18
Mai

Hai que…

   Posted by: lannister   in Lingua

O 17 , onte, pese a todo,  fixen un esforzo e o final estiven no Obradoiro. Poderíamos incidir no de sempre: a guerra de cifras, o aire festivo, que o decreto vai ir adiante si ou si. Porén eu vou cambiar un pouco o discurso.

Primeiro, respecto o acto en si. Levamos catro grandes manifestacións e todo sigue tendo un aspecto de improvisación de última hora que fai menos forte a nosa mensaxe. Sigue a fallar a megafonía. Carlos sigue a aturullarse de mais cos discursos e a prolongalos demasiado. A posta en escena falla. Hai un feixe de organizacións todas polo seu lado e coas súas bandeiras… E todos felices e contentos ata a próxima.
E xa postos: por que hai que cantar o himno co puño en alto?

Segundo: vai sendo hora de cambiar de estratexia. ( E os que escribiron, non digo onde, que todo o que defende isto é un traidor, dígolles que eu estiven o 17, 0 18 e o 17 en Compostela. O 21 non puiden ir porén fixen folga, así que créome lexitimado de sobra para aportar ideas) Hai que facelo xa. seguir a confiar so nas manifestacións esperando que cada unha sexa meirande ca anterior é un suicidio. Con unha soa que sexa inferior en número a anterior os “outros” van abrir unha fenda e tirar dela. Meditemos. O decreto vai saír. E o mundo non pode acabar aí. De feito comeza aí. As distintas organizacións deberían comezar a coordinarse para o post-decreto: asegurar que os pais que perdan as “eleccións” teñan polo menos asociacións culturais en galego cun programa amplo de actividades na nosa lingua para as horas de fóra do colexio. A rede de centros privados en galego é unha utopía que igual non chega nunca. Porén non hai que cruzarse de brazos: hai que poñerse a traballar e ofrecer alternativas aínda que sexa o nivel mais baixo.

Terceiro: o decreto esta redactado non para ser un remanso de paz senón un diktat. Como se vai combinar o dereito dos alumnos: a expresarse libremente no que queiran; coa obriga dos profesores de impartir unha determinada materia nunha lingua concreta? Pois facendo que o profesor se limite a poder falar no que queira. Fóra diso todo o que faga vai ser fiscalizado pola propia administración e polos bífidos. Ergo sería bo ir facendo acopio de cartos, avogados e ánimos para apoiar os que rematen denunciados ou acosados.En vez de seguir indo a Compostela ir a cada centro no que pretendan asoballarnos.

Para rematar: as manifestacións son como as grandes batallas, e nos so poderemos gañar como as guerrillas.

Tamén en Galizauberalles2

Tags: , ,

This entry was posted on Martes, Maio 18th, 2010 at 11:19 a.m. and is filed under Lingua. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

3 comments so far

Laura
 1 

Eu tamén fun a Santiago de Compostela o día de 17 e, aínda que comparto a túa opinión, creo necesarias este tipo de concentracións. Chamar a atención sobre o foco do problema.
Fallan moitas cousas. Sinceramente, non creo que “as distintas organizacións comecen a coordinarse para o post-decreto”.
Ou polo menos, custará moito.

Agradoume moito ver este blogue. Na escrita explícaste igual que na aula (e é máis fácil seguirche o fío).

Un saúdo!! =)

P.D. O ano pasado déchesme Historia, a culpa de que eu me enterase deste blogue foi dun profesor que non vou mencionar… (ah, e grazas, creo que non me deu tempo a darchas por ese flamante 10 do meu boletín)

Maio 19th, 2010 at 9:12 p.m.
lannister
 2 

Eu non che puxen un 10, gañachelo ti. Un saúdo e grazas por pasar. O borrado do nome do IES é cousa miña. NON SE DAN DATOS POR INTERNET.

Maio 21st, 2010 at 10:51 a.m.
 3 

OFRENDA FLORAL NO PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES

(non é miña, é dun compañeiro de traballo ao que admiro alén do que poidan plasmar as verbas)

Acudimos onda vós, outro ano máis, para render homenaxe á nosa cultura e á súa expresión máis visible: a lingua de noso.
Acudimos onda ti, Rosalía, que levaches “na fronte unha estrela/no bico un cantar” e que fuches identificada polo de Celanova como “a musa do pobo”; acudimos onda ti, Cabanillas “poeta da raza e alierce da poesía da pasada centuria”, ti que sempre levaches o amor á túa terra e á túa lingua como marca de identidade, acudimos onda ti, irmán Daniel, Castelao, que máis ca ninguén fuches quen de levar a nosa voz alí onde tiñamos algo que reivindicar.

Acudídenos vós, egrexios galegos que dedicastes a vida a predicar co exemplo o amor á terra e aos nosos sinais de identidade; acudídenos agora, nesta xeira, que parece que comeza a toldar o ceo, neste tempo de luscofusco, nestes días nos que algúns dos nosos representantes pretenden poñerlle couto á expresión e promoción da nosa fala. Vós mellor ca ninguén, para iluminar o día alí onde se cerne a escuridade. O voso exemplo de dedicación e compromiso serán a luz senlleira que poida guiarnos polos camiños da concordia, para a solución dos problemas lingüísticos que algúns queren inventar. Acudídenos para que non caia outra lousa máis sobre a nosa cultura; para que non veña outra volta a “longa noite de pedra”; para que os nosos cativos, que son o futuro da nosa terra, poidan ser posuidores desde o primeiro momento do tesouro colectivo máis grande nunca creado por un pobo: a súa cultura e a súa fala.

Sigamos o exemplo do poeta do Courel, a que está dedicada este ano a celebración do DÍA DAS NOSAS LETRAS, DAS LETRAS GALEGAS. Uxío Novoneyra plantou fértil semente polos camiños que veñen do Courel a Compostela e alí, nos eidos nativos, vivu a esencia do ser, as tradicións, os costumes e forxou a súa personalidade para se converter nun poeta innovador desde “a oralidade da súa poesía” e o seu “enraizamento co pobo e coa poesía popular”.

Escoitando a súa voz entendémolo ben,

GALICIA labrega GALICIA nosa
GALICIA mariñeira GALICIA nosa
GALICIA obreira GALICIA nosa
GALICIA irmandiña
GALICIA viva inda

recóllote da TERRA estás moi fonda
recóllote do PUEBLO estás n’il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa

recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d’argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa.

Con estas rosas e caraveis queremos lembrar que todos aqueles, OS BOS E XENEROSOS, que traballan polo ben da NOSA TERRA, e por un futuro esperanzador que desexamos que agrome, con forza, no presente.

Comunidade educativa de ******, vivamos o exemplo dos devanceiros que nos ollan. Lembremos, con forza e azos: Nós somos simplemente os depositarios dun ben común que pertence realmente aos que virán despois.

Mil primaveras máis para a nosa lingua.

Maio 25th, 2010 at 5:10 p.m.

One Trackback/Ping

  1. Galizauberalles » Arquivo do blogue » A cabeza fría    Set 03 2010 / 4p.m.:

    […] decretazo chegou e como dicía "onte" chega o momento de cambiar de estratexia. Non é hora de mais manifestacións nin folgas. Hai que […]