Posts Tagged ‘ecoloxía’

13
Abr

Por un Xove con futuro, por un Xove nuclear

   Posted by: lannister    in Desfeita

Cando a partir do 2007 comezou a escalada de prezos do petróleo os diversos xornais puxeron a vista na enerxía nuclear. Entre eles La Coz, onde de xeito indirecto, en novas ou artigos de opinión, ou directo a través de verbas de Don Santiago, se posicionaba a favor con matices. Os matices cambiaban sempre os argumentos permanecían constantes: “Galicia no puede perder su primacía en la producción de energía” ergo que nos chanten aquí unha nuclear. Total os encoros xa asolagaron os vales e mataron os ríos, as térmicas contaminaron a atmosfera e os eólicos desfixeron os montes… Que máis da unha nuclear? E que mellor sitio que Xove? A fin de contas as lamas tóxicas de Alcoa poderían ser empregadas para soterrar os residuos xa que conteñen a radioactividade.

Todo o anterior mostra as claras a idea de Galicia que ten La Coz e o seu dono, así como que algo moi malo lles deberon facer os de Xove. Por certo por se alguén non o lembra, era en Xove onde estaba previsto facer unha nuclear e onde ao final nos libramos polos pelos. Agora que Fukushima segue de actualidade non ven mal lembrar como nos libramos. Déixolle a palabra a Manuel Rivas que o conta mellor ca min nun artigo de fai unhas semanas. Porén antes de deixarvos con el un par de reflexións: unha sobre o nuclear e outra sobre a democracia en Galicia.

  • sobre o nuclear hoxe estou seguro que non nos libramos. Na Galiza que vendeu a alma o 1 de Marzo xa estou vendo as pancartas de ” Por un Xove con futuro, por un Xove nuclear”

  • e respecto a como van as cousas por aquí, lede estas dúas novas (1,2). Abraiante en calquera outro lugar. Aquí un aviso do que vai chegar.

Sen máis déixovos con Manuel Rivas.

“Os Profetas do Non

MANUEL RIVAS 18/03/2011

O 24 de agosto de 1976, os medios de comunicación informaban dun acordo da Dirección Xeral de Enerxía pola que se concedía a autorización previa para a instalación dunha central nuclear no lugar de Regodola, na beiramar do concello de Xove, na Mariña luguesa. Naquel intre había en España tres centrais activas e tres en construción. A de Xove era unha máis nun ambicioso plano expansivo que contemplaba o funcionamento de 24 centrais, no camiño da hexemonía nuclear na produción enerxética.

Contra o proxecto de central nuclear foi fundamental o labor das Comisións Labregas

O franquismo fórache de sempre moi atómico. O ditador soñara con ter a bomba das bombas. E dalgún xeito tívoas, como unha broma macabra, cando o episodio de Palomares e foi Fraga dar o espectáculo en meyba. Pero o feitizo nuclear era partillado por moitos, á marxe da ideoloxía. Meteuse, por dicilo así, no núcleo da ortodoxia do progreso concibido como un crecemento ilimitado. Nos últimos tempos vimos como a superstición atómica rexurdía como gran solución, defendida por un lobby de poder esmagador fronte ao David ecoloxista.

Mais estabamos en 1976. En Xove. A velas vir.

A resolución autorizando a central de Regodola non pillou de novas en Galicia. A idea deixara de ser rumor anos antes e xa dende 1973 o proxecto convertérase en noticia. Ao primeiro, pois, como unha boa nova. Mesmo unha nova máxica que ía transformar a economía e sacar do atraso a esa bisbarra varada. Mais o suposto agasallo comezou a ser cuestionado, como moitas outras cousas, naquel tempo de mudanza.

Houbo moita propaganda a prol da central. Moita opinión favorábel, apodíctica, aquela dos entusiastas, pagados ou non, que non admiten a resposta crítica, que decote escarnecen e satanizan a disidencia. Mais tamén houbo unha teimosa información alternativa. Foi fundamental o labor de organizacións entón clandestinas, en especial as Comisións Labregas e a desaparecida Asamblea Nacional-Popular Galega. Mais as siglas non son nada se non as avivecen persoas tecedeiras de esperanza, como foron daquela Penchas Santasmarinas e Ramón Muñiz de las Cuevas, axentes da chamada Extensión Agraria, por citar dous imprescindíbeis que logo tiveron diferente traxectoria política. O que eles e outros criaron foi un novo medio ambiente mental que propiciou a pacífica revolta contra o Xove nuclear. E así convocaron, co concurso de asociacións culturais, a científicos, economistas, sociólogos, avogados, pioneiros ecoloxistas, que foron quen de transmitir a enerxía alternativa de dicir non a aquela obra máxica que agora, con perspectiva dabondo, vemos como o que podía ter sido: unha maldición.

