28
Mai

AO LONXE: (OU O COMEZO DA GUERRA NORMATIVA)

   Posted by: lannister   in Lingua

Neste mes no que deberíamos celebrar a nosa lingua tódalas anotacións tiveron que ver mais ou menos con ela. O de celebrala e outro cantar tendo en conta que saíu o decretazo (para min o decretazo sempre será o do galego). Decreto que vai empregar a porta de atrás e as seccións bilingües para restarlle mais horas o galego das que di expresamente. (1,2) (Por certo xa que falamos de desfeitas, esta fin de semana comeza a emitir a televisión de La Coz)

Nesta situación reafírmome no xa dito nas dúas anotacións anteriores(que non ligo porque son literalmente as dúas anteriores a esta) sobre a necesidade de cambiar de estratexia. Entre as opcións existentes unha moi desexada por min é a fin da liorta normativa. Claro que para que remate primeiro hai que saber como comezou e sobre iso ilústranos Xopau na seguinte colaboración:

“AO LONXE : O COMEZO DO PROBLEMA NORMATIVO

Atendo nesta colaboración a dúas cousas. Dunha banda a petición que Lannister hai tempo me fixo solicitándome unhas poucas reflexións sobre o principio da cuestión normativa; doutra botar unha man co blogue pois hai tempo que ando un chisco lacazán.

Xa teño afirmado que detesto falar de lingua. A cousa empeora se se trata da normativa. Para min hai anos que é un debate fechado con sete pechos e do que non quero saber nada. Cando entrei na AGAL un dos seus socios de máis prestixio díxome que non o fixera se non quería rematar tolo… case acerta.

Doutra parte a sociedade galega consciente (a única que a min me interesa) xa pechou o debate e moito máis despois da norma RAG do 2003 que, se ben non afonda moito no lusismo, si lle dá unha certa vitoria moral-simbólica. Isto non se pode falar cos reintegracionistas pero é así. O que non sei é se por sorte ou por desgraza.

A primeira norma foi redactada por Ricardo Carvalho Calero aló polo 80 e os que agora teñen 35 anos poden mirar como os seus libros de primeiro de EXB están en mínimos reintegracionistas. A norma non gustou aos sectores máis populistas nin españolistas (dígase Filgueira Valverde que ficou perplexo  co tema da acentuación portuguesa aínda que como bo filólogo el sabía que para un galego “Amalia” é unha palabra esdrúxula sempre). Esa xente  desconforme encontrou ámparo nos únicos que podían amparalos: AP e compañía aínda que para min non son nin nunca serán o mesmo pois uns aliñan nunha  parte do nacionalismo histórico e os outros non. Cómpre aquí recordar que o debate entre o achegamento ao portugués ou non, está nos alicerces mesmo do noso movemento (Murguía-Saco y Arce) e por moito que o reintegracionismo se esforce non é un debate entre patriotas e españolistas. Non o foi historicamente, non o é agora, pero dicindo a verdade si o foi no período dos 80.

O españolismo axiu sen ningún tipo de apoio social nin cultural a partir do ano 80 e encargou ao ILG outra norma dun xeito raposeiro. No 82 deu un golpe de Estado Lingüístico que non se pode desligar como pretenden algúns sectores do golpe que  se daría contra a Lei de Normalización Lingüística e que lle impediu ao galego ter a categoría de DEBER. Por iso delira Ferrín cando pretende ver culturalismo no reintegracionismo pero ataca a García Sabell polo recurso de inconstitucionalidade. Ambas medidas foron tomadas xuntas formando parte dunha mesma estratexia de dialectalización-castelanización e decotamento do galego.

A partir dese momento toda persoa boa e xenerosa (cando digo toda léase o 90%) organizouse arredor da AGAL. A xente nova dudará disto pero así foi durante todos os anos 80. Alí estaban desde Suso de Toro a Moncho Pena ( aquel que lle dixo a R: Carvalho Calero que pasarían por riba do seu cadáver antes de que el renunciase ao reintegracionismo), desde García Negro a Paco Rodríguez, desde Xavier Alcalá ata…

O enorme pulo do reintegracionismo permitiu que se establecese un paralelismo entre nacionalismo e reintegracionismo pois coas excepcións de Ferrín e outra pouca xente isto foi así. Porén os tempos ían virar as cousas  por varios factores:

a. Dun lado o fraguismo imporía unha represión lingüística enorme ao mesmo tempo que consolidaba unha serie de traballos e redes culturais en torno ao galego: oposicións, subvencións ás editoriais, cursiños de galego, publicación de libros, etc. Todos estas profesións e traballos esixían do candidato a adopción da normativa oficial. Non é de estrañar que fosen ficando os máis ideoloxizados que neste pais é un palabra que por desgraza rima con visionarios e loucura.

b. Doutro lado foise incorporando xente de novas xeracións ao galego-consciente que non coñeceran o debate nas súas orixes e que non lle vían con claridade os cornos á normativa oficial pois fora nesa na que se criaran e educaran. A parella reintegracionista-nacionalista comezou pois a desfacerse.

c. Os individuos que ficaron no reintegracionismo fóronse dividindo en dous grupos. Un no que estaban os que non podían abandonar polos anos invertidos nesa loita e outro, que ía recollendo a xente nova que aínda entraba, e que pensaba que a solución estaba en radicalizar o discurso. Aquí chega a última das grandes excisións da AGAL, aquela que se establece entre a xente de máximos e os que optan directamente polo portugués padrao. Estes últimos fanse coa voz potente do movemento asistindo a cantos congresos hai, rebentándolle a cabeza a toda canta xente collen por banda e adoptando unha postura misionaria-visionaria que os afasta das grandes masas de xente galego-falante-consciente. Evidentemente a teoría de Ferrín cúmprese, aínda que anos despois: puro culturalismo e desconexión social. Só ambientes da marxinalidade do independentismo poden asumir o discurso.

