DesfeitaArchive for the ‘‘ Category

3
Feb

O que esconden as cifras da EPA

   Posted by: lannister Tags:

Heder envíanos unha anotación que nos axuda a comprender mellor a realidade escondida tras a cifras da EPA. Por certo, e antes de deixarvos con Heder, outra cifra económica: o IPC ou inflación acumulada do periodo 2000-2010 foi do 31,8% para que despois digan que os recortes dos soldos non son para tanto que temos unha inflación moderada. Sen máis, Heder:

 “Creo que resulta interesante saber qué significa exactamente ter unha taxa de paro do 21.52% e case cinco millons de parados según a enquisa de poboación activa ( que é de onde se quitan as cifras oficiais).

 O punto que precisa aclaración é qué estamos contando como parado. Moita xente pensa que os datos de paro se refiren ao paro rexistrado (persoas inscritas como demandantes de emprego) ou incluso a persoas en idade de traballar que non teñen un contrato oficial. Quenes así pensan, cren que habería que descontar destas cifras de desemprego as persoas que traballan “en negro”, sexa en traballos por conta allea sen contrato, sexa en pequenas actividades autónomas (clases particulares, limpezas en fogares…).

 Pero a enquisa de poboación activa non se refire a ningún destes dous conceptos cando fala de persoas desempregadas. O regulamento que define o concepto de desemprego é o seguinte:
http://www.ine.es/epa02/reg1897_2000.pdf

Compre salientar algúns puntos clave deste regulamento:
1º- Para estar desempregado non é requisito estar rexistrado como demandante de emprego.
2º- Os tres requisitos que se deben cumplir son:
* Non ter traballado nin sequera 1 hora a cambio de remuneración en metálico ou en especie durante a semana anterior á de referencia ( se traballas 1 hora e te dan algo a cambio estás ocupado)
* Ter feito algunha xestión activa para buscar emprego nas últimas 4 semanas ( renovar a inscripción na oficina de emprego NON é unha xestión activa, e as persoas que non fixeron xestions de busqueda nas últimas catro semanas son inactivas)
*Estar dispoñible para empezar a traballar nun prazo de 2 semanas ( as persoa que por responsabilidades familiares, estudos, incapacidade transitoria ou calquera outro motivo non poidan empezar a traballar como máximo en 2 semanas son inactivas)

Observemos que as preguntas refírense á realización de traballo e non ao feito de ter un contrato. Contra o que moitas persoas pensan, en xeral os informantes SI recoñecen ter actividades polas que non cotizan e incluso ter empregos por conta allea sen contrato.

Por todo o anteriormente dito, as cifras de desemprego no caso do estado español son absolutamente dramáticas, xa que habería que engadir a elas para ter  o número de persoas que desexan traballar e non poden a aquelas que estudan para tentar ter un traballo, as que están enfermas no momento da enquisa, as que levan tanto tempo buscando que  nas últimas catro semanas non fixeron ningunha xestión de búsqueda, as que realizan pequenas actividades remuneradas claramente insuficientes para vivir, as que se encargan do coidado de familiares e non poden empezar a traballar ata buscar a alguén que os sustitua…

A maioría destes datos están dispoñibles cos resultados completos da enquisa de poboación activa, que, ademáis da taxa de paro, aporta moitísima información sobre o mundo laboral. Recomendo por tanto non quedarse cos titulares dos periódicos e buscar os resultados completos ou, incluso, os microdatos, que están dispoñibles na web do ine no seguinte enlace.
http://www.ine.es/prodyser/micro_epa.htm
O primeiro enlace da páxina explica a grandes rasgos a metodoloxía seguida e as definicións utilizadas, polo que recomendo encarecidamente a sua lectura antes de facerse unha idea dos resultados.”

Tamén en Galizauberalles2

24
Xan

Sobre o que implica a Audiencia Nacional

   Posted by: lannister Tags:

Mentres a progresía racha as vestiduras polo de Garzón, a quen simplemente se lle esta a aplicar a xustiza de excepción que el mesmo puxo en pé, as verdadeiras implicacións da Audiencia Nacional e as leis paridas para maior gloria desta, como a Lei Antiterrorista, continuan pasando desapercibidas.  Reproduzo unha anotación de Ferradura en tránsito onde quedan claras as devanditas implicacións.

