26
Nov

O Islam V: o sufismo.

   Posted by: lannister   in Historia

Ven desta anotación.

O sufismo representa o aspecto místico do islam, que comeza a perfilarse no século VII coas figuras de Hasan al-Basri (morto en 728) ou a escrava Rabia (morta en 801), aínda que entronca con tendencias ascéticas e esotéricas que se manifestan desde as mesmas orixes do islam. A relación coa mensaxe esotérica chiíta é clara na primeira fase do sufismo e as técnicas de ocultación moi semellantes. O sufismo foi perseguido por parte das autoridades e dos alfaquíes xa que profundaba no camiño cara a Deus que predica o islam porén dun modo que chegaba a obviar a necesaria intermediación do Profeta. Acceder a gustar a presenza de Deus ou mesmo chegar a berrar, como fixo Al-Hallaj a identificación coa divindade, eran tidas por blasfemias dignas da morte. Soamente coa figura de Algazel (Abu Hamid Muhammad al-Ghazali, 1058-1111), que a vez era alfaquí e místico, e grazas a súa influente obra A revitalización das ciencias relixiosas, o sufismo comezou a ser comprendido e aceptado polos teólogos-xuristas.


O tasawwuf, a vía do sufí (do árabe suf, la, polos bastos mantos cos que vestían os adeptos para demostrar o seu rexeitamento ao mundo, nunha das súas posibles etimoloxías) tiña dous modos de expresarse. Un era a unicidade da presenza (wahdat al-shuhud), pola que Deus se fai presente no corazón do místico, alcanzándose unha unión consolidada no ardor amoroso (como o expresaron Rabia ou Dhun-Nun); a segunda é a unidade do ser (wahdat al-wujud), a negación (fana) da identidade individual leva á integración (baqa) no absoluto, entendido como o verdadeiro estado do ser. Accédese a estes estados por diferentes medios, tanto pola oración repetitiva (dhikr), como pola meditación (fikr) materializada en posturas, técnicas respiratorias e de imaxinación que mostran o coñecemento no islam dunha fisioloxía mística quizá de orixe oriental.


O sufismo xerou grandes místicos, comparables aos hindús ou os cristiáns na profundidade das súas experiencias e vivencias. Catro destacan especialmente. O primeiro é o persa Al-Hallaj (857-922) «o cardador das conciencias», viaxeiro polo islam (tres veces peregrino á Meca) e predicador sen freo, a súa popularidade foi grande e os seus inimigos poderosos. Expuña en público que a finalidade última para todo musulmán era unirse a Deus (ensino que os sufíes, por exemplo o seu mestre Jonayd, morto en 909, gardaban exclusivamente para o círculo dos iniciados). Un día tentou expresar a súa propia experiencia mística da unión cunhas palabras («eu son Deus», ana’l Haqq) que marcaron a súa desgraza. Encarcerado durante nove anos foi finalmente torturado e executado en Bagdad: a súa paixón marcou o destino de ocultamento do sufismo que soamente comezou a mitigarse a partir de Algazel. O segundo é o tamén persa Sohrawardi (1155-1191), extático e hermetista, tentou sintetizar o esoterismo mazdeísta e as doutrinas místicas neoplatónicas co sufismo enfrontándose aos teólogos, que temían o seu sufismo intelectual e filosófico mentres desprezaban e non reprimían o sufismo non intelectual dos santóns analfabetos. Rematou sendo executado aos 35 anos por orde de Saladino. O terceiro gran místico do islam foi o murciano Ibn Arabi (1165-1240), extático unitarista sen concesións, que sintetizou ideas que tamén aparecen na cábala xudía sobre o home perfecto (al-insan al-kamil) e o Deus escondido. Volver ás orixes do home é para o místico andalusí realizar a reintegración con Deus. O cuarto gran místico do islam é Rumi (1209-1273), poeta en lingua persa de primeira orde que plasmou na súa obra principal, o Mathnawi o arrebato da éxtase da unión coa divindade. Fundou en Konia a orde dos mewlewíes, os famosos derviches viradores para os que a danza era un camiño cara á éxtase mística e que na actualidade debido á lexislación turca contra as irmandades musulmás transformouse en espectáculo folclórico-turístico. Así como até o século XII o sufismo foi desenvolvido por personalidades individuais ou pequenos grupos ao redor dun mestre, a partir de Algazel e de Ibn Arabi, a aceptación xeral (aínda que con reservas) da mística como unha vía lícita de profundización na fe musulmá levou á consolidación de confrarías (tariqa) que desenvolvían os ensinos de mestres místicos. O esplendor da creación destas confrarías prodúcese nos séculos XII-XIII, foron rapidamente moi populares e os seus membros, derviches, faquires e morabitos foron moi influentes na expansión musulmá nas marxes do islam (África, Asia Central, India), e ó mesmo tempo resultaron tamén unha forza desestabilizadora, polo que en moitos momentos foron atacados (por exemplo por parte dos wahabitas ou dos reformistas).


Tamén en Galizauberalles2

Tags:

This entry was posted on Venres, Novembro 26th, 2010 at 11:42 a.m. and is filed under Historia. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

One Trackback/Ping

  1. Galizauberalles » Arquivo do blogue » O Islam VI: O Fundamentalismo    Xan 14 2011 / 12p.m.:

    […] Ven desta anotación […]