24
Set

Os medios de comunicación en galego

   Posted by: lannister   in Desfeita, Lingua

Os medios de comunicación en galego teñen os mesmos problemas que calquera outro medio, multiplicados polo reducido tamaño do seu publico obxectivo. Nun Estado no que a meirande parte da poboación recoñece prestar pouca atención a prensa escrita agás os titulares e os deportes, e aínda menos mercala: todos lemos os xornais no traballo ou no bar, os medios en galego téñeno cru. Ou canta xente mercaba A Nosa Terra? Canta estaba subscrita? Isto fai que os medios de comunicación na Galiza dependen dos cartos do erario público dun xeito ou doutro. Claro que o quid da cuestión non son os cartos públicos senón porque se lles asignan cartos de todos e para que. Nese senso o de Galiza ten delito: unha parte importante das axudas son para a promoción do galego. Que La Coz ingrese milleiros de euros pola promoción do galego mentres rebuzna contra el non ten ningún nome civilizado.
Por outro lado os medios en galego tamén teñen problemas propios: a escasa identificación do seu público obxectivo e a lea pola normativa.
No primeiro caso lembro unha columna de Jimenez Losantos onde louvaba o resto de medios da caverna por seren compañeiros de viaxe, non competidores. A idea era sinxela: retro alimentarse e facer sinerxia entre eles.
Nos medios galegos en galego a incapacidade de apoiar o outro froito do localismo e do filólogo/ideólogo oculto que todos parecemos levar dentro, manifestábase en roces constantes. Que manda carallo! que para catro que somos que mal nos levamos.
Relacionado co anterior esta o da normativa que fai unha parte do público lector lle negue o pan e o sal os medios da outra normativa.
E a suma de todo o anterior esta a problemática de todo xornalista en galego: eu para quen escribo? Neste caso resulta paradigmático a evolución de A Nosa Terra desde o 2007. Escollo ese ano porque foi cando comecei a lela de xeito habitual, se o que digo comezou antes non o sei. Nun intento de ser máis plural e chegar a un público máis amplo pasou de ser o referente do nacionalismo a ser unha publicación digna do rexionalismo cántabro. Unha cousa é procurar ser obxectivo, tentar chegar a mais xente e outra que Barreiro pontifique sobre as virtudes do PP tódolos números ou que Roberto “Mártir” Blanco pase dar leccións de liberdade e tolerancia de vez en cando. A alguén lle sorprende a caída de subscritores? Claro que falando cun coñecido informado sobre estes temas saíu unha hipótese nova:
A creación de Xornal de Galicia, en mans do mesmo dono que A Nosa Terra, foi mais custosa do esperado. Nun intento de sobrevivir reorientou a súa liña ideolóxica de próxima o nacionalismo a próxima o PSdG e como parte desa mudanza A Nosa Terra non podía vivir.
E por último e mais importante esta a cuestión do compromiso. A todos se nos enche a boca de lealdade inquebrantable o galego, sempre e cando isto non supoña ningún custo nin contratempo. Viuse na manifestación do 17 deste ano onde xa acudiu menos xente, e vese tamén nisto do que falo agora.
En fin difundo o comunicado de apoio os medios en galego:

“Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tome a decisión de axudar ós medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un trás outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.

Podedes asinar aqui: www.osmediosengalegoimportan.com

E con isto remata a semana dos medios, a semana vindeira: O Estatut

Tamén en Galizuberalles2

Tags: ,

This entry was posted on Venres, Setembro 24th, 2010 at 11:01 a.m. and is filed under Desfeita, Lingua. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

Comments are closed at this time.