Posts Tagged ‘federalismo’

4
Xuñ

España: o imposible soño federal III

   Posted by: lannister    in Política

Rematado o mes da lingua continuo co tema do federalismo. O que sigue é unha continuación directa destas anotacións: 1, 2.

Co pronunciamento de Martínez Campos comeza oficialmente a Restauración que podemos estruturar do seguinte xeito:

– Durante o reinado de Afonso XII (1875-1885), Cánovas del Castillo converteuse no home forte do rei e creou un sistema político baseado no poder compartido entre as Cortes e o Rei, e no bipartidismo.

– Elaborou a nova Constitución de 1876. O sistema electoral era deixado en mans das Cortes. O partido conservador de Canóvas prefería o voto censitario. O partido liberal de Sagasta optará polo sufraxio universal masculino na lei electoral de 1890.

Claro que bipartidismo e lei electoral non era máis que unha fachada empregada para ocultar o verdadeiro alicerce do sistema: o caciquismo. Na practica o sistema politico baseábase en:

– Non aceptación dentro do  sistema politico nin do carlismo (absolutista e católico) nin dos revolucionarios (republicanos, socialistas e anarquistas).

– Creación, grazas a intervención de Sagasta,  do partido liberal para garantir a estabilidade do sistema mediante a quenda de partidos.

– Cando Cánovas ou Sagasta eran convocados polo rei para formar goberno o obxectivo principal consistía en que o seu partido gañase as eleccións a Cortes e debía prepararse o proceso electoral en dous aspectos: 1º publicación dunha lei electoral favorable, 2º contar en cada provincia co apoio dos caciques locais e dos oligarcas para o “encasillado” e a fraude electoral.

O sistema sera polo tanto nada democratico e moi estable. Estabilidade que permitira o desenvolvemento económico e demográfico:

– España tiña 16,6 millóns de habitantes en 1877, en 1900 tiña 18,6 e en 1920 tiña 21,5.

– En 1900, España seguía tendo unha agricultura tradicional baseada na triloxía mediterránea. Pese o cal ao final do XIX, tanto as vides como as oliveiras experimentaron unha grande expansión. Desde 1900 produciuse un aumento da superficie adicada os cereais así como a expansión de novos cultivos de regadío: citricos, remolacha azucreira e algodón na península; tomate, platano e tabaco en Canarias.

– A lexislación proteccionista (arancel de 1891) beneficiou ós cerealeiros casteláns, ós industriais textiles cataláns, a siderurxia vasca e a minería asturiana. Os empresarios vascos tamén creán compañías navais e grandes bancos como o de Bilbao e o de Vizcaia.

Será precisamente a estabilidade do sistema, o moderado desenvolvemento económico e a exclusión das forzas máis conservadoras e das máis democraticas as que lle van dar pulo a ansias federalizantes. Será a Restauración cando xurdan ou se consoliden os movementos rexionalistas de Euskadi, Catalunya e Galiza. Como resultado desto os proxectos de constitucións para os distintos estados federados ou rexionais multiplícanse. O caso catalán merece salientarse porque coa creba do carlismo tras a III guerra carlista a ameaza que este implicaba para o liberalismo desaparece no principado. E sen esa ameaza a burguesía comezara a aglutinarse en torno a Lliga e actuar en política co fin de tentar o imposible: que España renuncie o seu tradicional xacobinismo furibundo.

Así as cousas, co desastre do 98 e a maioría de idade de Afonso XIII en 1902 a Restauración entra nunha segunda fase que podería tela levado a un rexime democratico e descentralizado. Porén os reformistas do rexime fracasaron unha e outra vez o tempo que as forzas de esquerda e republicanas presionaban sen descanso por ou ben a reforma ou se esta non era posible a ruptura. O fío dos acontecementos sería mais ou menos así:

–  Intentos de reformar o sistema desde dentro por parte de conservadores, Maura, e liberais, Canalejas. Posteriormente dividironse os dous partidos en varias faccións desartellando o sistema.

