Posts Tagged ‘re’

14
Xan

O Islam VI: O Fundamentalismo

   Posted by: lannister    in Historia

Tras o parón deste mes e medio recuperamos a serie de anotacións sobre o islam.

Ven desta anotación

As novidades (bid’a, innovación) en materia de teoloxía e xurisprudencia foron rexeitadas polos musulmáns desde os primeiros momentos e están na orixe dunha actitude que só recentemente denominamos fundamentalismo (un termo orixinariamente demais acuñado para cualificar ao cristianismo americano máis conservador). Para entender este fenómeno hai que ser conscientes de que un mundo profundamente marxinal como era o árabe da época de Mahoma, convertido no lapso dunha xeración no conquistador da zona do globo na que a cultura escrita era máis antiga e que fora capaz de asimilar pobos moi diversos ao longo dos milenios, tivo que xerar unha serie de mecanismos para preservar a identidade. Esa capacidade de defender os alicerces fundamentais da fe e a práctica de vida consolidou unha cultura bastante homoxénea nun territorio extremadamente diverso, porén á vez, as tendencias centrífugas callaron en rupturas como a que xorde entre chiitas e sunitas. No pensamento musulmán desde as orixes existiu a opción da volta ao pasado, ás raíces, aos costumes primitivos que sempre planean, dado o carácter nuclear que ten o Corán na vida do musulmán, como un ideal de pureza prístina. Un exemplo moi influente desta actitude ofréceo o wahabismo, doutrina oficial en Arabia Saudita, que xorde da predicación de Muhammad ibn Abd al-Wahab (1703-1792) e que se enfronta frontalmente á maioría das innovacións.

O impacto da modernidade resultou un revulsivo para o pensamento musulmán en moita maior medida que para o occidental posto que o ideal de sociedade laica resulta extraordinariamente difícil de alcanzar sen renunciar ao núcleo mesmo da identidade. A capacidade agresiva occidental, que impuxo a vontade das potencias europeas en Oriente Medio e no norte de África manifestouse do modo máis diáfano coa progresiva descomposición do sultanato otomán (que mantiña a ficción dun estado panislámico); non é por tanto de estrañar que a reacción máis radical fronte á modernidade xurdise das cinzas deste gran imperio. É a vía de desislamización que propiciou Mustafá Kemal Atatürk (1881-1938), desde a súa posición de presidente da República de Turquía a partir de 1923; o islam foi tolerado como práctica cultual persoal, pero non impregnaba (polo menos en teoría) as institucións que xa non se rexían pola lei islámica. Os signos externos da forma de vida islámica (o vestido, a escritura árabe, a submisión da muller, a charia, en resumo) foron abolidos, optouse por unha occidentalización que permitise á nación turca competir en plano de igualdade coas potencias de Europa. Nesta liña de adaptación á modernidade inclúense outros modelos de nacionalismo árabe «liberal» como o propiciado polo partido Baas (no goberno en Siria e en Iraq hasta a guerra do 2003), o naserismo ou os modelos iraniano (antes de 1979) e alxerino, opcións que aínda que han de contemporizar puntualmente cos tradicionalistas islámicos (sobre todo nos últimos tempos) rexeitan de plano as súas reivindicacións (mesmo pola violencia como fixo Nasser ou fan os dirixentes alxerinos).

A esta opción enfróntase de modo radical o fundamentalismo islámico, consolidado tras a fundación en 1927 da Asociación dos Irmáns Musulmáns cuxo lema sintético é «o Corán é a nosa constitución» e que unen a crítica aos musulmáns mornos cun anti-occidentalismo radical que exemplifican as palabras dun dos seus máximos ideólogos, Sayyid Qutb:


Todas as representacións das hipóstases da Trindade, o pecado orixinal, da Redención non fan senón prexudicar á razón e á conciencia! E ese capitalismo de acumulación, de monopolios, de intereses usurarios, impregnado de arriba a abaixo de avidez! E ese individualismo egoísta que impide toda solidariedade espontánea que non sexa a obrigada polas leis! Esa visión da vida tan materialista, tan miserable, tan disecada! Esa liberdade bestial denominada mestura de sexos! Ese mercado de escravas baixo o nome de emancipación da muller, esas astucias e ansiedades dun sistema de matrimonios e divorcios tan contrario á vida natural! Esa discriminación racial tan forte e tan feroz! En comparación, canta razón, que altura de vistas, que humanidade, no islam” (Maalim fi l-tariq (Sinais do camiño), 1964).


A vitoria de Khomeini en 1979 cambiou o rumbo do fundamentalismo islámico, até ese momento marxinado e os seus dirixentes perseguidos e mesmo en moitos casos executados ou asasinados polas autoridades (Hassan al-Banna, fundador dos Irmáns Musulmáns foi morto pola policía política exipcia en 1949; Sayyid Qutb colgado en 1966). Desde o baluarte iranio Khomeini tentou consolidar unha opción anti-occidental que superase a dicotomía chiitas-sunitas, presentando un novo enfrontamento no que os «reformistas» aparecían como o verdadeiro inimigo. A guerra irano-iraquí (1980-1988) resulta un paradigma do enfrontamento entre a opción fundamentalista e un reformismo que busca a súa liña de identificación no militarismo expansivo e no panarabismo político. O ideal do estado islámico unificado, que mantivo como unha ficción o imperio otomán até a súa agonía trocouse no ideal político «liberal» do estado panárabe, (buscado tanto por Nasser, como por Saddam Hussein e o partido Baas), que aglutinaría á comunidade cultural (e non xa de crentes) como unha forza capaz de afrontar o reto do impacto imperialista (simbolizado no estado israelí).

No outro extremo aparecen os integrismos, que presentan, polo menos, dúas vías; por unha banda está a do fundamentalismo ético e relixioso pero tinguido de pragmatismo na relación con Occidente (e en particular cos Estados Unidos, como se viu na guerra de Kuwait) que preconiza Arabia Saudita e que parece corresponderse con países enriquecidos co petróleo nos que a identidade árabe-islámica ten o seu maior inimigo na poboación de estranxeiros, moitos deles asiáticos, indispensables nunha sociedade progresivamente acomodaticia. Outro fundamentalismo, militante e radicalmente antioccidental xurdiu en países (Exipto, Alxeria, Afganistán, Paquistán, Irán, Palestina ocupada entre outros) con amplos grupos de poboación vivindo na miseria (con porcentaxes de mozos sen expectativas moi altas), para os que o modo de vida do primeiro mundo é inalcanzable (salvo por medio do recurso á emigración) e que buscan nos preceptos islámicos tanto o marco de seguridade que ofrece a tradición como o medio de canalizar a protesta fronte á inxustiza (que se plasma no odio cara ao non musulmán, tanto pola súa riqueza como pola súa calidade de infiel, mentres que non se dirixe cara á escandalosa riqueza de certos países musulmáns protexidos por un particular fundamentalismo). O problema palestino e a consolidación do Estado de Israel como baluarte dos intereses occidentais en pleno territorio islámico provocaron un agravamento do nacionalismo árabe (que presenta unha gran diversidade de vías, resultando exemplos extremos os líderes libio e iraquí cos seus modos particulares de utilizar o reclamo islámico no seu beneficio) e unha radicalización das posturas dalgúns grupos fundamentalistas (Hezbolá, Yihad islámica, Takfir, grupos alxerinos, Al-Qaeda) que están a profundar os focos de tensión en tres zonas delicadas (o Magreb, Palestina, Asia Central). O mundo islámico resulta por tanto un complexo panorama no que a relixión e a xeoestratexia mestúranse creando un mosaico variado e complexo e no que a relixión xoga un papel moi significativo.

Tamén en Galizauberalles2

Tags: ,