Posts Tagged ‘UPyD’

26
Feb

Nas trincheiras

   Posted by: lannister    in Política

Lin en “El País” un artigo que concorda bastante cunha das miñas teimas habituais, xa tratada con anterioridade neste blogue, a configuración dunha potente plataforma mediatica a favor da dereita mais cerril sen que desde a esquerda se poida contrarrestar esa marea creadora de opinión.
Nestes momentos Popular Tv, Veo7 e Intereconomía batallan con éxito a nivel estatal na creación dunha idea de España/castelán en perigo que debe ser salvada a calquera prezo.

A Constitución segundo eles:

– uns días, cando están de boas, é mal interpretada.

– noutros , a maioría, foi unha concesión escandalosa a esquerda e nacionalistas-separatistas que debe ser reformada nun senso amplamente restritivo.

Agora mesmo “El gato al agua” en Intereconomía e “La Vuelta al mundo” en Veo7 configuran dous espazos de linchamento e destrución do contrario. Programas que se retroalimentan a través dos outros medios do grupo: radio Intereconomía e o xornal “La Gaceta” no caso do primeiro e o xornal “El Mundo” no caso do segundo, con aparicións estelares en radios amigas como COPE e esradio.

Fronte a isto existe algunha alternativa? Dúas porén moi distintas os programas anteditos. “La noche en 24 horas” da canle 24 horas de TVE e o recente “Hoy” en CNN+ Ben é certo que ámbolos dous responden a un esquema clásico de programa informativo que mestura opinión e análises e non o novo xornalismo de acoso e derribo posto en vigor desde os 80 polos republicanos dos USA ( o celebre rearme moral da era Reagan que levou a “vitoria sobre o comunismo e a caída da URSS) e que agora chega ata o estado español.

Discútese moito sobre a incidencia real deste novo xornalismo na sociedade en xeral e na política en particular. Sobretodo desde os medios de esquerdas que se negan a entrar no mesmo xogo dada a coñecida “superioridade moral dos medios e votantes de esquerdas”. Coincido na necesidade de non imitar o modelo, aínda que non creo na superioridade moral da esquerda en ningún sentido. É mais, o efecto practico desta suposta superioridade moral: quedar na casa e non votar cada vez que a “pureza” persoal se ve ameazada paréceme unha parvada maiúscula.
O quid da cuestión non esta en imitar o modelo senón en neutralizar os seus efectos prexudiciais, en non deixarlle o campo libre e evitar esa fuxida da opinión publica. De momento tanto a esquerda como o nacionalismo no caso de Galiza non foron quen de considerar unha alternativa mais aló de apoiar programas clásicos como os mencionados que por ser clásicos so van atraer a unha poboación cun nivel de debate político mais elaborado e van ter menos peso mediatico. Nesta ausencia de alternativa tamén inflúe o feito de que tampouco pensaran moito nela, e van sufrir todas as consecuencias como xa lles pasou con La Coz.

E xa que estamos falando de medios de comunicación so me queda comentar a entrevista a Guillerme Vázquez este luns 22 de febreiro na TVG. (Por milagre a TDT permaneceu estable durante o tempo da entrevista, constituíndo xunto coa película Wolfhound as dúas únicas cousas que puiden ver na TVG desde que pasei a TDT hai uns meses).

A verdade é que me esperaba que o entrevistador fose Carlos “martelo de galegofalantes” Luís “lambecús de Conselleiros” Rodríguez. Non foi el, unha magoa. A entrevista foi a típica entrevista pactada e totalmente descafeinada. Supoño que o único éxito que se pode apuntar o BNG nos últimos meses e que precisamente conseguiron pactar esta entrevista tal e como é usual.

