PolíticaArchive for the ‘‘ Category

7
Feb

E de quenes estamos a falar?

   Posted by: lannister Tags: ,

Ao fin parece que os do Encontro Irmandiño van marchar este domingo, ou non? A estas alturas un xa sabe se están de troula ou simplemente non teñen nin idea de nada. Para aclararnos un pouco as cousas Xopau fai un Quen é quen do BNG. Certo que estaba pensado para a semana pasada de aí o comezo do texto, e certo tamén que esquece o PNG-PG o único representante da dereita dentro do BNG, porén o que di segue sendo válido. No caso do PNG-PG tampouco importa moito, leva anos sen facer máis cousa que existir e servir de argumento para xustificar que o BNG é a casa común do nacionalismo. Por certo eles tamén están pensando en marchar. Respecto o do PSOE só podo dicir que todo segue o guión previsto fai moito, sen que a labazada do 20 N, maior do previsto, cambiase nada. En fin deixovos con Xopau. Dado que a anotación é moi longa poñovos o pdf para que o descarguedes.quenestnobng-120130152818-phpapp02

Tamén en Galizauberalles2

31
Xan

Tres en raia ou as catro esquinas?

   Posted by: lannister Tags:

E pasou a feira e todo segue igual. Quen lea as reflexións da prensa escrita, papel  ou dixital, escoite os programas de televisión… sacará en limpo que a U volveu gañar e segue a ser moi mala e abraiarase da atención mediatica cara BNG fronte o silencio habitual, iso si o ton despectivo e manipulador segue omnipresente. A única nova que se sae do guión é a que fala da tricefalia imposible: Aymerich, Jorquera, Vázquez. Eu que podo dicir? Creo que atinei bastante o venres, non era difícil. Por outra banda concordo no da tricefalia que pode pasar a cuarteto se incluímos a Beiras volto a cargo institucional e coa bala de prata de marchar na recamara sen atreverse a disparala. Eu espero pouca cousa. Ningún dos catro me gustaba antes da Asemblea e despois da Asemblea non cambiei de opinión.  Coma sempre quédame a sensación de que os da U son uns resesos e ao mesmo tempo os únicos que teñen un proxecto nacionalista e son de fiar. Para a minoría que coma min se define en primeiro  lugar e ante todo coma nacionalista chega. Para a inmensa maioría dos votantes do BNG que son de esquerdas ante todo non. Imos mal. Podemos esperar algunha mellora? Iso depende das ilusións de cada un, eu non espero ningunha. Porén do mesmo xeito que o venres dicía cal sería o resultado que a min me gustaría agora elucubro sobre o que podería saír dese cuarteto se… vivísemos nun mundo de fantasía e ilusión:

–    Vázquez debería montar nun coche e comezar a percorrer cada recuncho do país de agrupación en agrupación. A campaña das autonómicas comezou o 21 de novembro do ano pasado e hai moito que facer. Reconstruír o partido e darlle pulo en tódolos lugares de Galiza debería ser o seu traballo desde xa.

–    Jorquera debería dimitir en Madrid e montar noutro coche para percorrer o país. Porén el non debería ir a ver os do partido, el debería falar con todos os que están fóra. Asociacións de veciños, de empresarios, xente nas feiras etc. Hai que escoitar, que falar e non prometer imposibles. E por suposto nunca debería coincidir no espazo con Vázquez.

–    Aymerich debería aceptar que o seu tempo xa pasou e lanzarse a xugular de Feijoo en cada intervención parlamentaria. As súas mensaxes deberían ser unha corrente de transmisión da dos dous anteriores.
–    Beiras debería ser un comodín dos dous primeiros e aproveitar o seu carisma para tentar recuperar os que marcharon ou nunca estiveron.

Por suposto os catro deberían estar coordinados coma un reloxo de precisión tanto nas verbas coma na posta en escena. E nunca coincidir no espazo salvo para momentos realmente importantes. Por que? Catro voces falando en catro lugares distintos máis dicindo o mesmo reforzan a mensaxe cubren espazo e obrigan os medios a tratar o tema. Claro que todo isto é ficción como o era a miña idea de Asemblea.

Remato cunha cousa que me abraiou do resultado da Asemblea, o ruxerruxe sobre se algúns máis centristas estarían dispostos a fundar un partido de dereitas. Sería a parvada definitiva, xa temos cinco partidos de dereita nacionalista. Se de verdade viron a verdade tras anos de” Galiza ceibe, poder popular” que non mareen máis: o que buscan xa existe, chamase Converxencia XXI.


