24
Xan

Sobre o que implica a Audiencia Nacional

   Posted by: lannister   in Desfeita

Mentres a progresía racha as vestiduras polo de Garzón, a quen simplemente se lle esta a aplicar a xustiza de excepción que el mesmo puxo en pé, as verdadeiras implicacións da Audiencia Nacional e as leis paridas para maior gloria desta, como a Lei Antiterrorista, continuan pasando desapercibidas.  Reproduzo unha anotación de Ferradura en tránsito onde quedan claras as devanditas implicacións.

” Por iso esta Ferradura, hoxe, se fai voceira desa situación e incorpora as palabras do pai de Antom Santos. Léana, favor, con calma e indignación. Vai:

Crueldade, impotencia
Se copio do dicionario Ir Indo a definición do adxectivo cruel, sae isto: Que se comprace en
facer sufrir ou en ver como sofren os demais. O Estraviz explícame que é cruel quen é “capaz de
fazer padecer a outros ou de ver que padecem sem se comover”. E o dicionario da real Academia
Galega (permítaseme escribir real con minúscula, como seica o facía o noso grande poeta Curros)
dime: Que fai sufrir sen sentir pena por iso ou mesmo compracéndose.
Non sei se os responsábeis do funcionamento do sistema penitenciario acadan para si o compoñente de sadismo que inclúe algunha destas descricións da palabra cruel. O que semella
evidente é que regularon o seu lerio para facer sufrir a quen está preso, mais non só. Para facer que padeza o entorno familiar e social de quen estea encadeado. E os feitos confirman que moito mellor canto maior sexa a intensidade do sufrimento.
A miña experiencia de relación con este sistema é recente. Comeza coa detención do meu fillo Antom Santos o 2 de decembro de 2011, en Lugo, acusado de non se sabe que. Polo que coñezo da súa declaración perante un xuíz do tribunal que substitúe ao famoso e franquista Tribunal de Orden Público, a xa non menos famosa Audencia Nacional, el declarouse, sen dubidalo, independentista galego, e negou ter relación con ningún feito penado pola lexislación española vixente. O xuíz decretou secreto de sumario, e ordenou ao mesmo tempo o seu inmediato ingreso en prisión.
Aplicáronlle a Lei Antiterrorista, contestada, como é sabido, por Amnistía Internacional. Permaneceu incomunicado ata o 5 de decembro, cando o levaron á Audiencia. Seguiu sen contacto co exterior ata o 9, día no que lle permitiron facer unha chamada á casa, de 45 segundos, desde a Prisión de Aranjuez, onde ingresou despois de pasar uns días na de Soto del Real. Repare o lector, a lectora, de que falamos de máis de seis días sen que o preso se poida poñer en contacto con ninguén. Onde fican os dereitos humanos máis elementais?, os que con frecuencia invocan as persoas con poder nestes eidos, onde se vende, con técnicas semellantes ás da venda de aspiradoras, unha modélica organización política, a democrática civilización occidental.
Despois veñen máis atrancos. Disfrazadas de burocracia, pedras no camiño de familiares e de todas as persoas do seu entorno, para que o secuestro legal, o illamento do preso, sexa o máis efectivo posible. A arañeira de Kafka, como toda (re)creación da imaxinación humana, queda moi curta á beira da realidade cruel que constrúe o sistema. Ata o día 18 de decembro, ata os quince días ben cumpridos desde a detención, non lles é posible, a súa nai e a seu pai, velo. E canto custa chegar ao Centro Penitenciario Madrid VI de Aranjuez! Non se está a falar dos 650 quilómetros de distancia que cómpre percorrer, e mais os outros tantos da volta. Moito máis difícil que guiar o coche por Castela adiante, en inverno, entre brétemas intensas e xeadas, contra reloxo para atender as obrigas laborais, pois as visitas están marcadas para as sete e media da tarde dos domingos, moito máis difícil é peneirar a confusa e contraditoria información que se fornece desde as cadeas.
Vai pasando o tempo, e ao preso, como se dixo, aínda non pode visitalo ninguén diferente de seus pais, que se achegaron a onda el en todas as ocasións que puideron. Ademais do duro sistema carcerario, que mesmo raciona os libros (só permiten retirar tres por semana da biblioteca), dos máis de quince días que tarda en recibir unha carta, sempre que non a devolvan cun pretexto, e poderíanse enumerar en longa restra outros exemplos de represión, ademais diso, aínda hoxe, 18 de xaneiro, non pode o preso poñerse en contacto por teléfono con ninguén. Impídenllo atrancos burocráticos que non somos quen de desbloquear.
Impotencia, si, é o estado de ánimo que te anega. Pero cómpre seguir a furar con constancia, para ir abrindo buratos neste muro carcerario.
Para rematar, algo que un entende como obvio: a inequívoca solidariedade coas persoas que
están na mesma situación. Porque hai máis presos e presas, aquí, onde o mundo se chama Galicia, e tamén fóra dela. E, por asociación de ideas, chega agora á punta dos meus dedos esoutra palabra: Capital, Kapital (o adxectivo que lle acae medra, rotundo, nun poema de Chus Pato)
Xosé Luís Santos Cabanas”

 

Tamén en Galizauberalles2

Tags:

This entry was posted on Martes, Xaneiro 24th, 2012 at 11:57 a.m. and is filed under Desfeita. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

2 comments so far

Manu
 1 

Se non che importa vou ceibar esto polo facebook adiante para que o lea canta máis xente sexa posible (Tampouco moita, que un non é unha superestrela nen nada).

Xaneiro 24th, 2012 at 12:09 p.m.
xopau
 2 

A crueldade do Estado é proporcional á súa fortaleza coma tal. O Estado Español leva anos tambaleándose por iso non coñece a “pietas”. É algo que só o poder abrumador das lexións romanas podían entender. Ánimo e forza aos que sofren polo país.

Xaneiro 24th, 2012 at 3:59 p.m.