Aquí é onde estamos. Un movemento coma tantos en Galiza que ten a razón moral pero que lle falta a razón social. Xa fora dito por xente ben máis lida e máis sabida: A Terra quere Pobo.

Só me resta dicir que espero que isto non sexa lido polo reintegracionista de turno que nos veña rebentar o blogue. Xa chega con que Gil Hernández rebente Vieiros con caralladas visionarias todos os días. Esas que lle aplaude o 1,11111111111 por mil da sociedade galega.

Ah……e Portugal? Durmindo o sono eterno fronte ao Atlántico, coma sempre nos últimos quiñentos anos.”

Tamén en Galizauberalles2

Tags: , , ,

This entry was posted on Venres, Maio 28th, 2010 at 11:06 a.m. and is filed under Lingua. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

6 comments so far

milles
 1 

Bo resumo, en serio.

So falta relacionar que a adopcion da normativa illacionista polo nacionalismo coincide co abandono da loita en torno a lingua. Seria por razons de peso no seu momento mais agora o estamos a pagar ben caro.

En canto o futuro do reintegracionismo añadir que o independentismo e moito menos marxinal que nos nosos tempos na usc, amais a loxica economica e de internet entre outras remataran por poñer as cousas no seu sitio. Como dicia brans se sempre perdemos e sempre estamos aqui e porque temos razón.

PD: como dato curioso sobre trolls dicir que ata os fachas aprenderon a escribir asi, nun foro do celta un tipo defendia a ligazon entre galeguismo e seleccion española en perfecto lusista.

Maio 28th, 2010 at 6:38 p.m.
duardenovo
 2 

Gostaria ter algunha derrota “moral” nalgunha ocasión en troques dunha vitoria real. Pois sempre andamos co mesmo, mas vencendo moralmente., prefiro que unha camada de inmorais filhos de puta (por elo derrotados morais) fagan umha galiza Livre,rica e soberana (por elo vitoria real). que unha nova derrota mais con alto grao de conciencia tranquila.
Até o mais castellanista progresista-idealista importa-lle ben pouco a desfeita franquista de submetemento a nosa lingua, nos podermos fazer o mesmo, non si?.
Ao respeito ao artigo, nom vexo unha saida que non seja a ortografia portuguesa,mas coidando un intelixent e xusto diferencialismo. A norma agal(coas mudanzas que se precise, se precisa) pode cumplir con elo,saudos.

Xuño 2nd, 2010 at 4:54 p.m.
lannister
 3 

Facía tempo que non pasabas por aquí a comentar. Coma sempre benvido Duar. O quid da cuestión é que nun senso practico ambalas dúas normativas teñen vantaxes e desvantaxes. De aí que eu me decante por unha fase transitoria de dualidade a espera dunha situación definitiva. Situación que so viría despois de solucionar todos os outros problemas que nos atinxen.
un sáudo

Xuño 4th, 2010 at 1:22 p.m.
milles
 4 

Respeito a derrota moral eu referiame a que cando un problema e REAL (e dicir temos razon) non basta con illar ou eliminar os implicados, volvera a surxir unha nova organizacion que tente arranxalo. Mira senon a reconstruccion do nacionalismo tras o franquismo, hai un problema real e unha solucion a xente volta a dar a batalla ainda que se perdese todo unha vez. Coido que coa normativa esta a acontecer o mesmo.

E isto enlaza co que di lannister. Na miña opinion o nacionalismo non vai triunfar sen resolver o tema normativo xa que o aillamento de galiza dos seus aliados culturais e economicos naturais e un problema real e compre dar unha solucion se queremos ir a algunha parte. Xa provamos a adiar a cuestion normativa e estamos peor que fai 20 anos.

Xuño 10th, 2010 at 7:35 p.m.
Jo
 5 

Parece-me uma visão muito idealizada do assunto (particularmente do ponto 3 em diante).
Mas apenas comento que a referência a António Gil parece-me desagradável.
António Gil, natural de Valhadolid, é um dos pais do reintegracionismo, da normAgal e académico da AGLP. As pequenas doses de consciência que alguns dos comentários a este artigo reflectem podem encontrar-se nos textos de Gil de há décadas. Se ele não fosse ‘maçador’ na sua apresentação da nossa questione della lingua, se calhar esta entrada neste blogue nem teria sido publicada.
Por isto, falar em “rebentar Vieiros con caralladas visionadas” é realmente paradoxal. Como dizem os castelhanos, es de bien nacidos el ser agradecidos.

Xullo 7th, 2010 at 6:37 a.m.
Jo
 6 

*visionarias

Xullo 7th, 2010 at 6:38 a.m.