Tamén en Galizauberalles2

27
Xan

Resesos e Perroflautas

   Posted by: lannister Tags:

A verdade é que estiven pensando moito tempo se ía escribir esta anotación, e no caso de facelo que que ía dicir que non se teña dito xa. En fin alá vou e perdoen os lectores pola reiteración de contidos. De feito para complementar o que segue recomendo ler (1,2) anotacións anteriores que tratan aspectos do mesmo tema: a Asemblea do BNG e que vai saír dela.

Desde outubro de 2010 ata hoxe tiven a oportunidade de falar con moitas persoas do BNG. Persoas que eran simples militantes de base e que pertencían na inmensa maioría dos casos o colectivo máis numeroso de todos, os non adscritos a sigla ningunha. Ademais había tamén xente da UPG, non atopei ningún Irmandiño, nin de Máis Galiza. O que indica simplemente a correlación de forzas nos lugares nos que me movín, que ninguén saque conclusións erradas. A todo iso debo sumar unha lectura atenta de moitos artigos, desde os de “La Puta Coz” os desaparecidos “Galicia Hoxe”, “Xornal de Galicia” e un bo feixe de blogues.

O trazo común de todo o anterior pode resumirse en dous conceptos: refundación e todo é culpa da UPG. O problema, ao meu modo de ver, é que por moito que se esforcen todas as fontes só transmiten unha loita polo poder. Das miñas conversas cos non upegallos non saquei ningún proxecto en limpo máis aló de que é preciso acabar co mandato da UPG. As razóns para elo foron sempre “así non se pode seguir”. Ante a miña pregunta de si tan claro o tiñan porque non daban derrotado unha organización que pese a ser maioritaria non o é en termos absolutos, a resposta foi : “ti non sabes como son os da U”. O pedir máis aclaracións os interlocutores explicáronme cousas como as seguintes:
é que os da U van sempre as Asembleas, a todas, e votan sempre
os da U cambian a data da Asemblea para cando temos outros compromisos etc.
Referíanse a Asemblea local e o compromiso que lle impediu ir votar foi levar o fillo o partido de fútbol. Resultado, de  10 membros (cifra ficticia para reflectir a composición no lugar onde me falaban), foron votar os 4 da U e 2 dous outros. Os derrotados, enfadados “por que ti non sabes como son os da U” non fixeron campaña nas locais e mesmo algún segundo os rumores a fixo a favor da lista do PSOE.

Se nos cinguimos as novas dos media o máis parecido a un proxecto alternativo é o dos Irmandiños, volcados nunha especie de “perroflautismo” que non é máis que o mesmo da U porén acaído os novos tempos e moi enfadado porque os da U gañan as Asembleas.

Pola contra cando falei cos da U estes si estaban organizados, e contaban/contan cun proxecto claro: o dos anos 70. Vamos reseso de todo. Ademais claro de estar fartos de que os demais lles boten a culpa de todo, cando a hora da verdade son eles cando acaban facendo todo o traballo.

E así estamos desde o 2001. Polo tanto eu non espero nada da Asemblea. Sobre todo porque non vai pasar o que eu considero clave: distinguir entre os problemas do nacionalismo e os da estrutura do BNG.

Do primeiro, alén de que está claro que nacionalistas hai poucos e que a maioría dos votantes do BNG son de esquerdas e non nacionalistas pouco máis podo dicir. Precísanse mentes máis brillantes ca miña para tentar atopar solución.

Respecto o segundo para min a solución sería unha refundaición de verdade: deixarse de caralladas resesas e “perroflautas”e partir de 0. Desde a UPG aos Irmandiños todos os partidos e correntes de opinión deberían disolverse e integrarse nun BNG que, agora si, fose un partido. Recoñecer que ó ser un partido de esquerdas é imposible que sexa a casa común do nacionalismo e polo tanto tender a man, de xeito simbólico, a que alguén faga un partido forte que sume pola dereita. Deixar o proceso Asembleario que so serve para unha eterna guerra de puñaladas polas costas e para atrasar a toma de decisións nun contexto, o da democracia mediatica na que vivimos, que precisa golpes de efecto e reaccións rápidas. E por último, e so por esta vez o tratarse dunha refundación, unhas primarias para escoller candidato a Xunta  e Voceiro. Primarias o estilo americano no que o primeiro paso sería agrandar o censo de participantes. Cunha campaña intensa e prolongada por cada vila do país, aberta a todos e con debates (a ver se así saía un proxecto) . Nin que dicir ten que non vai pasar nada do dito.