Así que o feitizo tomou a forma dun pesadelo. O que a xente comezou a imaxinar na beiramar xa non tiña o trazo dun deseño futurista senón dun espectro ameazante.

O seu non nuclear era un si. Un movemento que soubo encarnar o que Stéphane Hessel formula agora co xa célebre Indignádevos!: “Crear é resistir e resistir e crear”.

E todo comezou a cambiar de verdade o día en que ese non se manifestou como unha caligrafía humana na terra. As autoridades gobernativas prohibiran unha manifestación. Mais o 10 de abril de 1976 a xente púxose en marcha. Un detrás doutro. A pé, máis de tres horas. Tanta xente que a historia decidiu non levarlle a contraria.

Durante un tempo fixo fortuna, na prensa conservadora, a expresión “Os profetas do non”. A caricatura acadou, en gran parte, o seu propósito. Aínda hoxe me estraña que non saíra ningún grupo punk ou de ironía poética con ese nome feito para o escarnio de todo aquel que non se conformase co estabelecido. Era un sambenito paralizante. Intimidatorio.

-E ese quen vén sendo?

-Un Profeta do Non!

Non, non é que quixeras protexer o medio natural, procurar a igualdade de homes e mulleres, asociar os labregos nunha central leiteira que defendese os seus dereitos, procurar un ensino público que fornecese á grande maioría de coñecementos e pensamento libre, darlle azos aos recursos culturais como o sermos berce dunha lingua universal… Non, todo iso desaparecía. O que existía nese discurso tan proveitoso para o poder conservador era unha especie de estirpe malhumorada, adoecida, ancorada nun anacrónico saudosismo, pechada ao mundo. Era unha caricatura con dose de arsénico que tivo un efecto tóxico: os Profetas do Non, que tanto querían a Galicia, eran os seus inimigos. Non a deixaban medrar. Mais viñeron os Profetas do Si e Galicia nunca tanto achicou. Como ben explicou Albert Camus en L’homme revolté, en determinadas circunstancias, o dicir non é condición necesaria para o si. Un non á inxustiza histórica e dicir un si humanista. Un non á destrución do medio ambiente é dicir un si á vida.

Así que Galicia foi quen de dicir non en intres en que pairaba un si ameazante. E non unha soa vez. Verbo da ameaza radioactiva, houbo outro movemento no que este país mesmo xogou o papel de abanear as conciencias do mundo enteiro. Refírome á prohibición do vertido de residuos radioactivos no mar. O almacenamento de residuos nucleares segue a ser un dos problemas que os profetas atómicos, dispensando, aínda non resolveron de xeito convincente. Mais o que non ten nome era a irresponsabilidade de arroxar o lixo nuclear ao mar. Esa decisión non a tomaban piratas sen escrúpulos ou tolos. Dende os anos sesenta, toneladas de lixo nuclear foron chimpadas ao mar con autorización de gobernantes e burócratas que teñen como primeira obriga garantir a seguridade da xente.

Foron os Profetas do Non, desta vez da man da desaparecida Esquerda Galega, os que pararon semellante aldraxe contra a humanidade e o planeta. E todo comezou en 1981 con aquela expedición ao “corazón da escuridade”, á Foxa Atlántica, dun pequeno palangreiro chamado Xurelo.

Moito lembrei estes días os Profetas do Non. Aínda hei rezar por eles eu que non teño quen rece por min.”

Tamén en Galizauberalles2

Tags: ,

4
Abr

P.I.A.E

   Posted by: lannister    in Desfeita

Grazas a Heder por mandarme o seguinte:
“Todos sabemos que o noso país produce moita mais electricidade da que precisa e pensamos que non debería construírse unha soa central hidroeléctrica mais para abastecer á industria foránea. De todos modos, ata agora as centrais que se instalaron foron bastante desastrosas para o equilibrio ecolóxico pero polo menos producían electricidade.
Si é certo o que di a noticia seguinte http://www.vieiros.com/nova/73117/o-mosteiro-de-santa-cristina-de-ribas-de-sil-e-declarado-ben-de-interese-cultural , tratarase da primeira central hidroeléctrica que non produce electricidade, a consume.
O beneficio para a empresa virá de que o consumo de electricidade realizarase de noite, con tarifa reducida, e a produción (necesariamente menor que o consumo, cousas da termodinámica) farase de día, con tarifa normal. Vamos, que a empresa pensa aproveitar as diferencias horarias das súas propias tarifas para gañar especulando ca electricidade. E de paso levarse por diante os canons do Sil, que debe ser un obxectivo en si mesmo, dada a insistencia con que se adican a el.”
Claro esta que esto debese a que debe existir un “Plan Integral de Aprovechamiento Energético”, descoñecido polo comun dos mortais, que xera enerxía pola mera desfeita dos canóns do Sil. Plano que seguramente sera completado polo novo goberno co “Plan Integral de Asfaltado y Españolización”. En ambolos dous casos: P.I.A.E

Tags: ,