22
Out

O Islam I : Mahoma e o Corán

   Posted by: lannister   in Historia

Últimamente falar do Islam esta de moda. Polo visto volta ser un problema coma na Idade Media e na Idade Moderna, o berro do Inimigo as portas resoa en boca de moita xente. A verdade é que o Islam presenta certas dificultades de integración no noso sistema político, coma calquera outra relixión, así que antes de entrar en materia sobre a integración, comezo unha serie de anotacións sobre a historia do Islam.

MAHOMA

A vida de Mahoma (Muhammad ibn Abdallah), profeta e fundador do islam coñécese grazas aos escasos datos biográficos que aparecen no Corán e na biografía (sira) que foi formándose a partir da súa morte e cuxa plasmación literaria máis famosa débese a Ibn Ishaq (morto en 767), resumida e mellorada por Ibn Isham (morto en 834). A pesar de incluír datos moitas veces esaxerados ou retocados con finalidades pías (ou partidistas) parecen ofrecer un núcleo aproveitable (para non caer nun hipercriticismo que imposibilite calquera intento biográfico). Mahoma naceu cara a 570 nunha familia de mercadores da Meca (as biografías insisten en detallar a súa ascendencia até facela entroncar por medio de Ismael con Abraham, patriarca mítico dos xudeus) . Orfo a temperá idade, foi criado polo seu avó e logo polo seu tío Abu Talib. Aos vinte e cinco anos casou con Khadicha (Jadicha), a súa patroa, unha rica viúva uns quince anos maior que el. Ao redor dos corenta anos empezou a ter visións e tras gañarse a un grupo de seguidores, confirmou a súa calidade de profeta reformador da relixión dos árabes, predicando a inminencia do xuízo divino e un monoteísmo que quizá en orixe non fose tan radical como o será a partir da ruptura coa Meca (que se produce en 622). Así se entende a polémica ao redor dos versículos (aleyas) satánicos do Corán (sura 53/19 ss.) que na versión máis antiga parece que se redactaron así:

E que vos parecen Al-Lat, Al-Uzza e a outra, Manat, a terceira? (son nomes de deusas árabes preislámicas). Estas son as sublimes deusas, cuxa intercesión se espera.

Segundo a tradición e tras unha visión rectificadora do anxo Gabriel, Mahoma rexeitou as últimas palabras que supuña inspiradas por Satán e propuxo a redacción definitiva coránica:

E que vos parecen Al-Lat, Al-Uzza e a outra, Manat, a terceira? … Non son senón nomes que puxestes, vós e os vosos pais e aos que Deus non conferiu autoridade

Mahoma perfílase como un visionario, unha de cuxas experiencias culminantes se produce cara ao 621 (quizá 617 ou 619): a xornada nocturna en Xerusalén (isra) na que é transportado desde a Meca á cidade santa xudía e cristiá, onde realiza a ascensión celeste (miraj) e coñece os segredos de Deus. Así o explica a linguaxe críptica do Corán (17/1):

Gloria a quen fixo viaxar ao seu servo durante a noite desde a mesquita sacra (da Meca) á mesquita afastada (de Xerusalén), cuxos arredores bendicimos para mostrarlle parte dos nosos signos!

A importancia de Xerusalén e a insistencia no monoteísmo levaron a algúns investigadores a tentar desentrañar as influencias que puido sufrir Mahoma (xudías, ou xudeocristiás, quizá ebionitas, ananitas ou dalgún outro grupo), aínda que resulta moi difícil ir máis aló da mera conxectura, e é posible que a súa síntese relixiosa  a realizase sen necesidade de pertencer a algún destes grupos relixiosos.

A predicación de Mahoma e a forza dos seus seguidores terminaron converténdose nun

perigo para as xerarcas da Meca, que actuaron contra eles, polo que se ven obrigados a abandoar a cidade. Mahoma en 622 marcha ó exilio a Iathrib (logo chamada Medina, Madinat an Nabi «cidade do Profeta»), é a héxira (hiyra «emigración») que marca o comezo do calendario islámico e a ruptura definitiva coa relixión xentilicia árabe. A partir deste momento Mahoma consolida unha predicación aberta a todos, unha mensaxe universalista, para a que a comunidade de musulmáns («sometidos a Deus») supera (en teoría) calquera outra solidariedade (xentilicia, nacional, relixiosa). Tras fracasar nos intentos de gañarse á poboación xudía de Medina no 623/24 realiza un acto moi significativo, o cambio da alquibla (punto cara ao que se ora) de Xerusalén cara á Meca; será esta cidade o lugar cara ao que Mahoma dirixirá os seus anceios durante dez anos de exilio, combates cos mecanos e intentos de apropiación ritual (por medio da procesión, un recurso moi antigo, como xa vimos). Tras unha peregrinación incompleta no 629 (realizada tras o tratado do 628 coas autoridades mecanas, que marcaba a aceptación por parte destes de Mahoma como interlocutor en igualdade de condicións), os musulmáns controlan en 630 A Meca e multiplícanse as conversións; en 632, baixo a presidencia de Mahoma realízase a peregrinación completa que marca o modelo a seguir para todos os musulmáns (até a actualidade). O 8 de xuño dese mesmo ano e de modo repentino Mahoma morreu sen regular a súa sucesión. Quizá por ser o máis recente, é o fundador dunha gran relixión cuxa vida posúe caracteres históricos máis sólidos; a pesar dos intentos dalgúns grupos relixiosos islámicos, nunca deixou de ser visto polos musulmáns como un home, o derradeiro dos profetas e selo da profecía na interpretación ortodoxa. O radical monoteísmo islámico impedíu que, como ocorreu noutros casos (por exemplo o de Buda ou Confucio) se acabase convertendo en Deus e dispensando culto.

O CORÁN

O Corán (al-Qur’an; baseado no verbo árabe que corresponde a recitar) é a recompilación das palabras proféticas de Mahoma, predicadas desde o 610 ao 632 e memorizadas (e quizá xa comezadas a escribir antes da súa morte) polos seus compañeiros. O primeiro califa, Abu Bakr encargou a Zayd ibn Tabit, secretario e parente de Mahoma e a un grupo de «compañeiros» que se encargasen de recuperar as diferentes versións (que algúns escribiron en materiais diversos : ósos anchos de animais, anacos de cerámica… e outros gardaban na memoria, cos problemas de fixación textual que iso implica) e facer unha versión escrita. Moi probablemente empezaron por establecer os textos máis longos (e complexos de lembrar), o que levou (tras diversas vicisitudes) á ordenación coránica actual. Unha vez fixada esta copia canónica (a versión medinesa) e tras a extraordinaria expansión islámica baixo o segundo califa (Umar) será o terceiro, Utmán, o que volva encargar unha nova versión canónica a outra comisión (da que tamén formaba parte Zayd). Xurdiron discrepancias que tiñan que ver cos grupos de interese nos que o islam comezaba a dividirse e parece que había copias diversas que utilizaban os de Kufa (o grupo de presión iraquí), os sirios ou os de Basora (recompiladas por Alí, Ibn Abbas ou Ubbay, entre outros). Utmán ordeou a destrución de todas as copias diferentes da canónica (aínda que algunhas se salvaron), o que foi tido por un acto de imposición impía. Mantivéronse de todos os xeitos na tradición «ditos do Profeta» que aínda que non se reflicten no Corán, teñen un forte peso doutrinal. No século X configurouse a vogalización definitiva do texto e a edición máis utilizada na actualidade (coa súa ordenación interna) é a exipcia, patrocinada polo rei Fuad I e publicada no Cairo en 1923.

O Corán está dividido en 114 suras (ou azoras, capítulos) de desigual extensión, divididos á súa vez en aleyas (versículos, de aya = signo) que varían entre un

mínimo de 3 (nas suras 103 e 108) a un máximo de 286 (na sura 2). As suras organízanse en orde descendente desde as máis extensas ás máis curtas fóra da primeira, al-fatiha (a apertura) que resume a profesión de fe islámica:

No nome de Deus, o compasivo, o misericordioso! (fórmula denominada basmala que aparece encabezando todas as suras excepto a novena). Louvado sexa Deus, señor do universo, o compasivo, o misericordioso, soberano do día do xuízo. A tí só servimos e a tí só imploramos axuda. Diríxenos pola vía recta, a vía dos que ti agraciaches, non dos que incorreron na ira, nin dos extraviados

O labor de erudición, tanto dos lexisladores islámicos (interesados por determinar a antigüidade duns preceptos sobre outros) como dos filólogos e críticos textuais modernos xeraron unha ordenación das suras que, grosso modo, diferencia as mecanas (anteriores á héxira) das medinesas (para os xuristas as que teñen maior valor normativo por corresponder a un momento máis evolucionado e consolidado da predicación). O material coránico máis antigo serían as cinco primeiras aleyas da sura 96, que marcan a misión profética de Mahoma:

Recita no nome do teu señor, que creou ao home de sangue coagulada!. Recita!, o teu señor é o xeneroso, que ensinou o uso do cálamo, que ensinou ao home o que non sabía

Tamén é moi antiga a exortación a Mahoma que aparece nas primeiras aleyas da sura 74:

Ti, o envolto nun manto, levántache e predica, exalta ao teu señor, purifica a túa roupa, fuxe da abominación, non deas esperando ganancia, espera paciente a decisión do teu señor!

O máis recente correspondería á sura 5, que expón algunhas prohibicións e purificacións, ordea as relacións con cristiáns e xudeus e regula o sistema testamentario.

O Corán é un libro nada sistemático, que parece non renunciar á desorde da predicación inspirada; é raro que mesmo dentro dunha mesma sura, até nas máis curtas, reflíctase un pensamento unitario e pola contra adoitan ser comúns abruptas rupturas do discurso lóxico. A pesar de todo, a linguaxe coránica (cuxa harmonía en árabe soamente intúese nas traducións) exerceu unha fascinación extraordinaria sobre xeracións de musulmáns (tanto cultos como analfabetos) e segue hoxe en día resultando un dos libros relixiosos máis influentes da humanidade.

O «misterio» do Corán levou non só a velo como un texto revelado (tanzil, descendido do ceo) por Deus a Mahoma por medio do intermediario anxo Gabriel senón como unha escritura preexistente e cargada de múltiples sentidos. Fronte á literalidade dalgunhas escolas interpretativas, desde os primeiros momentos destacáronse as múltiples lecturas. Alí, xenro e primo de Mahoma e primeiro líder espiritual (imán) do chiismo defendía que:

Non hai aleya coránica que non teña catro sentidos: o exotérico (zahir), o esotérico (batin), o límite (hadd) e o proxecto divino (mottala). O exotérico é para a recitación oral; o esotérico é para a comprensión interior; o límite son os enunciados que determinan o lícito e o ilícito; o proxecto divino é o que Deus se propon realizar no home en cada aleya.

Continuará…



Tamén en Galizauberalles

Tags:

This entry was posted on Venres, Outubro 22nd, 2010 at 11:13 a.m. and is filed under Historia. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

Comments are closed at this time.