– En 1909 a Semana Tráxica supuxo a fin do goberno Maura e o inicio do goberno Canalejas (1910-1912). As leis progresistas deste enfrontárono os conservadores. Entrementres, os anarquistas crearon a Confederación Nacional do Traballo (CNT). Durante a 1ª Guerra Mundial España declarouse neutral e abasteceu os países belixerantes. Con isto a burguesía obtivo beneficios extraordinarios, aumentou o proletariado e foron a máis os movementos obreiros. Entre 1917 e 1923 houbo unha autentica guerra nas fabricas de Barcelona, que comezou coas folgas e manifestacións e rematou con asasinatos mutuos de patróns e obreiros. E o pistoleirismo que non vai concluir ata a intervención do exército e o golpe de Primo de Rivera.

Será neste primeiro periodo, o anterior a ditadura de Primo de Rivera, cando os rexionalismos den o paso ao nacionalismo. E tamén cando se de o primeiro intento de descentralización: a mancomunidade catalana. Todo, incluida  propia Restauración, remataría coa ditadura de Primo de Rivera:

O golpe de Estado de Primo de Rivera, capitán xeneral, foi como un dos moitos que se produciran no século anterior. A ditadura durou sete anos 1923-1930.

– Foi ben acollida e mesmo apoiada polo rei Afonso XIII. Así a Monarquía vencellaba o seu futuro o da dictadura. Cando caeu Primo en 1930 o rei non tardou en seguilo coa proclamación da Segunda República en 1931.

– A ditadura tivo éxitos e fracasos. Entre os primeiros hai que salientar o final da guerra de Marrocos, tras o desembarco en Alhucemas, e un ambicioso plan de obras publicas que dotou o pais de 7000 km de novas vías Por outra banda, foi un réxime incapaz de modernizar o liberalismo oligárquico español. Sería un réxime represivo que en ocasións  perseguiu e encarcerou a quen se opoñía a el e o contradicía: peche de xornais, encarceramento de sindicalistas e folguistas, intelectuais e estudantes.

E será precisamente a necesidade de acabar coa Restauración a que faga que as forzas de esquerda e republicanas presten oídos aos nacionalismos. Mais como a idea federal esta ligada o fracaso da I República, na Segunda invéntanse o dos estatutos de autonomía.

Continuará…

Tamén en Galizauberalles2

Tags:

9
Abr

España: o imposible soño federal II

   Posted by: lannister    in Política

Ven desta anotación

Se na anotación anterior perfilabamos a situación política nesta ocasión imos ver como se desenvolveu a actividade económica neses tempos.

En 1795 España aliase coa Francia revolucionaria dando comezo a un longo período bélico que non remata ata 1840. Durante ese período a guerra será unha constante tanto no exterior coma no interior: guerras da revolución e do imperio, guerra de independencia, guerras de independencia hispanoamericanas, guerras entre liberais e absolutistas e primeira guerra carlista.

A prolongada incidencia da guerra vai desfacer os cativos avances da economía española do século XVIII e vai confirmar o gran cambio producido a partires de mediados do século XVII (e atenuado en parte durante as reformas do do XVIII): o baleiramento demográfico do interior peninsular e o auxe económico e demográfico das rexións periféricas. Artellandose a partir de aí un choque centro (poder político) – periferia (poder económico) que explica en parte o fracaso do modelo liberal xacobino o estilo francés que se intenta implantar en España.

Por outra banda a incidencia da guerra ou guerras vai abocar o Estado a escaseza de recursos crónica que lle impide actuar na meirande parte dos eidos. E será precisamente a guerra a que obrigue a levar a cabo unha das accións económicas e políticas mais transcendentes do período: a desamortización. Porén esta foi feita de tal xeito que os beneficios económicos foron mínimos e consolidaron unha das constantes da historia económica española: o papel do Estado como axente económico básico, non pola súa política económica senón porque a súa acción política crea, transfire ou garante os recursos económicos primordiais. Este feito combinado coa desamortización e a total desfeita dos mercados tras anos de guerra vai provocar que as elites do interior peninsular e as súas ramificacións no resto do territorio vexan no control do Estado unha necesidade “sine qua non”  non xa da súa supervivencia política senón tamén económica. Ou noutras palabras: a burguesía (termo moi xeneroso e incorrecto neste caso) do eixo Madrid-Cádiz-Coruña precisa ata o día de hoxe controlar o aparato do Estado e evitar que este mude porque de non ser así a súa actividade económica camiñaría cara a extinción.