” Por iso esta Ferradura, hoxe, se fai voceira desa situación e incorpora as palabras do pai de Antom Santos. Léana, favor, con calma e indignación. Vai:

Crueldade, impotencia
Se copio do dicionario Ir Indo a definición do adxectivo cruel, sae isto: Que se comprace en
facer sufrir ou en ver como sofren os demais. O Estraviz explícame que é cruel quen é “capaz de
fazer padecer a outros ou de ver que padecem sem se comover”. E o dicionario da real Academia
Galega (permítaseme escribir real con minúscula, como seica o facía o noso grande poeta Curros)
dime: Que fai sufrir sen sentir pena por iso ou mesmo compracéndose.
Non sei se os responsábeis do funcionamento do sistema penitenciario acadan para si o compoñente de sadismo que inclúe algunha destas descricións da palabra cruel. O que semella
evidente é que regularon o seu lerio para facer sufrir a quen está preso, mais non só. Para facer que padeza o entorno familiar e social de quen estea encadeado. E os feitos confirman que moito mellor canto maior sexa a intensidade do sufrimento.
A miña experiencia de relación con este sistema é recente. Comeza coa detención do meu fillo Antom Santos o 2 de decembro de 2011, en Lugo, acusado de non se sabe que. Polo que coñezo da súa declaración perante un xuíz do tribunal que substitúe ao famoso e franquista Tribunal de Orden Público, a xa non menos famosa Audencia Nacional, el declarouse, sen dubidalo, independentista galego, e negou ter relación con ningún feito penado pola lexislación española vixente. O xuíz decretou secreto de sumario, e ordenou ao mesmo tempo o seu inmediato ingreso en prisión.
Aplicáronlle a Lei Antiterrorista, contestada, como é sabido, por Amnistía Internacional. Permaneceu incomunicado ata o 5 de decembro, cando o levaron á Audiencia. Seguiu sen contacto co exterior ata o 9, día no que lle permitiron facer unha chamada á casa, de 45 segundos, desde a Prisión de Aranjuez, onde ingresou despois de pasar uns días na de Soto del Real. Repare o lector, a lectora, de que falamos de máis de seis días sen que o preso se poida poñer en contacto con ninguén. Onde fican os dereitos humanos máis elementais?, os que con frecuencia invocan as persoas con poder nestes eidos, onde se vende, con técnicas semellantes ás da venda de aspiradoras, unha modélica organización política, a democrática civilización occidental.
Despois veñen máis atrancos. Disfrazadas de burocracia, pedras no camiño de familiares e de todas as persoas do seu entorno, para que o secuestro legal, o illamento do preso, sexa o máis efectivo posible. A arañeira de Kafka, como toda (re)creación da imaxinación humana, queda moi curta á beira da realidade cruel que constrúe o sistema. Ata o día 18 de decembro, ata os quince días ben cumpridos desde a detención, non lles é posible, a súa nai e a seu pai, velo. E canto custa chegar ao Centro Penitenciario Madrid VI de Aranjuez! Non se está a falar dos 650 quilómetros de distancia que cómpre percorrer, e mais os outros tantos da volta. Moito máis difícil que guiar o coche por Castela adiante, en inverno, entre brétemas intensas e xeadas, contra reloxo para atender as obrigas laborais, pois as visitas están marcadas para as sete e media da tarde dos domingos, moito máis difícil é peneirar a confusa e contraditoria información que se fornece desde as cadeas.
Vai pasando o tempo, e ao preso, como se dixo, aínda non pode visitalo ninguén diferente de seus pais, que se achegaron a onda el en todas as ocasións que puideron. Ademais do duro sistema carcerario, que mesmo raciona os libros (só permiten retirar tres por semana da biblioteca), dos máis de quince días que tarda en recibir unha carta, sempre que non a devolvan cun pretexto, e poderíanse enumerar en longa restra outros exemplos de represión, ademais diso, aínda hoxe, 18 de xaneiro, non pode o preso poñerse en contacto por teléfono con ninguén. Impídenllo atrancos burocráticos que non somos quen de desbloquear.
Impotencia, si, é o estado de ánimo que te anega. Pero cómpre seguir a furar con constancia, para ir abrindo buratos neste muro carcerario.
Para rematar, algo que un entende como obvio: a inequívoca solidariedade coas persoas que
están na mesma situación. Porque hai máis presos e presas, aquí, onde o mundo se chama Galicia, e tamén fóra dela. E, por asociación de ideas, chega agora á punta dos meus dedos esoutra palabra: Capital, Kapital (o adxectivo que lle acae medra, rotundo, nun poema de Chus Pato)
Xosé Luís Santos Cabanas”

 

Tamén en Galizauberalles2

18
Nov

Autonómicas 2012

   Posted by: lannister Tags: ,

O vindeiro domingo vai rematar a campaña electoral máis longa da historia, pois na practica comezou coa convocatoria das eleccións de 2004. Desde o momento desa convocatoria ata hoxe o PP e sobre todo a dereita mediatica estiveron permanentemente en campaña. Agora por fin calarán un pouco.

Esta longa campaña vai rematar cunha vitoria do PP tan rotunda que parece que Rub-al-Kaaba non vai poder cumplir coa tarefa encomendada. O que van facer os populares coa maioría abafante froito de gobernar a estado e 12 autonomías é para botarse a tremer. Porén a xente esta esperanzada e contra a esperanza non se pode loitar. Dito isto pasemos páxina.

Que vai ser do BNG? Todo indica que os resultados van ser malos. Porque a mellor opción das que se barallan é manter os dous escanos, a peor quedar fóra do parlamento e a intermedia conservar un. Calquera das opcións é pésima. Non subir votos e escanos nas actuais circunstancias é un claro síntoma de que o nacionalismo, si, o nacionalismo non o BNG, esta dando as últimas boquexadas. Claro que o domingo pola noite comezara a seguinte ondada mediatica desde os afíns como Losada a os inimigos como a “puta Coz” falando de que todo é culpa da UPG. Análise profunda que será compartida por todos os que non son da UPG e volta a lea permanente. Só espero que Guillerme teña o valor de non dimitir.

E Converxencia XXI? Vai ser o caso contrario. Pode que non lles vote ninguén porén xa fixeron máis que as forzas “galeguistas” de dereitas nos últimos 20 anos. Lograron presentarse as eleccións xerais e manteñen a coherencia ideolóxica interna. Magoa que cheguen 20 anos tarde. Sexa como sexa, aínda que so teñan un voto, dados os seus recursos e implantación poden sacar peito do que fixeron ata agora.

Por último queda o asunto das autonómicas. O lóxico sería non adiantalas. O partido do goberno, por chamarlle algo a iso que fan, conta cunha maioría cómoda e non ten ningún problema. Porén desde o comezo da campaña das xerais comezaron os ruxerruxes sobre un adianto a 2012. As datas baralladas eran varias ata que a “puta Coz” pontificou que de haber un adianto sería no outono do 2012. Non só iso senón que tras esa pontificación o devandito “medio de comunicación” comezou a traballar con esa hipótese como verdade absoluta. Os articulistas só discrepan en que mes do outono serán.

Se de verdade se adiantan as eleccións autonómicas será a enésima proba do pouco que lles interesa Galiza a populares e cocenses. Porque esta claro que o único motivo para o adianto é mera mente electoral: aproveitar un PsdG tocado pola desfeita xeral do PSOE e afundir definitivamente un BNG que seguramente continuara o seu proceso de descomposición interna mentres os medios intensifican o seu acoso. Co cal o quid da cuestión non é revalidar a maioría absoluta que esta asegurada con Mariano na Moncloa senón varrer calquera tipo de oposición e converterse no PRI.

En fin, con isto remato a anotación e tamén uns meses de publicacións habituais. Agora por motivos  diversos véxome na obriga de adiantar a pausa do Nadal. Se Deus quere e San Patricio axuda voltaremos o 10 de Xaneiro. Polo tanto BO NADAL E FELIZ ANINOVO!


Tamén en Galizauberalles2

15
Nov

Para non acabar así

   Posted by: lannister Tags:

So tes dúas opcións, vota!

Tamén en Galizauberalles2

11
Nov

Esperanza e culpables

   Posted by: lannister Tags:

Na teoría o sistema democrático basease nos seguintes alicerces: liberdade de elección, activa e pasiva, e capacidade racional do elector para non deixarse levar polos seus sentimentos. Isto último non sempre é así. Motivo polo cal desde a antigüidade se alerta do perigo da demagoxia e das eleccións irracionais. Neste momento atopámonos ante unha situación tan grave que a racionalidade vai saltar pola fiestra e deixar paso os sentimentos e as emocións.

Sentimentos e emocións que forman parte dos mecanismos de supervivencia do ser humano. En concreto agora mesmo o que vai primar no momento de ir a votar o día 20 van ser a esperanza e a existencia dun culpable que cargue coas culpas.

A esperanza esta representada polo PP. Da igual o que fagan os seus gobernos autonómicos ou que se supoña que van facer. A meirande parte da xente vaille votar pola sinxela razón de que precisan ter esperanza. Co PSOE non se pode seguir e vaise probar co PP a ver se as cousas melloran. O mito de 1996 xoga a favor desta esperanza. As cousas estaban mal e a partir de aí chegou o traballo e os bos tempos. De nada serve dicir que a situación económica é radicalmente distinta ou que xa non existen empresas publicas que vender por millóns, nin control dos tipos de cambio …

O culpable por suposto debe resultar crible e concordar co que pensa inconscientemente unha parte da poboación para que esta tire dos demais. Neste caso os culpables están claros: Zapatero e o PSOE, os funcionarios e as autonomías.

Tentar romper este razoamento irracional de esperanza e culpables e case imposible pois obrigaría a xente a facerse moitas preguntas e o que peor a obter desagradables respostas. Con estes vimbios o triunfo do PP é practimente imposible de deter. Hai algo peor? Si, vaise disparar o cartucho da esperanza. E como non funcione xa so quedara a carraxe. E todos sabemos a onde leva iso.

Tamén en Galizauberalles2