12
Out

Unha nación hai 500 anos?

   Posted by: lannister   in Fonte Externa

Para celebrar o 12 de outubro como merece deixovos cun texto sacado de Xornal de Galicia:

Xosé Mª Lema Catedrático de Historia 26-07-2010

“O presidente da Xunta de Galicia, na súa liña de facerse querer nos círculos madrileños que tanto frecuenta, acaba de pontificar que a nación española xa estaba conformada hai 500 anos. É dicir: cos Reis Católicos. ¡Home!, iso era o que afirmaba a Enciclopedia Álvarez de Ed. Miñón (Valladolid, 1963), da miña infancia, que tamén definía España como “una unidad de destino en lo universal” e contiña gloriosas biografías de José Antonio, Ramiro Ledesma e Onésimo Redondo. Non sei se o “noso” presidente, como na lingua, tamén pretende volver ó franquismo na interpretación da Historia de España, pero teño para min que tal visión está hoxe máis que desprestixiada, e el, como presidente de Galicia, debera estar algo máis informado. De primeiras, facerlle saber que o termo ‘nación’ tal como el o entende (=Estado), naceu coa Constitución francesa de 1791 e entrou coa de 1812 en España, e aplicalo a finais do século XV é un anacronismo impropio dunha persoa da formación que a el se lle supón. Copio dun manual escolar de Historia de España –autorizado pola Xunta de Galicia (espero que non o censure ou prohiba, tamén)– no tocante á unión dinástica dos Reis Católicos: “En 1469 tivo lugar o matrimonio de dous príncipes: Isabel de Castela e Fernando de Aragón. Isabel accedeu ao trono de Castela en 1474 e Fernando herdou a Coroa de Aragón en 1479, pero a unión das dúas Coroas era unicamente un vínculo persoal e dinástico, non se fusionaron os territorios. Cada unha das Coroas mantivo a súa personalidade, con leis e institucións propias e diferenciadas”. Un “vínculo persoal e dinástico”, ollo; é dicir, que Isabel só mandaba en Castela e Fernando só en Aragón (o ‘tanto monta’ ía por outro lado); cada Coroa coas súas cortes, leis e idiomas: todo ben parecido a un Estado confederado, que respondía máis á verdadeira tradición española do pacto fronte ao centralismo que despois se impoñería cos Borbóns no século XVIII en base ós modelos franceses (¡vaia paradoxo!). Tan por libre se gobernaban as dúas Coroas que Castela se reservou para si a conquista e colonización de América en exclusiva, apartando dela os súbditos da Coroa de Aragón. Tan por separado ían que, tras a morte de Isabel (1504), mentres a súa filla Juana pasou a reinar en Castela, Fernando seguiu sendo rei de Aragón ata a súa morte (1516), tendo tempo de tomar nova esposa (Germana de Foix) e ter un fillo dela: se este non morrese sería o herdeiro da Coroa aragonesa, e a ver onde quedaba entón esa flamante nación española de hai cincocentos anos.

Os Austrias tamén foron respectando cos seus máis e os seus menos esa especie de confederación das dúas Coroas, que, coa incorporación de Portugal (1580) con Filipe II, se converteron en tres. E agora unha dúbida que me asalta: ¿cal era máis “nación” española: a dos Reis Católicos de hai 500 anos sen Portugal ou a de Filipe II de hai 400 co territorio peninsular completo? Por certo, que Filipe II, segundo historiadores portugueses coma A. H. de Oliveira Marques, respectou de maneira aceptable as cortes, leis e idioma de Portugal sen tentar castelanizar este reino (tome nota, señor presidente), como tamén o fixo o seu sucesor Filipe III. A continuidade da unidade peninsular frustrouse sesenta anos despois cos intentos centralizadores de Filipe IV, engaiolado polos cantos de serea do Conde-Duque de Olivares, o seu valido: “Quero dicir, señor, que non se contente con ser rei de Portugal, de Aragón, de Valencia, conde de Barcelona, senón que traballe e pense como reducir estes reinos de que se compón España ao estilo e leis de Castela sen ningunha diferenza, que se a Vosa Maxestade alcanza, será o príncipe máis poderoso de mundo”.

Nin que dicir ten que este intento centralizador provocou en 1640 unha rebelión xeneralizada, e non só Portugal e Cataluña se ergueron na procura da súa independencia política, senón tamén Andalucía, Aragón e Navarra. ¿Quen son os verdadeiros separadores, señor presidente? Portugal recuperou a súa independencia en 1668 e desde aquela, temeroso do ‘imperialismo castelhano’, endexamais quixo saber nada de novas tentativas de unión peninsular. Cataluña non se independizou, pero quedou ferida e desconfiada de Castela ‘for ever’; en 1714 impoñeríase alí pola brava o centralismo castelán seguindo modelos que os Borbóns traían de Francia. En fin, mágoa que o ‘noso’ presidente aínda teña na mente un clixé tan anticuado como enganoso da Historia de España: visigodos >> reino de Castela >> España. Todo o que se aparte desta liña recta cualifícase de separatismo. Seguimos aínda sen aprender da Historia e repetindo os mesmos erros: o centralismo intransixente de certos partidos e dirixentes acaba por provocar o efecto contrario. Hai uns días, no Congreso dos Deputados, o señor Durán i Lleida (CiU) advertía do mal que lle estaban ocasionando a España os centralistas separadores; se o ‘noso’ presidente lese o Sempre en Galiza, comprobaría que Castelao xa fixera esa advertencia setenta anos atrás.”

Tamén en Galizauberalles2

Tags:

This entry was posted on Martes, Outubro 12th, 2010 at 10:29 a.m. and is filed under Fonte Externa. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

Comments are closed at this time.