Cando por fin chegue en certa medida a paz e se inicien tímidas reformas económicas e a situación xeral mellore o dominio político económico desa elite identificada co Estado=Madrid vai impedir que se tomen medidas racionais e a economía de España sigan sendo un pouco rara (por empregar unha palabra suave).  Claro esta que o mesmo tempo Cataluña ou mellor dito a provincia de Barcelona estaba a levar a cabo unha industrialización idéntica a Europea. Dado o ermo económico do resto do Estado e a súa febleza en comparación cos países europeos, a burguesía catalá vaise integrar na política da época defendendo xeralmente as posturas mais avanzadas: progresistas primeiro, demócratas despois. Sempre coa idea motriz de que o Estado responda os seus intereses do mesmo xeito que a esa elite afincada en Madrid (no senso amplo da palabra).

Así, nestes primeiros momentos, pese a que xa comezan a xurdir areas económicas claramente diferenciadas, e con intereses contrapostos, en vez de constituír  un pulo as ideas federais = acordo entre as partes para non chocar. O que vai ocorrer dada a febleza do Estado e o seu papel, casi feudal, de creador/mantedor de riqueza mediante a acción política e todo o contrario = centralismo e loita polo control.

Continuara…

Tamén en Galizauberalles2

Tags:

6
Abr

España: o imposible soño federal I

   Posted by: lannister    in Política

Dúas cousas, a primeira que as programacións automaticas fallaron e esta anotación que tiña que saír o venres 2 non o fixo. Si o fixo en Galizauberalles2. Así que para quen a vira alí e non aqui xa sabe que pasou.

A segunda un aviso:

” Este mércores 7 de abril está convocada a reunión do Consello Escolar de Galiza que terá de aprobar ou reprobar o proxecto do mal chamado decreto de plurilingüismo no ensino non universitario. O inicio da reunión está fixado para as 16.30 en 1ª convocatoria, 17 en 2ª. O lugar será a propia sede do organismo, no antigo hospital de San Roque (Rúa San Roque, 2, a carón da galescola), en Santiago de Compostela.

Queremos Galego! convoca concentración para este mércores ás 16.15 diante do edificio do Consello Escolar de Galiza. ”

Aclarado o anterior aqui vai a anotación.

Fai tempo prometín tratar o asunto da posibilidade dun estado federal en España. Comezo con esta anotación o cumprimento desa promesa.

A vaga revolucionaria de 1848 foi a derradeira onda revolucionaria na que participaron unidas a burguesía, os grupos urbanos e o proletariado. Pese a que acabou fracasando no curto prazo foi a vaga revolucionaria que consolidou o liberalismo. De feito nos anos seguintes tódolos países (a excepción da Rusia do tsar) acabarían por adoptar réximes mais ou menos liberais. Ao mesmo tempo o liberalismo pasa de ser unha doutrina revolucionaria a converterse nunha doutrina conservadora ou dito doutro xeito de ser a esquerda pasa a ser a dereita. Isto debese en primeiro lugar a que se logra aquilo que se pretendía e a que os grupos urbanos se fragmentan ideoloxicamente. Uns intégranse no liberalismo o ver satisfeitas as súas aspiracións e outros van dar lugar o socialismo. Os campesiños pola súa parte desaparecen como grupo político nos países de Europa occidental o : ter conseguido o acceso a terra coas reformas liberais ou ser expulsados dela tanto por esas reformas como pola industrialización incluíndose no proletariado. O feito de que o propio movemento democrático conte con apoios dentro do liberalismo non cambia o anterior.

