13
Xan

Do 5%

   Posted by: lannister   in Política

Quen lea o informe Galicia 2010 atopara datos contrastados que confirman a impresión xeral de desfeita en tódolos eidos no na que vive instalada o país desde hai séculos. Porén nesta anotación vou centrarme nun deses eidos, o político.

O informe incide no que nunca se poderá saber o 100% mais parece claro nestes intres o 90%. A intensa campaña mediatica desatada contra o bipartito desde o 2007 e aumentada na campaña foi clave na súa derrota. En primeiro lugar porque o bipartito non fixo nada por contrarrestala, en segundo porque cando as cousas comezaron a pintar mal desatou no PSdG un “non é culpa miña e destes malvados cos que me vexo obrigado a gobernar” que era tanto como recoñecer que a única opción valida era o PP, e en terceiro e último lugar, e máis importante, mantivo permanentemente mobilizado o electorado do PP mentres provocou a desmobilización do contrario. Este apartado final foi clave no electorado nacionalista que non so se desmobilizou, co resultado da perda do escano pola Coruña, senón que fixo seus os argumentos da campaña e segue empregándoos como arma arroxadiza en cada conclave xeral ou de facción en que derivou o actual BNG. O quid da cuestión xa non é ese e que o efecto continua e non se ve alternativa ningunha o PP. Sobre todo por culpa do 5% necesario para sentar o cu no Hórreo. E disto último do que quería falar.
Desde que comecei a interesarme pola política deste malfadado recuncho do planeta hai tres argumentos que se repiten a cotío como verdades bíblicas para explicar a situación do mesmo: o caciquismo, a maldade da U, e o 5%. As tres néganse a desaparecer e sempre son explicación suficiente para calquera cousa. Estou a agardar a teoría que as unifique nun so discurso e xustifique por exemplo o cambio climático.
É certo que o 5% foi obra de Fraga para quen disque o modelo ideal é o bipartidista, eu penso que máis ben a quenda de partidos da Restauración. Agora ben nun país coa poboación que ten Galiza acadar o 5% non debería ser tan difícil. Por outra banda a dispersión de forzas non cambiaría nada tendo en conta o peso abrumador do PP. Se miramos outros lares, como por exemplo as recentes eleccións catalanas, onde rexe o taumatúrxico 3% proposto  sempre como solución a tódolos males de Galiza vemos que a cousa tampouco cambia tanto. Certo que grazas a iso Solidaritat Catalana esta no Parlament cun 3,28% porén tamén esta Ciutadans cun 3,40%. Para min mellor o 5% e que estes queden fóra. Así mesmo se miramos as últimas elección galegas vemos o mellor resultado dos que non entraron no parlamento foi UPyD con 23.796 votos que son o 1,43% do total.
Ben pode dicirse que o 5% se ten culpa porque fomenta o voto útil. Tendo en conta as ansias abstencionistas de moitos dos que avogan por este número máxico pouco voto útil hai.
E xa que falamos de voto útil, igual sería mellor deixar de blasfemar contra o BNG e pensar en botarlle porque non vexo eu a “El señor de las habichuelas” trocando o limite para entrar no parlamento. Que por certo xa que falamos de entrar no parlamento:

Os partidos políticos en Galiza que obteñen un escano no Hórreo receben19.000 euros por escano, 72 céntimos por voto, e 20 céntimos por envío postal, so se se obtén escano. Pola súa banda o BNG tiña a fins de 2009 unha  débeda  recoñecida con Caixanova de 2,5 millóns,  e con Caixagalicia de 2,3 millóns, segundo unhas fontes e 2.598.000 con cada unha segundo outras.
Dada a importancia dos cartos no actual sistema político igual votar e máis útil do que parece.

Tamén en Galizauberalles2

Tags:

This entry was posted on Xoves, Xaneiro 13th, 2011 at 10:54 a.m. and is filed under Política. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

Comments are closed at this time.