5
Nov

O islam III: a sunna

   Posted by: lannister   in Historia

Continua a anotación anterior.

A morte de Mahoma sen sucesor claramente establecido (e cun turbulento harén) e no momento no que se perfilaba a expansión fóra de Arabia foi a causa da división do islam, que se foi fraguando durante vinte anos. Un grupo de «compañeiros» (ashab, círculo de conselleiros e amigos de Mahoma), mentres Alí (o seu primo e xenro) velábao, decidiron elixir como califa (khalifa «sucesor») a Abu Bakr (nacido cara a 570, morto en 634), pai de Aicha, a favorita de Mahoma. As faccións enfrontadas discrepan sobre se foi o segundo (tras Jadicha) ou o terceiro musulmán (tras Alí), porén era o conselleiro principal de Mahoma. Alí, a pesar do rexeitamento primeiro, pois estimaba que Mahoma o nomeara publicamente sucesor, rematou por aceptar a súa primacía. O seguinte califa, elixido pola maioría dos «compañeiros» foi Umar (nacido en 592, asasinado en 644), sogro de Mahoma (casado coa súa filla Hafsa) e partidario de Abu Bakr. Durante o seu reinado o islam comezou a súa expansión imparable (conquistou Mesopotamia, Siria e Exipto) e comezáronse a deseñar as bases xurídicas e administrativas do imperio (por exemplo, as regulacións referentes a súbditos non musulmáns, especialmente os xudeus). A elección de Utmán (terceiro califa do 644 ao 656), rico comerciante da familia omeia (banu Umayya), dobre xenro de Mahoma (casado con Ruqayya e á súa morte con Umm Kulthum) e musulmán tardío desgustou a Alí; unha política de nepotismo e descontento que fraguou en rebelións (en Iraq e Exipto) e a inimizade de Aicha e Alí reamataron propiciando unha acusación de impiedade (baseada entre outros cargos na destrución das copias non oficiais dos ditos de Mahoma, distintas da edición canónica do Corán que patrocinou), que foi tomada como motivo xustificado para o seu asasinato.

Tras a morte de Utmán, que non se clarificou (e que os seus inimigos lle achacaron), Alí foi elixido cuarto califa. Era segundo a liña de sangue o parente máis directo de Mahoma, fillo de Abu Talib, o seu tío carnal e titor, casouse con Fátima, filla de Mahoma e Jadicha e desde o primeiro momento fora o candidato á sucesión. Atopouse enfrontado a Aicha e os seus partidarios que non tiveron reparo en tomar as armas contra el en dúas ocasións, a primeira en 656 na «batalla do camelo» (pois se desenvolveu en torno ao camelo que montaba a favorita-viúva de Mahoma), preto de Basora e en 657 na de Siffin. En ambas as armas decantáronse por Alí, porén na segunda unha estrataxema de Muawiya (gobernador de Siria, e primo de Utmán), o seu adversario (colocar follas do Corán a punta das lanzas) provocou a arbitraxe. Unha parte do exército de Alí negouse a aceptar esta solución e abandonaron ao califa, coñecéndoselles como os karaditas («separados» dos que derivan os ibadíes actuais). Alí dirixiuse contra eles, e masacrounos na batalla de al-Nahrawan, no canto de atacar a Muawiya que acabou proclamandose califa, co apoio dos seus seguidores ao estimarse vencedor na arbitraxe (ao aceptarse que a morte de Utmán foi inxustificada, polo que a lexitimidade de Alí, que non aceptou o resultado arbitral, quedaba en dúbida). Alí cun grupo de seguidores diminuído como consecuencia do modo en que resolveu a cuestión khadarita, seguiu como califa en Kufa (Iraq), ata que Ibn-Muljan o asasinou en 661 ante a mesquita como vinganza pola matanza da al-Nahrawan.

