correo persoal por parte da CIG.

Onte:

“Prezadas compañeiras,
Prezados compañeiros,

Na tarde de onte celebrouse reunión da Mesa do Parlamento e, como era previsíbel, tratouse de novo sobre a admisión a trámite da nosa iniciativa lexislativa popular. Como era tamén de agardar, o PP fixo valer a súa maioría no organismo para rexeitar que a ILP puidese emprender o seu camiño legal, porén contou cun sorprendente aliado: o representante do PSdG-PSOE tamén votou en contra.

Como xa se indicou en correos anteriores, cómpre responder canto antes, anunciando as medidas legais e sociais que se iniciarán inmediatamente. Así, hoxe martes 9 de marzo ás 17 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 16) haberá unha rolda de prensa da Plataforma “Queremos Galego” para valorar a situación e propoñer novas accións.

Unha forte aperta e moito ánimo, agora que é aínda máis preciso.

Seguiremos informando”

E hoxe chegoume isto:

“Enviamos información sobre a rolda de prensa de onte de Queremos Galego
Asunto   INFORMACIÓN URXENTE QUEREMOS GALEGO!

A/A. EDNL e comunidade educativa:

Prezada/o amiga/o:

A seguir enviamos información da conferencia de imprensa que tivo lugar hoxe
9 de marzo tras coñecermos o rexeitamento a trámite da Iniciativa
Lexislativa Popular presentada o 8 de febreiro pola plataforma Queremos
Galego, por parte da Mesa do Parlamento. Agradeceriamos a máxima difusión da
noticia por canto afecta a un dereito democrático básico como é o da
iniciativa popular e incide na política de desmantelamento da oficialidade
da nosa lingua por parte do PP.

Se quixeres coñecero o textoda ILP rexeitada pola Mesa do Parlamento podes
entrar en:
http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/iniciativa-lexi
slativa-popular

QUEREMOS GALEGO  COMEZARÁ A RECOLLER SINATURAS PARA EVIDENCIAR O APOIO
SOCIAL Á INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR REXEITADA POLA MESA DO PARLAMENTO

A plataforma asegura que “non vai calar por moito que queira Núñez Feijóo
que a sociedade deixe de defender o galego”

Queremos Galego estudará respostas xudiciais contra a resoluciónda Mesa do
Parlamento, que evidencia “a actitude prepotente dun Partido Popular que
teima en non querer escoitar a sociedade”

Santiago de Compostela. 9 de marzo de 2010. A comisión xestora de Queremos
Galego compareceu hoxe en conferencia de imprensa para, a través dun dos
seus portavoces, Carlos Callón, anunciar as medidas legais e sociais a
adoptar logo de a Mesa do Parlamento ter rexeitado por maioría a admisión a
trámite da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada nos últimos meses desde
a plataforma. Esta iniciativa puxérase en andamento a través dunha comisión
promotora da que fan parte nomes senlleiros en diferentes ámbitos da vida
social e cultural do país, como Manuel Rivas, Avelino Pousa Antelo, Yolanda
Castaño, Margarita Ledo, Xurxo Souto, Marica Campo, Kiko da Silva, Xosé Lois
“O Carrabouxo” ou Sonia Lebedynski, entre outros.

Esta proposición de lei por iniciativa popular pretende garantir plenamente
a posibilidade de uso do galego das e dos cidadáns perante a administración
galega, desenvolvendo o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística e
na Carta europea de linguas minorizadas.

Para Queremos Galego a non admisión a trámite desta ILP é unha mostra máis
“do medo que o Partido Popular ten a que a sociedade exprese de calquera
maneira o seu apoio ao uso da lingua propia e oficial do noso País, mesmo
utilizando e manipulando de xeito partidario institucións públicas como a
Mesa do Parlamento e lexislación como a da Iniciativa lexislativa Popular
para os seus fins”.

A plataforma cidadá lembra que o dereito á Iniciativa Lexislativa Popular é
un dereito democrático básico recoñecido na Constitución española, “que vén
de ser vulnerado”. A súa admisión a trámite non implica a súa aprobación, só
marca o inicio dun período de recollida de sinaturas entre cidadás e
cidadáns maiores idade e censuados en Galiza. Tras completarse o mínimo
necesario (15.000), con todos os requisitos recollidos pola lei, motiva o
seu debate parlamentario. Para a plataforma cidadá “é a este debate ao que
ten pánico o Partido Popular, xa que evidenciaría que detrás do seu discurso
o que se agochan son claras intencións de acabar coa lingua galega”. E
recorda que “iniciativas anteriores foron tramitadas, sen lles seren
aplicadas visións restritivas, con toda naturalidade, independentemente da
súa aprobación final ou non”.

Queremos Galego anuncia que “non se dobregará ante esta manobra
antidemocrática e autoritaria do Partido Popular”, que “aínda motiva máis”
ás perto de 700 entidades que integran a plataforma a seguiren realizando
accións  de defensa da nosa lingua. Neste sentido, Queremos Galego anunciou
que iniciará un proceso de recollida de sinaturas “exactamente baixo as
mesmas condicións que se faría coa ILP”, que serán presentadas no Parlamento
galego a todos os grupos.

Para dotar de garantías xurídicas e velar polo cumprimento da legalidade en
todo o proceso, constituirase unha comisión xurídica formada por
profesionais de diversos ámbitos do Dereito e a xustiza.

A plataforma cidadá chama ao pobo galego “a mobilizarse e non deixar pisar
os seus dereitos lingüísticos e políticos”, duplamente vulnerados ao
negárselle admisión a trámite parlamentar á iniciariva. Segundo Carlos
Callón,  “o PP terá que escoitar, quixer ou non, a voz do pobo”. E lembrou
que este “xa reaccionou exemplarmante á política lingüicida do actual
goberno a través das manifestacións máis grandes da historia democrática en
defensa da nosa lingua e cultura”. O tamén presidente da Mesa pola
Normalización Lingüística amosouse convencido de que  a sociedade “volverá
mobilizarse por múltiplas vías” se fai falta e anunciou a presentación dun
calendario de “intensas actividades ao longo e largo de todo o país”.

Desde este momento Queremos Galego comezará a estudar a interposición dun
recurso de amparo ante os tribunais competentes contra a decisión da Mesa do
Parlamento, “co fin de restaurar en Galiza a normalidade democrática que o
PP teima en facer desaparecer”.

TEXTO DA ILP EN:

http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/iniciativa-lexi

slativa-popular”

En fin nada novo por desgraza.

Tamén en Galizauberalles2

Tags: , ,

This entry was posted on Mércores, Marzo 10th, 2010 at 11:54 a.m. and is filed under Lingua. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

Comments are closed at this time.