Entón podemos augurar calquera destas cousas:
A U gaña coma sempre e os outros seguen co de “ti non sabes como é a U”, porque marchar non van marchar.
Gañan os outros e invértense os papeis coa U adicándose a torpedear canto fagan os novos. (Por certo, para min estaría perfectamente lexitimada tendo en conta o que leva aguantado desde o 2001)
Gaña a U e os outros por fin liscan. Para min o mellor resultado posible. Desde o 2001 mantense a unidade como un fin en vez de como un medio. O obxectivo ter máis vixiados os inimigos. Igual o romper uns e outros pensan nalgo máis que nas siglas e nas persoas e sacan un proxecto que mereza a pena.

Tamén en Galizauberalles

20
Xan

Primarias

   Posted by: lannister Tags:

Unha das cousas máis simpáticas das teimas progresistas no vello continente é abominar de todo o americano para despois copialas veñan ou non a conto. A copia favorita nos últimos tempos é o das primarias. Claro que o resultado sempre resulta catastrófico polo mero feito de que as primarias en Europa non teñen sentido. Para entender porque hai que ver que son as primarias en USA.

As primarias son unha das múltiples reminiscencias que quedan no sistema político usaco de cando non eran unha democracia senón un sistema liberal. Nese contexto de pensamento político liberal e non democrático encaixan  feitos como o complexo sistema de elección presidencial ou que os dous partidos, por moito que se empeñen as progresías europeas, teñan a mesma base ideolóxica. Isto debese a que nas 13 colonias orixinais non houbo que desmantelar o Antigo Réxime, por non existir, co que as tendencias políticas eran mais practicas ca teóricas. Debían debater sobre como organizar o poder non sobre as bases deste. Debido a isto, ata o día de hoxe, os partidos políticos americanos son meras plataformas electorais cuxa finalidade é facilitar o proceso electoral e non presentar unha argumentación ideolóxica de cómo debe ser o poder. Así os demócratas do sur poden ser moito máis conservadores ca os republicanos da costa leste e ao mesmo tempo estar en partidos distintos.

As primarias son o corolario lóxico do anterior. Nun país recen creado e con distancias enormes, pensemos que estamos no XVIII, o único xeito de que os candidatos fosen coñecidos era estruturar un sistema que os obrigase a percorrer o país para gañar apoios. E iso son as primarias. Co tempo quedou o asunto englobado dentro dos partidos. Partidos que comezan a existir de xeito activo co proceso en cuestión. Así as primarias serven para mobilizar o electorado no senso máis literal: conseguir que se inscriban no censo. Lembremos que o censo electoral USA é distinto do administrativo. Para figurar no censo electoral hai que inscribirse nel. As primarias buscan crear un censo favorable e convencer a xente de que finalmente faga o esforzo de ir votar o martes que toca.

Por outro lado os candidatos non so se dan a coñecer senón que van perfilando as súas propostas. Algo moi útil dado que a diferenza dos partidos europeos nos que se sabe mais ou menos o que defende cada un, en USA todo depende do candidato.  Pese a todo co paso do tempo a pureza orixinal foise diluíndo porque as campañas custan millóns e os intereses en xogo son moitos. Isto fai que na medida do posible se busque clarificar e acurtar o proceso para non favorecer o rival e aforrar custos. É dicir evitar o risco de división do partido que pode facer que os derrotados queden na casa ou voten o outro partido o ser derrotado o seu candidato nas primarias. De aí os apuros demócratas no 2008 o non chegarse a un acordo Clinton-Obama, e teimar ámbolos dous en pelexar ata o final.

E precisamente este ultimo punto o que nos permite enlazar coas primarias europeas. Os partidos europeos teñen unha base ideolóxica  clara que fai que o programa estea claro desde o comezo e non dependa dos asuntos do candidato. Ergo o único que logran as primarias e debilitar o potencial electoral do partido dado que as diferenzas van acabar sendo persoais caéndose na división do electorado. Sobre todo porque as primarias non son tan abertas como as USA dado que o factor de elaboración do censo electoral non existe. De aí que as experiencias europeas ata o momento resulten fallidas. Quere dicir isto que é imposible traspasar o modelo? De xeito literal claro que si a non ser momentos excepcionais de crise absoluta e refundación desde cero do partido. Non sendo así a única opción sería unha reflexión seria que permita cambiar o modelo. Se se quere claro. A min persoalmente non me gusta o proceso americano así que tampouco vou dar ideas.

Tamén en Galizauberalles2

10
Xan

SOBRE ZAPATERO. IN MEMORIAM

   Posted by: lannister Tags: ,

Voltamos tal e como dixemos, a Deus grazas e a San Patricio tamén.  Comezamos cunha anotación de Xopau, pensada para o pot 20N, porén segue sendo valida, pese o adiamento na publicación. Sen máis deixovos con Xopau:

“Ter militancia política activa permite algunhas veces cousas que doutro xeito non se poderían facer. É moito máis fácil para unha persoa significada politicamente falar ben doutra da oposición que para a maioría dos votantes. Eu  nunca fun socialista nin apoiei a Zapatero pero moitos dos que onte foron ás urnas a tombar o seu partido si creron nel  e por iso hoxe teñen un especie de silencio moral sobre as súas cabezas.