A partir deste momento Muawiya (cuxa irmá Umm Habiba fora outra das esposas de Mahoma) converteuse no quinto califa (primeiro da dinastía omeia), dirimiu en favor de Siria (e Damasco) a capitalidade mais tivo que gobernar (e deixou en herdanza até os nosos días) un islam escindido en tres ramas. Por unha banda estaban os partidarios do califa reinante, que aceptaron a lexitimidade de facto e que remataron consolidando a facción sunita (ou sunní), tida por moitos como a ortodoxia islámica, debido a que se configurou como a opción maioritaria. Fronte a ela estaban os chiitas ou shiíes (shi’at Ali «do partido de Alí») que defendían a preeminencia da lexitimidade da liña de sangue na elección califal, polo que, por unha banda renegaron (a posteriori xa que o propio Alí aceptáraos no seu momento) do tres primeiros e enfrontáronse sistematicamente a Muawiya e os seus sucesores. O terceiro grupo, aínda máis minoritario, os khadaritas (jariyitas ou jariyíes), expuñan o criterio radical de que soamente podía ser califa o máis pío dos musulmáns, fose cal fose a súa orixe.

Respecto desta gran división do islam, resulta incorrecto expor que a sunita é a opción normativa (normal) e que o resto son menos lexítimas, sectarias ou heterodoxas. Todas elas consolidáronse na mesma época e tentaron dar resposta ao problema fundamental da sucesión de Mahoma; un problema político en orixe, que posteriormente se foi cargando de argumentos relixiosos (tanto teolóxicos como xurídicos) e que en moitos casos serviu para enmascarar e profundar identidades diferenciais, rexionais, étnicas, culturais ou de mentalidades nun mundo islámico extensísimo e variado.

O que caracteriza aos sunitas é o ser a opción maioritaria da comunidade de musulmáns (umma) durante toda a súa historia. Na actualidade representan algo menos do 90% dos fieis do islam (superando os 900 millóns) e esta situación de privilexio levou a que as súas posicións doutrinais fosen tidas por paradigmáticas e as dos demais grupos como desviacións (unha actitude parecida á que defenden algúns católicos fronte ás demais Igrexas e grupos cristiáns). Aínda que se lles denomina o islam ortodoxo hai que insistir en que non representan máis que un dos desenvolvementos doutrinais posibles na variedade de opinións e modos de entender algunhas facetas da relixión que existiron desde a morte de Mahoma (e que se potenciaron coa expansión territorial). Xa desde o século IX aplícanse o cualificativo da al-sunna, «xentes da tradición» para diferenciarse dos chiitas que maximizan o valor normativo das palabras de Alí e os seus sucesores (que os outros non recoñecen como tradición). A cuestión sucesoria resolvérona os sunitas coa aceptación do monarca de facto, sempre que axustase a súa actuación ao Corán (aínda que a partir do califa omeia Umar ibn Abd ao-Aziz 717-720 a estabilidade dinástica estaba tan asegurada que nin sequera esta premisa resultou necesaria a dicir de certos teólogos).

Os sunitas caracterízanse por manter xeralmente unha posición intermedia, que rexeita os radicalismos e as interpretacións complexas (por exemplo do Corán) que non esten ao alcance da maioría. Unha opción pola moderación que renega tanto da ascesis como da laxitude, un ideal moi difícil de definir (se non é desde a posición de forza que outorga unha maioría de poboación satisfeita e disposta a manter o statu quo) e cuxa fraxilidade puxo de manifesto, por exemplo, o desenvolvemento de posicións extremistas (cimentadas no descontento de grupos importantes da poboación e en particular dos mozos) en moitos países sunitas na actualidade (en particular en Exipto e Alxeria). Ese camiño da moderación que outorgou a estabilidade a amplas zonas durante longas épocas e que fixo do sunismo o islam «estándar» ten a súa xustificación última no Corán (2/143):

Fixemos de vós unha comunidade do xusto medio, para que seais testemuñas dos homes e para que o enviado sexa testemuña de vós.

Tamén en Galizauberalles2

Tags:

This entry was posted on Venres, Novembro 5th, 2010 at 12:15 p.m. and is filed under Historia. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

One Trackback/Ping

  1. Galizauberalles » Arquivo do blogue    Nov 12 2010 / 12p.m.:

    […] Ven desta anotación. […]