5
Mai

Queremos galego envía un comunicado os centros e ANPAS

   Posted by: lannister   in Lingua

Queremos galego está a envíar o seguinte comunicado os centros para que llo pasen as ANPAS. Reproduzoo aquí por se alguen o quere levar en persoa a algunha ANPA (xa que en moitos sitios seguro que se perde polo camiño).  Aquí en pdf :Comunicado centros e ANPA por se alguen quere descargalo.  E a continuación o comunicado:

“Á/A do Consello Escolar

Estimadas amigas:

Estimados amigos:

Como xa sabedes, o pasado día 7 de abril, o Consello Escolar de Galicia reclamou a retirada do borrador do, na nosa opinión, mal chamado Decreto de plurilingüismo no ensino non universitario. Este resultado foi posíbel porque a representación das nais e pais do ensino público  (CONFAPA), xunto cos representantes estudantís, os representantes da Universidade, as organizacións sindicais (CIG, CCOO e UGT), os movementos de renovación pedagóxica (AS-PG, NEG, Escola Viva, o Seminario de Estudos Galegos), e os representantes da administración local do BNG e PSOE, confluímos á hora de presentar unha emenda á totalidade reclamando a retirada do anteproxecto presentado pola Consellaría, proposta que prosperou por 24 votos a favor e 16 en contra.

Desde a Plataforma Cidadá Queremos Galego valoramos moi positivamente este resultado e consideramos que sería oportuno promover desde a vosa ANPA unha resolución de adhesión, sumándovos deste xeito á petición de retirada do borrador. Para isto, propoñémosvos o texto seguinte:

A ANPA DO CENTRO ESCOLAR de ………………………………………………………………….., concello de ……………………………………………….., informada de que o Consello Escolar de Galicia celebrado o día 7 de abril, acordou por maioría dos seus membros pedir a retirada do borrador do Decreto de plurilingüismo no ensino non universitario, manifesta a súa  adhesión a este acordo e solicita que sexa atendida pola Consellaría de Educación, polos seguintes motivos:

·        A proposta presentada pola Consellaría pretende facer ás nais e aos pais responsábeis dunha decisión que soamente lle corresponde á Administración Educativa, tal e como recolleron diferentes sentenzas xudiciais no seu día. Debe ser a Consellaría de Educación quen estabeleza cal é a lingua vehicular no ensino, en tanto en canto se trata dunha decisión que non soamente compete a pais e nais que teñan os seus fillos ou fillas escolarizados no momento da consulta, senón a todas as galegas e galegos como usuarios do ensino público, que ten como cometido fundamental formar cidadáns que teñan a competencia suficiente para desenvolverse na nosa lingua. Por outro lado, nais e pais están representados no Consello Escolar do Centro, que é quen aproba o Plan Lingüístico do centro, polo que xa teñen establecido a súa canle de participación neste tema.

·        Non atendeu as propostas que desde distintas instancias, anpas, sindicatos, profesorado, organizacións estudantís, movementos de renovación pedagóxica, universidades, equipos de normalización, traballadores e traballadoras da normalización lingüística, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, etc., foron realizadas recomendando o cumprimento do Plan Xeral de Normalización do ano 2004, do que emana o actual Decreto 124/2007.

·        Non recolle as recomendacións do Consello de Europa para dar cumprimento á Carta Europea das Linguas Minorizadas, nin dará cumprimento ao recollido na Lei de Normalización Lingüística.

·       A proposta presentada contribúe a reducir a presenza do noso idioma nas aulas, o que repercutirá nun empeoramento da competencia en galego. Tamén incidirá negativamente na tarefa normalizadora do profesorado ao tratar por igual a dúas linguas que están en situación de desigualdade, sendo o galego, a nosa lingua propia, a que non goza do mesmo recoñecemento e proxección.

·        É unha proposta que facilita que o alumnado de Educación Infantil non teña contacto coa nosa lingua até chegar á etapa de Primaria.

·        Obriga a impartir en castelán as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, desprezando o traballo realizado polos centros até o de agora e trasladando a mensaxe de que o galego non é unha lingua útil para a ciencia.

·        A libre elección da lingua por parte do alumnado socava a autoridade do profesorado, e contravén a máis elemental pedagoxía de que para aprender unha lingua esta debe ser usada.

·        É unha norma que non dá cumprimento ao Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento galego en setembro de 2004, un plan xeral que acadou o máximo consenso posíbel.

Por todo o anterior adherímonos á decisión do Consello Escolar de Galicia e reclamamos que sexa atendida, procedendo a retirar o borrador do mal chamado Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario.

……,  …… de ………………. de 2010″

Por certo o 17 de maio está convocada outra manifestación en Santiago contra os decretazos. Dado que non vou poder ir… alguen se anima a ir en calidade de corresponsal deste blogue? E xa que estamos coa lingua: o venres pequena entrevista a Bernardo Penabade presentando o Modelo Burela.

Tamén en Galizauberalles2

Tags: ,

This entry was posted on Mércores, Maio 5th, 2010 at 9:21 a.m. and is filed under Lingua. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

Comments are closed at this time.