Desde a óptica nacionalista vaise o único presidente do goberno de España que creo que chegou a entender as reivindicacións históricas de certas comunidades e que representou a un PSOE verdadeiramente con vocación federal. Só desde esta óptica se entende en todo o seu conxunto a entrega das armas por parte de ETA ou a experiencia do tripartito en Cataluña. Tamén se entende así a saída de Paco Vázquez para o Vaticano co fin de propiciar un bipartito en Galiza que non estivese permanentemente minado polas opinións dun personaxe tamaño. É certo que en Euskadi o PSOE se aliou co PP pero ese paso tamén era alí necesario se se quería que logo chegasen outros. Para un nacionalista son actos insuficientes pero que marcan distancia con respecto aos anteriores presidentes de goberno e moito me temo que marcarán abismos cos que están por chegar.

Os amigos do simbólico débenlle un acto sen precedentes na democracia española: o cumprimento da súa promesa electoral de retirar as tropas de Iraq con todo o que iso supuxo. É un acto de autoridade do Estado Español que nunca fará o PP por moito que presuma de nacionalista español e de defender os intereses patrios. O patriotismo do PP é tan pobre e chabacano que coma o de toda a dereita española de sempre remata en Euskal-Herria e en Catalunya. É un patriotismo de charanga e pandeireta, de zarzuela e chotís, de señorito andaluz vido a menos…

Nunca fun, por outro lado, grande defensor de facer unha política baseada en exclusiva nos dereitos civís, cousa que non quere dicir que non me parezan importantes. Semella triste que un presidente dos EEUU gañe as eleccións cun programa que se basea nun 50% no feito de ser negro, o mesmo sucedía con Hillary Clinton cando competiu  na carreira á Casa Branca empregando o argumento de ser muller. Non en tanto, e se un se move por internet, parece que a maioría da xente nova de esquerdas entende esta ideoloxía só coma feitos deste tipo. É dicir pesa o feito de ser muller, gay, non andar en coche oficial, baixarse o soldo e cousas así. Non chego a entender os odios a Zapatero de xente deste teor despois da Lei do Aborto, da Lei que regula o matrimonio entres persoas do mesmo sexo e tantos outros feitos simbólicos que desenvolveu e que foron moitas veces proporcionais aos problemas estruturais do seu goberno.

Sobre a crise que o tombou fixo os xestos que faría calquera gobernante nun primeiro momento. Cando se di que negou a crise o que non se explica é que o sistema capitalista e o que mellor o encarna, a Bolsa, móvense por algo tan lene e variable como a confianza. Se Zapatero dixese que o país ía entrar en recesión a cousa adiantaríase pero isto non indica que se fose a saír antes nin que a crise actuase con menos virulencia.

En fin, Zapatero foi mal presidente por moitas outras cousas: permitir que a Unión Europea e os mercados afogasen a autoridade dos gobernos, deixar seguir medrando a especulación urbanística, non converter a España nun estado Federal, banalizar coas ministras na revista Vogue, usar os dereitos civís para encubrir os seus erros de xestión, non colocar as linguas do Estado como intocables nos territorios onde se falan, modificar a constitución conchabándose co PP e facer unas campañas baseadas en marketing puro e duro (aquilo de ZP).

Agora ben, ninguén dos que non votaron socialista o 20-N lle pediron nunca nada diso e ademais sempre estiveron en contra de medidas dese tipo, tamén hai catro anos cando lle deron a maioría. Por iso eu teño o beneficio da crítica e eles non. Por iso eles non foron votar o Domingo optando por esconderse nas casas e pola abstención e por iso, ao fin, o BNG nunca rendabiliza os votos socialistas que se perden. É o mesmo que dicir que moitos votantes socialistas de Galiza son infinitamente peores que Zapatero para a nosa nación. Noxo me dá cando me din que con eles nos temos que aliar.

Coa caída de Rodríguez Zapatero volta o PSOE máis cerril, centralista e xacobino ,como  de feito xa se viu na campaña. É un PSOE que en Galiza e nalgúns concellos da Mariña coñecemos ben.Ese PSOE que durante os próximos dous ou tres anos vai firmar co PP, por falso patriotismo, todas as medidas que este adopte  e que nos devolverán territorialmente ao nivel competencial dos anos 80. Medidas, fique claro, que nadan teñen que ver coa solución da crise pero que van ir no lote.

Eu nunca fun de ZP e por iso dixen.”

Tamén en Galizauberalles2