O voceiro nacional do BNG comezou claramente nervioso porén foi mellorando claramente a medida que avanzaba a entrevista sen conseguir vencer por completo esa lacra que comparte con Quintana e non tiña Beiras: a voz e pose de vello cura de aldea cando da un sermón. Nos tempos de hoxe esa forma de falar e presentar as cousas espanta.
Respecto as preguntas, as típicas e do mesmo xeito típicas foron as respostas. Aí esta o maior erro do entrevistado. Tivo a ocasión polo menos en tres preguntas de sacar algún beneficio:
– As caixas? A resposta foi o discurso oficial do Bloque, cando agora todo apunta a que foi o parvo útil e que as caixas se van repartir alegremente entre PSOE e PP. Unha oportunidade perdida de transmitir algo en positivo: a necesidade dunha caixa galega, que os intereses de Galiza están por riba dos partidos, que o PP e Feijóo teñen unha axenda oculta igual que o PSOE, que o BNG apoiou e apoia a fusión mentres sexa galega e que se todo segue igual hai razóns de sobra para estar contra ela na medida que signifique un reparto de prebendas, que se a fin hai fusión esta non é un punto final senón un punto de partida…
– Vai haber mais pactos co PP? a resposta típica para evitar quedar como alguén que cambiou de bando e traizoou a esquerda e anos de batalla anti PP. Oportunidade de dicir algo sinxelo e claro: o Bloque pactara con calquera partido cando sexa bo para Galiza. Non temos porque pactar so con uns, nin pactar sempre. Galiza é a nosa primeiro preocupación.
– Vai ser o candidato a Xunta? a resposta que o partido non esta niso porque as eleccións quedan moi lonxe e ningún partido ten pensado o seu candidato. Oportunidade de dicir: son o voceiro nacional e cando chegue o momento presentareime ou non (que tampouco sei se o señor Vázquez ten ganas de ser candidato) a decisión do partido. De momento o partido funciona con todos os seus cargos nomeados e cada un cumprindo o seu papel. É o mesmo que dixo el porén escorre menos a resposta e da menos sensación de transitoriedade.
En fin como vemos o campo mediatico presentase negro para nos e os lideres do nacionalismo non parecen moi dispostos a cambiar nin polos menos o seu xeito de comunicar.

ENGADIDO 1: Para un día que non vexo o programa vai Rosa Díez e saca a lingua a pacer en Hoy (1,2,3) Eu creo que non desacredita o programa como puidera parecer se no a ela mesma. Ademais confirma esa fascinación que sinten todos en España por UPyD incapaces uns de ver o que é, un partido fascista, e outros encantados con que sexa así. Por outra banda tamén confirma ese sentimento alén Pedrafita de: “pobriños menos mal que os goberna o PP” nunha versión e noutra: “pobres anormais, como poden seguir votandolle o PP”.

Tamén en Galizauberalles2

Tags: , ,

12
Nov

Outras consideracións sobre ED e UPyD

   Posted by: lannister    in Política

Xopau envía o seguinte:

” COMPLETANDOA LANNISTER: EUSKAL-HERRIA, MULLER, ALAKRANA…

Elixo unha colaboración para comentar e completar as colaboracións que Lannister fixo sobre a extrema dereita por carecer dunha conexión fiable a internet. Teño idea de ir un pouco longo (pido perdón) e disgustaríame que non me subise o comentario.

De primeiras, aclarar que concordo plenamente con todo o exposto nas súas colaboracións e, máis que nada, na definición que fai da ED. É preciso traballar no sentido do desvelamento da verdadeira identidade e finalidade de partidos coma o de Rosa Díez e, o que pode sernos máis útil, en ver como son capaces de facerse un espazo político sen demasiados problemas e en pouco tempo.

As leis xerais de análise serían dúas:

1.Ante a indefinición alguén ocupará a posición de definido.

2.A definición está en relación (inversa) co auxe económico e prosperidade.

Fronte a Europa onde o problema principal é o da inmigración, en España ocuparía o primeiro posto á hora de definir a ED a cuestión nacional. Desde a óptica da vertebración territorial do Estado contaríamos con dous partidos que ofrecen igual solución: PP e UPD. A inmigración separaríaos o que beneficia, sen dúbida a UPD, que se convirte así en alternativa real aos desencantados do PSOE. Isto pode resultar aventurado e pouco crible pero as dimensións da crise (a que está por chegar aquí) xoga a favor de UPD.

E o PSOE????

Tranquilo; e na súa liña dos últimos 25 anos que tamén pode resumirse en lei:

“A indefinición ideolóxica permanente, sempre que se acompañe de campañas electorais perfectamente planificadas, é a mellor vía de acadar o goberno”

Aquí van algúns exemplos:

a.Reúne discursos no nacional que van desde o que podería facer a dereita do PP (Ibarra, Bono…) ata firmar co independentismo catalán. Realmente parece que sexa un comentarista da Cope pero a min non me convence un partido así, aínda que temporalmente me puidese beneficiar. Xa o dixen moitas veces: a inxustiza e falta de coerencia acaba creando movementos contrarrevolucionarios que en min só producen un sentimento: pánico. (Irémolo vendo co de UPD e o seu avance).

b.Destrúe todos os días un dos principais piares do Estado como é o da igualdade xurídica. Os exemplos son moitos e o triste é que a xente de esquerdas está a favor dalgún deles. Hoxe anunciouse que o eximente por alcool e drogas non será tal nos casos de violencia de xénero. Isto é unha barbaridade: ou é un eximente en todos os asasinatos ou en ningún. O exemplo do canon dixital da SGAE é outro e, por desgraza, conta co apoio da progresía cultureta hispánica. Que un Estado non se bote á rúa co da Lei de Partidos demostra que como ESTADO (inspirado no ideal ilustrado) está morto. O mesmo con todos os peches de xornais en Euskadi, Lei Antiterrorista, etc.

Direi de paso que isto que fai o PSOE (a meirande parte das veces co beneplácito do PP) pode chamarse feudalización do Estado e en canto afecta, moitas veces, a grupos sociais e non a territorios é bastante máis perigoso que o nacionalismo que aterra aos de máis alá de Pedrafita.

Por personalismo e por ser medievalista quero deixar constancia de que non lle teño a isto demasiado medo. O feudalismo é unha maneira de organizar unha sociedade con clases coma outra calquera. Estaría bastante máis preocupado se pertencese á progresía ou á esquerda e crese na lenta pero segura evolución do home.

c. En moitas das medidas citadas non se pode descubrir no quefacer do PSOE máis que un puro afán electoral. Conviría preguntarse se un partido que fai varias leis sobre un mesmo tema en pouco tempo non está colaborando no problema de forma indirecta. Exemplo: ten responsabilidade o Psoe nas mortes de mulleres maltratadas por non ter contemplado na súa anterior lei sobre o tema o feito de que alcool e drogas non fosen eximentes??? Ou cando menos é responsable da pouca pena imposta a certos agresores? Percatémonos de que a actual lei ten pouquísimo tempo e xa se quere cambiar. (Un Estado ten un problema grave se todos os xuristas hoxe botaban lume e a xente entrevistada na rúa aplaudía coas orellas. Por certo, cando se implante a pena de morte tamén aplaudirán porque matar a un asasino en serie é unha barbaridade pero a un marido celoso é un acto de xustiza)

E por último e como actuación estelar de todos os partidos en xogo: o Alakrana, o Alakrana… que espectáculo!!! Pobre Estado…menos mal que non creo nel… Hai que negociar con terroristas, pagar, saltarse a lei….”non hai dereito máis importante que o dereito á vida” (El señor de las habichuelas). Só direi unha cousa: pódenllo contar a Miguel Angel Blanco. Toda a súa España en pé e ninguén pedindo a negociación…”

NOTA:  A  PATIRES DE AGORA AS COLABORACIÓNS LEVARAN UNHA ETIQUETA CO NOME  DO AUTOR

Tags: , ,

11
Nov

Extrema dereita e UPyD (final)

   Posted by: lannister    in Política

Ven da anotación anterior:

A caída do muro de Berlín deulle un gran pulo a estes partidos aproveitando o desconcerto e o retroceso da esquerda. Se nos anos vinte o fascismo se presentou como unha ideoloxía que pretendía superar a división da sociedade en esquerda e dereita, agora a nova ED presentarase como a única alternativa que se preocupa pola xente fronte o fracaso da esquerda e os danos que provoca na sociedade a aplicación das políticas neoliberais independentemente da suposta cor do partido gobernante. Grazas a isto os partidos ED aumentaran en número e forza, logrando éxitos como gobernar en Austria ou situar a Le Pen na recta final das presidenciais de 2002. Hai que ter en conta que en todo isto a ED contou a inestimable colaboración da esquerda.

Se nos anos vinte o fascismo alimentouse do medo o comunismo, desde os setenta a nova ED beneficiarase das contradicións internas da esquerda. A esquerda europea vive nos anos sesenta e setenta inmersa no dilema sobre se é marxista ou non. Se é marxista que tipo de marxismo (leninismo, maoísmo, trotskismo…) Se non é marxista que tipo de socialdemocracia é. O final e coa sombra da URSS pesando no horizonte todo queda nunha liorta continúa na que as escisións en aras da pureza ideolóxica e as acusacións de vendidos o capital se suceden. De pouco servira que finalmente calle o eurocomunismo ou un modelo socialdemocrata de mínimos cando a crise do petróleo vai converter a todos en neoliberais. Fenómeno acentuado a partires da caída do muro, momento en que as medidas neoliberais se converten en dogma. Nesa situación seguir chamándose camaradas uns a outros, cantando a internacional e erguendo o puño non enganan a ninguén. A xente quere solucións ou cando menos esperanza. A ED polo menos vende isto ultimo. De aí que para sorpresa de todos Le Pen contara no 2002 con votos de poboación inmigrante regularizada e integrada: obvio eles son os que senten de primeira man a presión da inmigración non regularizada e inmigrada, como defensa do pouco que teñen decantaron se polo único que falaba claro sobre o tema: Le Pen.

Por outra banda se estes partidos non medraron mais foi porque a propia dereita consolidade absorbeu cada vez mais posturas ata entón propios da ED: vexase a Sarkozy en Francia e o seu tratamento da inmigración; ou Berlusconi en Italia.

E mentres todo o dito ocorre en Europa, que pasa en España?

Como en case todo a longa noite de pedra que foi o franquismo mantivo a España illada das novas correntes de pensamento da ED. Non debemos esquecer que o franquismo era ante todo iso, franquismo é dicir Franco e punto. Por paradoxal que poida parecer, o mesmo réxime que daba acubillo a SS con crimes de guerra as costas, censuraba ou prohibía as obras renovadoras e impedía os seus autores pisar chan español. Así o franquismo preservou a España de todo este fenómeno. E non será ata a morte do ditador que as primeiras obras e os primeiros pioneiros da nova ED cheguen a España. Unhas e outros non terán ningún éxito. A transición polarizaba os seus posibles seguidores entre aqueles que ían aceptar a democracia e inclinarse polas forzas da dereita democrática ou pola nostalxia do franquismo.

Os nostálxicos do franquismo, aínda vixentes, careceran de éxito porque o seu pensamento é demasiado arcaico e porque o propio franquismo carecía dun corpus ideolóxico mais aló do propio Franco.

Os anos 80 verán como os franquistas esmorecen e se achegan os neos (fascistas e nazis) que chegan aquí como o resto de Europa. Mentres os renovadores da ED andan desnortados o tentar copiar o modelo do Fronte Nacional de Le Pen (como xa dixen o menos modernos destes partidos) sen conseguir diferenciarse claramente dos neos, entre os que podemos incluír o neofranquismo. Así mesmo a lenta consolidación da dereita democrática que non rematara ata 1993 (previa fundación do PP en 1989) tampouco crean o ambiente obxectivo que permita unha alternativa seria de ED. Cando a dereita democrática aínda non existe, non gobernou e polo tanto non pode decepcionar a ninguén é imposible que apareza unha alternativa ED.

Nos noventa comezan a producirse os primeiros cambios que tal poderían facer xurdir un partido moderno de ED. O Partido Popular chega o poder e a inmigración convertese en masiva co que xa se tería o tema de referencia aglutinador. Se os cambios non se produciron foi porque pese a toda a propaganda antiinmigración o crecemento económico permitiu absorver está man de obra extra, e o máis importante derivar a poboación española cara a traballos mellor remunerados e menos duros. Ademais hai que ter en conta que o PP, que carece dunha ideoloxía concreta, enche todo o espazo político da dereita o constituírse en referente de todo ese abano político, o mesmo tempo que manexa o populismo e a demagoxia como o mellor. Ese orgullo “popular” por ser o dique que nos salva da ED, convertido en mérito recoñecido pola “progresía” sempre me fascinou. Ben a ser algo así como: “Nesta vila non temos asasinos en serie, xa esta o Pepe que mata unha persoa o mes, e grazas a iso non aparece ningún outro”

Será pois o século XXI o encargado de ver nacer unha forza de ED. Por que agora e non antes?

– En primeiro lugar as condicións do acceso o poder do PSOE na lexislatura 2004-2008. O atentado do 11-M espallou unha sombra sobre a lexitimidade do PSOE para gobernar que aínda se mantén.

– En segundo lugar a campaña de acoso e derribo da prensa da dereita e do propio PP contra toda a política do goberno socialista, sen que este fose capaz de contrarrestar esa campaña.

– En terceiro lugar a propia febleza do goberno: con problemas continuos dentro das súas filas con cada tema conflitivo. Febleza acentuada o carecer dun aliado fiable e estable que lle permitira practicar o rodillo parlamentario típico da maioría absoluta. Este feito que en calquera democracia sería considerado unha virtude aquí acostumados a elixir caudillos e non gobernantes viuse como un erro. Erro acentuado pola esperpéntica actuación de ERC que queimou todo o que tocou.

A conxunción de todos eses factores e outros mais provocou por unha parte a sensación nunha parte da esquerda vinculada o PSOE de que todo ía a peor, mentres os xiros ultramontanos do PP (que non deixa de ser o partido da dereita de toda a vida) asustaba a outros non porque non compartiran o fondo da súa argumentación senón por estar desconformes coas formas. O resultado UPyD.

– UPyD defínese como un partido transversal que pretende defender os cidadáns, a democracia e a liberdade dos abusos que os políticos profesionais e os partidos nacionalistas cometen. O propio concepto de transversalidade (non ser de dereitas nin de esquerdas fai saltar todas as alarmas)

– Ten un claro compoñente nacionalista. So que coma sempre no nacionalismo español, o termo empregado e constitucionalismo

– Ten un tema referente: a lingua-liberdade-igualdade. Eu sigo sen ver por ningures como o seu proxecto de carnet lingüístico vai defender a lingua-liberdade-igualdade de ninguén.

– Ten un líder amable/carismático: Rosa Díez.

– E a maiores conta con algo do que carecen os outros partidos ED: ideólogos/propagandistas de prestixio como Savater.

En fin aquí remata a miña análise sobre a ED e como esta por fin ten encarnación en España. Espero que resultara de interese e non se fixera demasiado longa.

Tags: ,