En España a revolución de 1848 non chegou. Gobernada por Narváez a quen se lle atribúe  no seu leito de morte a frase ” Padre yo no tengo enemigos pues los he mandado fusilar a todos” España permaneceu tranquila dentro da súa peculiar forma de liberalismo doutrinario. Tradicionalmente soe considerarse que o equivalente a revolución de 1848 foi o Bienio Progresista de 1856-1858. O cal é amplamente incorrecto. A intensidade dos cambios, a convulsión social é a amplitude do movemento fan que sexa o Sexenio Democrático de 1868-1874 o verdadeiro equivalente a Revolución de 1848. Se normalmente non se considera así é porque queda moi lonxe no tempo do movemento orixinal e por presentar certos matices mais modernos. Claro esta que tendo en conta os matices antigos: unión dos distintos grupos, ansias de cambio e crenza en que ese cambio significa o mesmo para burgueses, campesiños e grupos urbanos todo indica que estamos ante a Revolución de 1848 que chega tarde ou cando pode.

Será precisamente este “carácter antigo” o que fará fracasar o Sexenio. Unha comparación coa Francia revolucionaria de 1848-1852 permítenos ver unha evolución mimética no fundamental coa única diferenza, totalmente accesoria, de que aquí primeiro tentouse unha monarquía renovada.  A que me refiro con “carácter antigo”. A burguesía pretendía a consolidación dun réxime liberal non sometido os caprichos da Coroa, no que houbese unha verdadeira alternancia no poder mediante eleccións e a desaparición da corrupción que lastraba o país. Que o réxime fose liberal doutrinario (voto censitario e soberanía compartida) ou democrático (sufraxio universal e soberanía nacional) tanto lles tiña. Pola contra os grupos urbanos e os campesiño buscaban todo o anterior mais unha redistribución da riqueza e maior igualdade social e a propiedade da terra. Para estes dous grupos os termos democracia, república e federal non significaban o que indican os manuais de política. As súas ideas expresadas a través deses termos enlazaban directamente co socialismo utópico e o mesmo o marxista, so que aquí case ninguén oirá nada das familias socialistas.

Con todo o anterior a proclamación da república, en 1873,  vai ser unha sorpresa para todos. A fin de contas os republicanos eran minoría no Congreso, e dentro dos republicanos érano os federais. Así mentres se redactaba a nunca promulgada constitución da I república, que era unha república federal, seguiu en vigor a Constitución de 1869. Claro que o pobo, os grupos urbanos e os campesiños, non podían esperar así que pasaron a acción dando lugar o movemento cantonalista. A recen nacida república atopábase así en guerra contra a reacción (III guerra carlista) e contra o cantonalismo. Os deputados federais debían soportar os ataques dos non federais que pedían por unha república centralista e dos monárquicos que equiparaban república, caos, violencia, separatismo e federalismo.

Cando o xeneral Pavía de o seu famoso golpe de Estado a república non rematou como se acostuma dicir senón que se entrou nunha fase de goberno de concentración presidido por Sérrano. Os éxitos deste poderían ter salvado a república o xeito da Francia de Mac-Mahon porén Canovas e manobrou para evitalo e dar lugar a Restauración.

Pese o seu fracaso o Sexenio democrático ten unha grande importancia por :

– ser a primeira vez que se constitúe un goberno democrático no pleno sentido do termo: Constitución, liberdades e dereitos, separación efectiva de poderes, sufraxio universal… e non meramente como unha concesión que despois era desmentida no día a día.

– supón a primeira entrada das masas na política. E dentro desta entrada clarifica por fin as posturas separando a burguesía dos outros grupos e facendo aparecer unha esquerda socialista e anarquista. Democracia, república e federal poderán ser termos políticos no senso xeral e non co significado anterior de revolución social.

– derrota definitivamente a Reacción. A terceira guerra carlista demostra que o carlismo non da mais de si e que aqueles que loitan o seu carón por motivos “rexionais” deben buscar outros camiños. O nacionalismo catalán e vasco  arrancaran en parte deste feito.

– E para rematar e non menos importante e por desgraza  o elemento mais duradeiro do Sexenio: a identificación da república e sobre todo do federalismo coa violencia, o caos e o separatismo.

Continuara…

Tags: